Noticias de Hoy
convivencia
Localidad: Lugo (Concello)
Fecha: 17/09/2019
Horario: 18:00 a 18:00

Lugo - Cosificación e hipersexualización étnico-racial

Lugo - Cosificación e hipersexualización étnico-racial.

Seguimos cas actividades do "PROGRAMA DE PREPARACIÓN, APOIO E ACOMPAÑAMENTO ÁS FAMILIAS ADOPTIVAS" en Lugo co primeiro obradoiro, dunha serie de tres, a cargo de AFROGALEGAS:

COSIFICACIÓN E HIPERSEXUALIZACIÓN ÉTNICO-RACIAL. REFLEXIÓN E FERRAMENTAS PARA O ACOMPAÑAMENTO DESDE O BO TRATO

Con este obradoiro pretendemos abrir un espazo de reflexión sobre todo o universo da corporalidade das mulleres negras, racializadas e afrodescendentes. Vivimos socialmente unha exposición erótica cosificada dos corpos das mulleres, onde o sistema consumista cuestiona e compara a beleza Afrodescendente, formulando unha educación desde amar o que ama o branco, creando a través do exotismo referentes desde a moda, as cancións, as redes sociais entre outros espazos.
Propoñemos este espazo para que construamos e atopemos as ferramentas imprescindibles para acompañar o desenvolvemento psicosexual dos nosos fillos e fillas, creando referentes desde o autocoidado, reflexionado sobre a diversidade da beleza étnico-racial, construindo desde o bo trato.

JEANE COSTA
Son Jeane, unha brasileira de Rio, namorada do mar, tanto que o destino e a vida quixo que tivese a sorte de vivir dos dous lados do inmenso Atlántico e atopar a Afrogalegas. Habito un corpo migrante afrodescente que me levou a cuestionar o sistema dende a perspectiva pedagóxica estudando maxisterio, incorporando co estudos de pos grado en sexoloxía a visión afrofeminista e antirracista sobre a educación sexual integral. O meu traballo oriéntase a diversos colectivos na área de asesoramento, formación sexológica a profesionais, deseño e impartición de seminarios de crecemento, transformación persoal e educación sexual integral para alumnado e familias.

AFROGALEGAS é un movemento independente en pro da diversidade, recoñecemento, irmandade, empoderamento e reivindicación da poboación de mulleres negras que residen en Galicia. Desde Afrogalegas, traballamos para dar(nos) visibilidade, compartir historias reais e crear un discurso de respecto a partir da formación e dinamización de accións sociais. www.facebook.com/Afrogalegas/

Coma sempre podedes convidar a quen queirades.

Ese mesmo día tamén ofrecemos un espazo de información e acompañamento onde calquera familia, independentemente do momento do proceso no que se atope, poderá facer calquera consulta ou resolver calquera dúbida. O horario de atención é de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Precísase solicitar cita previa en manaia@manaia.es ou no 688 927 124.

Lembrade que todos os 3º martes de cada mes estaremos en Lugo.

Actividades de balde abertas a todas as familias adoptivas ou en espera de adopción, sexan ou non socias de MANAIA.