Tanguendo con voz sonora en Lugo

Fecha 28-05-2019
Hora 20:30
Lugar
0 Flares Facebook 0 Twitter 0 Google+ 0 Pin It Share 0 LinkedIn 0 0 Flares ×

Tanguendo con voz sonora en Lugo.

“Cuando Antonio derrama cantos melodiosos de su boca
y cuando mueve con sus dedos el marfil del órgano,
y cuando pulsa con su hábil pulgar las ligeras cuerdas,
y cuando canta himnos sagrados con voz sonora,
le admira el conjunto de todas las hermanas de Castalia”

(Encomio de Juan Cristóbal Calvete de Estrella sobre Antonio de Cabezón, músico Real. Obras de música para tecla, arpa e vihuela de Antonio de Cabezón…recompiladas e postas en cifra por Hernando de Cabezón. Madrid, 1578)

Sen ningunha dúbida podemos afirmar de forma tallante que Antonio de Cabezón (Castrillo de Matajudíos, Burgos, 1510 – Madrid, 1566) é un dos máis grandes compositores do século XVI. O insigne organista eríxese por dereito propio como unha das maiores glorias da arte da composición instrumental de todo o renacemento, tanto hispano como europeo. Os seus infinitos recursos, ousadía, virtuosismo, extraordinaria complexidade do tecido das voces, beleza de xiros melódicos, recursos ornamentais e tratamento contrapuntístico non teñen parangón.

Para nós é realmente importante comezar estas notas con estas liñas debidas ao poeta e
cronista Juan Cristóbal Calvete, amigo persoal e compañeiro de viaxes de Antonio cando ambos os dous servían ao monarca Felipe II. E é importante por un motivo: porque é a única referencia que temos de que o noso organista e compositor, ademais destas dúas facetas, tamén destacaba como bo cantor (con voz poderosa e con boa musicalidade) e, o que é máis notorio para nós, pulsa os seus dedos nalgún instrumento de corda (Cabezón arpista? vihuelista? Ou se cadra ambos os dous? Realidade ou afán laudatorio?).

A arpa de dúas ordes gozou dunha excepcional importancia no ámbito ibérico dende o século XVI ao XVIII. Mostra diso é a aparición durante o século XVI de importantes publicacións para “tecla, arpa e vihuela”, que inclúen a arpa como destinatario dun belo corpus musical polifónico, equiparándoa mesmo á tecla, porque, tal como di Hernando de Cabezón: “El instrumento del harpa es tan semejante a la tecla que todo lo que en ella se tañe se tañerá en el harpa sin mucha dificultad”.

O programa, que toma como figura central ao insigne organista e compositor Antonio de Cabezón, presenta ademais algunhas obras de importantes compositores coetáneos, por un lado, motetes e pezas vocais de Josquin, Palestrina, Guerrero e Vásquez; e por outro, repertorio para tecla, arpa e vihuela, baseado case todo en repertorio vocal, extraído de importantes fontes: Arquivo da Catedral de México, Libro de Cifra Nueva de Luis Venegas de Henestrosa (1557), Obras de música de Hernando de Cabezón (1578) e o MM 242 da Biblioteca Xeral da Universidade de Coimbra (2ª metade do século XVI).

Interpretaremos este repertorio como nunca se fixo en tempos modernos, usando por primeira vez dúas arpas de dúas ordes, realizando adaptacións tal como era habitual na época, buscando novos camiños interpretativos sobre o repertorio vocal e instrumental. Volvendo ao encomio de Juan Cristóbal de Calvete, e tal como testemuñan outras fontes, gustaríanos imaxinar a Antonio tanguendo mentres canta “con voz sonora”, co teclado e mesmo, quen sabe?, coa arpa…

Laura Puerto e Manuel Vilas

LAS ARPAS SONOROSAS
A arpa de dúas ordes gozou dunha excepcional importancia no ámbito ibérico dende o século XVI ao XVIII. Mostra disto é a aparición durante o século XVI de importantes publicacións para «tecla, arpa e vihuela», que inclúen a arpa como destinatario dun belo corpus musical polifónico.

Por primeira vez despois de varios séculos, dous arpistas de dúas ordes volven xuntarse para recrear este repertorio como nunca antes se fixera en tempos modernos.

LAURA PUERTO
Laura Puerto é Máster en Interpretación da Música Antiga pola ESMUC/Universidade Autónoma de Barcelona. Posúe o Título Superior de Clave con Premio Fin de Carreira. Posteriormente especialízase na interpretación da arpa ibérica de dúas ordes con Nuria Llopis, desenvolvendo un crecente labor investigador e interpretativo neste instrumento e o seu repertorio, así como na relación en criterios interpretativos entre a arpa e os instrumentos de teclado no Renacemento español.

A súa intensa actividade concertística levárona por todo o mundo, tanto dedicándose ao repertorio antigo, como á música contemporánea e realizando numerosas estreas. Entre os grupos cos que colabora habitualmente figuran Vocal Ensemble, La Bellemont, Hippocampus, La Folía, La Dispersione, Estil Concertant, Los Afectos Diversos, Un Cavalier di Spagna, La Reverencia, Compañía Teatro del Príncipe ou o Ensemble Sopra Il Basso.

Realizou numerosas gravacións discográficas, destacando os CDs La Voix de la Viole e Plaisir Sacré, gravados co seu ensemble La Bellemont. Estes obtiveron excelentes distincións por parte da prensa especializada española e estranxeira, como os 5 diapasóns da revista Diapasón, 4 estrelas da revista Classica, “disco excepcional” da revista Scherzo, Melómano de Ouro da revista Melómano, o “R” de Ritmo. Así mesmo acaba de lanzar a súa primeira gravación como solista dedicada ás cancións glosadas de Antonio de Cabezón titulado Ultimi miei Sospiri. Ocupa a cátedra de clave no Conservatorio Superior de Música de Aragón. Tamén foi profesora de música barroca na Joven Orquesta Nacional de España.

MANUEL VILAS
Nace en Santiago de Compostela, onde inicia os seus estudos musicais. Estuda arpas antigas dos séculos XII a XVIII en Madrid con Nuria Llopis e en Milán con Mara Galassi. Colaborou con numerosos grupos como Les Musiciens du Louvre, Al Ayre español, Capilla Jerónimo de Carrión, Musica Ficta, Capela de Ministrers, Ensemble Elyma, Camerata Iberia, La Hispanoflamenca, La Galanía, Ars Longa, La Trulla de Vozes, Orquesta Barroca de Sevilla, Coro Nacional de España, Ensemble La Chimera, Armonía del Parnás, Los Músicos de su Alteza, etc., nos máis importantes festivais de España, Europa e América.

Colaborou como acompañante e como solista en máis de 60 discos con diferentes grupos e discográficas. Participou en producións operísticas en París y Viena (L´incoronazione di Poppea, de Monteverdi), Madrid, Xenebra, México e Berlín (La Púrpura de la Rosa, de Torrejón y Velasco), Múnic e San Sebastián (Orfeo de Monteverdi), así como na recuperación da obra escénica Andrómeda y Perseo no curral de comedias de Almagro e nas representacións da zarzuela Salir el amor del mundo de Sebastián Durón no teatro Arriaga de Bilbao. Foi o primeiro arpista en ofrecer un curso de arpa barroca española en Estados Unidos de América e en Cuba.

Actualmente encóntrase centrado nun ambicioso proxecto de recuperación de pezas vocais do barroco español interpretadas exclusivamente co acompañamento da arpa de dúas ordes, tal como se facía na época. Deste proxecto ata este momento saíron catro discos compactos para os selos Naxos, Enchiriadis, Arsis e La ma de Guido, coas voces de Raquel Andueza, Marta Infante, Estrella Estévez e Felix Tienth.

En 2008 funda o grupo Ars Atlántica, que se presenta no Festival Via Stellae (Santiago de Compostela) coa estrea en tempos modernos das cantatas procedentes do palacio que a familia Contarini posuía cerca de Venecia. A gravación destas cantatas, xunto á mezzo Marta Infante, foi galardoada en Holanda co premio Prelude Classical Music como uns dos mellores disco de música antiga do 2010. Así mesmo, é pioneiro no estudo de certo tipo de arpas hoxe totalmente esquecidas, como a arpa xesuítica chiquitana (Bolivia, século XVIII), e a arpa dobre que circulaba pola coroa de Aragón no século XIV, que presentou recentemente interpretando obras de Guillaume de Machaut.

Recentemente foi invitado a representar a España no VI Festival Mundial de Arpa na cidade de Asunción (Paraguai) sendo o primeiro arpista en ofrecer un recital de arpa de dúas ordes neste país.

Publicidad

0 Flares Facebook 0 Twitter 0 Google+ 0 Pin It Share 0 LinkedIn 0 0 Flares ×