Noticias de Hoy
nicholas_altstaedt
Localidad: Lugo (Concello)
Fecha: 24/05/2019
Horario: 21:30 a 21:30

Concierto de la Real Filharmonía de Galicia en Lugo con Nicolas Altstaedt, director y violonchelo

Concierto de la Real Filharmonía de Galicia en Lugo con Nicolas Altstaedt, director y violonchelo.

Ventos de guerra
Ravel, Shostakovich, Haydn e Kelly

Nicolas Altstaedt

Recoñecido pola súa integridade musical e virtuosismo natural, o violonchelista xermano-francés Nicolas Altstaedt é un dos artistas máis versátiles do momento. Como solista, director e director artístico, fascina e engancha ao público percorrendo a música dende o barroco ata os nosos días.

Realizou os seus estudos musicais en Berlín con Eberhard Feltz, unha lenda entre os
educadores musicais.

Despois de saír vencedor en numerosos concursos internacionais, en 2009 obtivo unha
bolsa de estudos da Fundación Borletti Buitoni e o ano seguinte recibiu o célebre Premio Credit Suisse Young Artist Award, que lle permitiu tocar xunto coa Orquestra Filharmónica de Viena dirixida por Gustavo Dudamel no Festival de Lucerna. Director artístico do Festival de Lockenhaus e da Orquestra Austro-húngara Haydn, actúa regularmente en salas como Concertgebouw de Ámsterdan, Nova York, Festival de Salzburgo, BBC Proms, etc. e conta con gravacións para Hyperion e ChannelClassics, entre outros.

Notas ao programa
Se houbese que citar unha actividade humana que dende as orixes da cultura estivese
vinculada coa música, esta correspondería sen dúbida aos continuos conflitos bélicos que marcaron a historia da humanidade. Inicialmente, intervindo como un elemento organizativo, marcando o ritmo ou transmitindo ordes, pero en pouco tempo converténdose nun poderoso medio de propaganda, ideal para conducir o fervor patriótico dos combatentes. O enriquecemento da linguaxe musical permitiulle adquirir un poder moito máis sutil, pasando a ser utilizada como medio para expiar as emocións desatadas polos horrores da guerra. E é que cando calquera palabra resulta insuficiente, a música convértese no único medio de expresar o inexpresable.

M. Ravel: Le tombeau de Couperin (1914-1917, orq.1919)

Co estalido da Primeira Guerra Mundial, un Maurice Ravel (1875-1937) de 39 anos alístase no exército francés xunto con oito millóns de franceses. As súas aspiracións frustradas na infantería e a aviación, convertérono en condutor de camións na fronte. Ao volante do seu inseparable Adélaïde, viviu todo tipo de desventuras ás que milagrosamente sobreviviu. Por sorte a disentería e unha hernia afastárono da fronte.

Ao longo dos anos de contenda Ravel só escribiu A tumba de Couperin. Inicialmente
ideada para o piano como homenaxe ao gran compositor barroco francés, Ravel presentou finalmente a obra como un tributo aos seus amigos falecidos na fronte. A composición iniciouse en 1914 e só se completou en 1917 e estreou en 1919. A versión orquestral, do propio Ravel, foi estreada en febreiro de 1920. Para ela só seleccionou catro dos seis números pianísticos.

Un luminoso Preludio, protagonizado por un vivaz diálogo das madeiras, dá paso a unha Forlane cuxo ritmo aristocrático e a súa evocadora orquestración constitúen unha fusión única de neoclasicismo e impresionismo. No Minueto, dedicado á memoria do seu sobriño Jean Dreyfus, xorden as primeiras notas de melancolía, moi especialmente no belísimo e orientalizante trío. No último número continúa Ravel a recuperación das danzas clásicas. Trátase da vigorosa e saltarica danza provenzal do Rigodón. É unha paradoxal e exultante conclusión, aínda que contén no seu seo unha das pasaxes máis intimistas do compositor: un evocador trío que da man do óboe, corno inglés e frauta, traslada ao oínte a un mundo sonoro pastoril no que afloran as raíces vascas do compositor.

D. Shostakóvich: Concerto para violonchelo nº 1 en mi b M, op. 107 (1959)

Poucos compositores experimentaron e sufriron ao longo da súa existencia a violencia
humana de forma tan variada e sinistra como Dmitri Shostakovich (1906-1975). Aínda que foi testemuña directa dos grandes conflitos bélicos do século XX que decimaron á súa Rusia natal, a pegada que estes deixaron na súa creación artística foi moi inferior á que o terror estalinista lle causou nas súas propias carnes, levándoo mesmo ao borde do suicidio. Por se fose pouco, a morte do ditador e unha rehabilitación non exenta de crispación, converteuno en protagonista artístico dunha nova modalidade bélica que estalou na segunda metade do século XX: a guerra fría.

Estreado en 1959, o seu Primeiro Concerto para violonchelo foi dedicado e ideado para as capacidades, únicas para a época, de Mstislav Rostropovich. A súa extrema dificultade queda sen embargo minimizada ante o profundo impacto das súas ideas musicais, nacidas directamente da dramática existencia do compositor. O Allegretto constitúe unha paroxística e opresiva marcha na que o discurso do solista avanza inexorablemente entre as interxeccións da orquestra. Entre elas destaca un enigmático motivo de catro notas das trompas, recorrente en toda a obra. En medio da maior das crispacións prodúcese o abrupto salto ao desolador Moderato. É unha dolorosa pregaria na que o solista asume a voz do aterrorizado pobo ruso. Á maneira mahleriana -grande influencia no compositor- non falta o humor, tal vez como única defensa posible ante a traxedia, coa intromisión dunha inesperada melodía popular. O movemento conduce a unha louca Cadenza, a cal constitúe o terceiro movemento da obra. Sen solución de continuidade esta dá paso ao Allegro molto final. Con el retorna o carácter paroxístico do primeiro movemento. Neste caso trátase dunha vertixinosa fuxida cara a adiante do solista en loita continua cunha agresiva orquestra que mesmo chega a enlearse co violonchelo nun sardónico valse. A aparición do omnipresente tema de catro notas anuncia un final tan lapidario como desesperanzado.

F. S. Kelly: Elegía “In memoriam Rupert Brooke” (1915)

Frederick Septimus Kelly (1881-1916) foi un pianista e compositor australiano-británico falecido na Primeira Guerra Mundial. A súa Elexía para cordas (1915) foi escrita na fronte de Gallipoli ante a noticia da morte do seu amigo, o poeta Rupert Brooke, na súa ruta no Mediterráneo coa Forza Naval Británica, como consecuencia dunha septicemia sobrevida pola picadura dun mosquito. Aínda que Kelly sobreviviu á Batalla de Gallipoli -máis de medio millón de baixas- un ano despois caeu morto nunha pequena manobra contra unha posición alemá, no sur de Francia.

A súa Elexía é unha obra modal, que mira cara a un pasado medieval, por non dicir
atemporal. Fronte á flegma de Ravel, ou o desenfado de Haydn, ou a desesperanza de
Shostakovich, a reacción de Kelly ante a traxedia é dunha infinita serenidade e aceptación, deixando aberta a esperanza dun mundo realmente humano.

Franz Joseph Haydn: Sinfonía nº 100 en sol maior “Militar” (1794)

A vida de Franz Joseph Haydn (1732-1809), estivo marcada pola súa apracible residencia na remota e apracible corte dos Esterházy. Sen embargo, o final da súa etapa como Kapellmeister coincidiría coas guerras otomás, declaradas polo emperador Xosé II en 1788, e moi especialmente coas campañas europeas que sucederon á revolución francesa de 1789; guerras nas que Austria e Prusia intervirían en 1791. O fervor revolucionario campaba por tanto en Europa cando Haydn compón, entre 1793 e 1794, a súa Sinfonía Militar. O seu carácter bélico foi tan impresionante para a época, que foi o propio público quen adoptou esta denominación.

Número cen do seu catálogo sinfónico, é a octava das doce que conforman o ciclo londiniense composto para o empresario Salomon.

A Pastoral que conforma o Adagio inicial é dun carácter plácido e idílico. Facendo unha
viaxe no tempo cara o futuro, resulta interesante comparala co sereno escenario que 150 anos despois abriría a sinfonía bélica por excelencia: a Leningrado de Shostakovich. Haydn moldea o fraseo con continuos silencios que introducen pinceladas dunha crecente ansiedade. Sen chegar esta a resolverse, unha cantareira melodía das frautas e dos óboes abren un exultante Allegro. A placidez retorna temporalmente no segundo movemento, Allegretto, en cuxa primeira sección as
madeiras crean a modo de divertimento un escenario mozartiano. Pero a dualidade guerra e paz fai aparición de forma máis explícita que no movemento previo coa entrada dos pratos e os bombos. Aínda que para os nosos oídos resulte unha caracterización tópica do mundo otomán, no público londiniense estes efectos sinfónicos provocaron sentimentos azarosos. Cando o retorno da primeira sección parece reconducir o movemento, Haydn saca o seu habitual as da manga cunha inesperada coda estendida. Esta iníciase cunha chamada de trompeta cuxas notas ¡Son virtualmente idénticas ás que abren a Quinta Sinfonía de Mahler! A ela sucédelle un estarrecedor redobre de tambor que acompañado coa orientalista percusión pon un
impresionante punto final ao movemento.

No Minueto recuperamos ao Haydn máis clásico e livián. Tras a súa preguiceira e
cerimoniosa primeira sección, sucédese un intimista trío no cal destacan o ostinato de timbal e a pre-impresionista aparición do fagot. O Presto que pecha a obra é plenamente descritivo. Abre cun arrebatado primeiro tema, pero o desenvolvemento adquire repentinamente un carácter narrativo, moito máis silandeiro, no que os temas se insinúan e acazapan entre incisivos redobres de timbal. Finalmente, a inesperada e enérxica aparición dos pratos e timbais otománs certifican a inspiración bélica da sinfonía.

Unha sinfonía impresionante para os oídos da época; pero que sen embargo para os do
século XXI, non deixa de resultar unha entenrecedora e naive visión do mundo bélico. Non podía ser de outra maneira cun personaxe tan entrañable como Haydn. Non é de estrañar que nas súas derradeiras palabras, no seu leito de morte na Viena atacada polas tropas de Napoleón, tratase de tranquilizar aos seus serventes cando un disparo de canón caeu sobre a veciñanza.

Pablo Sánchez Quinteiro