Rosa del Ciel. Un viaje por las emociones del Barroco en un prólogo y cinco actos en Lugo

Fecha 25-05-2019
Hora 20:30
Lugar
0 Flares Facebook 0 Twitter 0 Google+ 0 Pin It Share 0 LinkedIn 0 0 Flares ×

Rosa del ciel
Unha viaxe polas emocións do Barroco

O seicento italiano é unha fábrica que non cesa na súa frenética produción. Baixo o estandarte da Nova Música ponse en tela de xuízo as bases da música occidental e ten lugar un dos cambios profundos máis radicais na historia da música. Os ingredientes de espontaneidade, fantasía e liberdade copan a fabricación de novos instrumentos, a invención de formas musicais e, en definitiva, unha nova vía de expresión na que as palabras son donas da harmonía. Os afectos apodéranse do compositor no seu afán de conmover ao espectador.

Este estilo novidoso e moderno de facer música favorece os afectos extremos, que ían dende a dor violenta á alegría exuberante, en contraposición ao comedimento e sinxeleza do xa caduco Renacemento. A representación destes estados precisa dun vocabulario máis rico que sacuda os fundamentos harmónicos, melódicos e rítmicos da propia música. Estes renovadores fundamentan os seus preceptos na Antigüidade e, así, o discurso musical pasa a seguir as directrices de Cicerón de ensinar (docere), deleitar (delectare) e conmover (movere) a través do afecto colérico, sanguíneo, melancólico e flegmático. Italia alumeara unha nova época.

Imbuídos desta revolución e inventiva, presentamos un programa que pretende ser un percorrido por esta época fascinante. Para iso, e seguindo a estrutura das primeiras óperas cortesás, organizamos as obras musicais nun prólogo e cinco actos. A imaxinaria acción transcorre en Venecia, a principios de 1600, e o noso unívoco personaxe desdobrará a súa psique ao ditado do afecto. O desprezo, a melancolía, a batalla, o lamento e o perdón serán os recoñecibles lastros dunha calzada que nos levará de viaxe ao noso interior.

A música extravertida e descritiva de Falconieri, grave e solemne nas introducións en antigo estilo de Monteverdi, divertida e espontánea en Merula e Uccellini ou máis profunda no caso de Marini son o armazón que sostén o programa. Exemplos característicos dunha linguaxe, o instrumental, cuxas formas aínda se están explorando e a linguaxe harmónica aínda se remove inquedo na tonalidade. A polaridade das voces extremas, cun acompañamento (o Baixo Continuo) en verdadeira explosión creativa improvisada e uns instrumentos ornamentais que flotan virtuosos reforzan o carácter da peza vocal á que preceden ou conclúen. Son obras coidadosamente elixidas para preparar ao oínte no verdadeiramente importante: a palabra.

E é que son os arrepiantes textos dos lamentos de Monteverdi, o de Arianna e Disprezzata Regina, onde encontraremos a máis pura esencia da poesía posta en música. A palabra coloreada e o afecto descarnado. Como contrapunto necesario a esta tensión aparece unha rítmica aria estrófica (Vi ricorda, o bosch’ombrosi), deliciosas canzonette con milagrosa economía de medios (Si dolce é’l tormento e Se l’aura spira) ou unha activa e guerreira aria do xenio do teclado, Girolamo Frescobaldi (Così mi disprezzate). Capítulo aparte merece Barbara Strozzi e a súa Lagrime mie. Filla bastarda, madre solteira, virtuosa do canto, compositora audaz e empresaria de éxito, é a súa unha das personalidades máis fascinantes da época. Como é norma en Forma Antiqva, a interpretación destas obras descansa nun equilibrio entre a investigación das fontes e prácticas da época, con coidadas e propias edicións musicais para o seu uso en concertos, e o emprego imaxinativo e creativo non só dos recursos idiomáticos dos diferentes instrumentos senón do talento e personalidade do intérprete.

Aarón Zapico

Forma Antiqva
Centrado nos irmáns Pablo, Daniel e Aarón Zapico, Forma Antiqva é un conxunto de música barroca de formación variable que reúne aos intérpretes máis brillantes da súa xeración e que está considerado pola crítica como un dos conxuntos máis importantes da música clásica en España.

A súa fulgurante carreira inclúe concertos nos máis prestixiosos festivais e ciclos do país: Teatro Real, Auditorio Nacional de Música e Fundación Juan March de Madrid, Auditori e Palau de la Música Catalana de Barcelona, Palau de la Música de Valencia, inauguración das Tempadas de Ópera de Oviedo e Teatro Arriaga de Bilbao, Festival Internacional de Música e Danza de Granada, Festival Internacional de Música de Santander, Quincena Musical de San Sebastián, Semana de Música Relixiosa de Cuenca e o Teatro-Auditorio do Escorial.

A súa intensa axenda internacional levounos a grandes festivais e salas internacionais como a Frick Collection de Nova York, o York Early Music Festival do Reino Unido, o Ludwigsburger Schlossfestspiele, o Musikfestpiele Postdam e o Thüringer Bachwochen en Alemaña, o Van Vlaanderen en Bruxas (Bélxica) e o Camberra International Chamber Music Festival en Australia. Ademais, Forma Antiqva presentouse en diferentes salas e auditorios por todo o mundo.

A súa gravación en 2011 das Catro Estacións de Antonio Vivaldi foi cualificada pola crítica española e europea de «referencia» e, ao igual que o seu anterior rexistro Concerto Zapico, supuxo un éxito de vendas en gran parte de Europa. Artistas exclusivos dunha discográfica considerada de culto, a alemá Winter & Winter, todas as gravacións de Forma Antiqva recolleron o aplauso unánime de público e crítica: Supersonic de Pizzicato, Excepcional de Scherzo, Excelente de Ritmo, Prelude Classical Music Awards 2009, nomeamentos en 2010, 2011 e 2016
aos International Classical Music Awards ou o Premio ao mellor disco de música vocal barroca 2008/09 de CD Compact. A súa gravación discográfica Crudo Amor (2016) recibiu o selo Excepcional de Scherzo e o Premio GEMA 2016 á mellor produción discográfica. Concerto Zapico Vol. 2 saíu ao mercado en abril de 2018 e supón a continuación do seu proxecto de éxitopara trío de 2010. En 2016 recibiu o Premio GEMA ao mellor grupo español na categoría de Barroco (s. XVIII) e Clasicismo.

Eugenia Boix, soprano
Natural de Monzón é Premio Extraordinario no Conservatorio Superior de Salamanca. Realiza estudos de posgraduado na ESMUC de Cataluña e en Bruxelas.

Premio Montserrat Caballé. Semifinalista no concurso Operalia, organizado por Plácido Domingo. Interpretou Dido & Aeneas e The Fairy Queen de Purcell, Il Viaggio a Reims de G. Rossini, Carmen de G. Bizet, Pamina de W. A. Mozart, Das Rheingold de R. Wagner, Elisir d´amore de G. Donizetti e numerosos oratorios e recitais.

Realizou gravacións para a radio e a súa discografía inclúe: Responsorios de Tebras de T. L. de Victoria; Amor Aumenta o valor de José de Nebra; Canto da Alma de C. Galán; Misa Scala Aretina de F. Vallls; Música para o Rei Planeta, de J. Hidalgo e Música para dúas dinastías, de S. Durón entre outras moitas gravacións, recitais e concertos por todo o mundo.

Publicidad

0 Flares Facebook 0 Twitter 0 Google+ 0 Pin It Share 0 LinkedIn 0 0 Flares ×