Noticias de Hoy
lugo cultural cartel concertos
Fecha: 07/07/2021
Horario: 01:00 a 01:00

Ciclo musical Na Bocanoite

Xa está en Lugo o ciclo musical Na Bocanoite, que buscará manter viva a oferta cultural ao aire libre na capital luguesa durante o mes de xullo coa celebración de catro concertos ao vivo que transformarán a solaina da Casa do Saber en escenario e o adro da catedral en espazo de lecer.

Tanxungueiras, o trío de pandeireteiras e cantareiras galegas creado hai xa un lustro por Aida Tarrío e as xemelgas Olaia e Sabela Maneiro, abrirá o 7 de xullo, ás 20.30 horas, a segunda edición do ciclo Na Bocanoite, cun espectáculo sonoro que servirá asemade para presentar ao público lugués o seu último traballo, Midas, un disco no que estas valentes, fortes e empoderadas cantareiras da nova década mesturan a tradición e a vangarda.

Este disco leva o nome dun tema homónimo, a través do que Tanxungueiras dá conta do seu poderío e da súa enerxía, ao tempo que xira cara a fusión da súa música con estilos máis urbanos, próximos ao trap ou á música electrónica, un camiño que xa comezan a explorar no anterior álbum.

Marcos Teira será o protagonista de Na Bocanoite o 14 de xullo, data na que está programado o concerto de presentación de Nós, o último disco do guitarrista nado en Pobra do Caramiñal. Neste traballo, Marcos Teira conta coa colaboración musical de Alfonso Calvo (baixo), Moisés Fernández (percusión) e Alejandro Vargas (piano). 

A última achega musical de Marcos Teira supón o peche dun círculo comezado hai xa 25 anos e que o levou a percorrer escenarios por todo o mundo. Daquela, neste álbum, o sétimo do guitarrista da Pobra, Teira pasa temas de jazz polo filtro do flamenco, outra das súas grandes paixóns.

O ciclo Na Bocanoite ofrecerá ao público lugués e tamén aos visitantes que se acheguen ata a cidade amurallada na tardiña do 21 de xullo a posibilidade e gozar dos poemas musicados de Lorca. Nesta nova entrega do chamado Proxecto Lorca, o elenco de intérpretes estará conformado por Noeila Geada e David Taboada, Nebra, Infrarroja, Muruáis e Monsal e Condensadores de Fluzo.

O dúo Caamaño&Ameixeiras, integrado por Sabela Caamaño (acordeón cromático) e Antía Ameixeiras (violín e voz), pechará o 28 de xullo a nova entrega de Na Bocanoite, unha iniciativa cultural que agromou desde Lugo Cultural como alternativa para achegar a cultura e as creacións de artistas galegos ao público e que, logo do éxito colleitado na súa edición de 2020, semella terse consolidado como un programa acaído e atractivo para o verán lugués.

As catro actuacións programadas no marco do ciclo Na Bocanoite comezarán ás 20.30 horas. A entrada aos concertos, cuxo aforo pode verse condicionado pola situación sociosanitaria derivada da pandemia causada pola covid19 é gratuíta, aínda que se require solicitar convite con antelación. Daquela, as persoas interesadas deberán tramitar a súa petición de entradas a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es. Tamén se pode obter máis información a través do número de teléfono 982 821513. O aforo é limitado para todos os concertos e en caso de choiva, as actuacións trasladarán a súa sede ao auditorio municipal Gustavo Freire.