Germán Díaz & Benxamín Otero en Lugo: 13 cancións bonitas

Fecha 6-06-2019
Hora 20:30
Lugar
0 Flares Facebook 0 Twitter 0 Google+ 0 Pin It Share 0 LinkedIn 0 0 Flares ×

Germán Díaz & Benxamín Otero en Lugo: 13 cancións bonitas.

Benxamín Otero e Germán Díaz, propoñen unha selección de cancións co sinxelo fío argumental de ser, aos seus oídos, bonitas… compositores coma Schubert, Satie, Galliano ou Clastrier, cancioneiros coma o de Inzenga ou o de Federico Olmeda, e melodías propias, compoñen o corpus ecléctico e accidental que conforma este persoal concerto.

Instrumentos coma o óboe e o corno inglés únense ás sonoridades medievais da zanfona e a particulares instrumentos mecánicos como o órgano de barbaria, o aurephone ou a caixa de música programable para os que Otero e Díaz perforan os seus propios cartóns con arranxos actuais para vellas melodías.

Je te veux. Un valse escrito polo francés Erik Satie –con texto de Henry Pacory– que dedicou á cantante e actriz francesa Paulette Darty. Interprétano nesta adaptación de Jacques Pirard con corno inglés e órgano de barbaria, instrumento mecánico de lingüeta que le cartóns perforados.

Es un sombrero. Escribe para seu fillo Leonardo esta peza Germán Díaz baseándose no
coñecidísimo fragmento de Le petit prince de Antoine de Saint-Exupéry, onde o protagonista lles mostra aos adultos un debuxo dunha boa que acaba de comer un elefante e os maiores só ven no debuxo un sombreiro. Ademais da zanfona e o óboe podemos escoitar a caixa de música programable, instrumento que nos permite perforar en cartóns as nosas melodías.

Rue de Bègles. Nesta rúa de Bordeos viviu Lolita, grande amiga e grande acordeonista a quen lle dedican esta peza que Germán compuxo cando a visitou volvendo dunha viaxe por Austria. Para iso fan soar a zanfona, o órgano de barbaria, o óboe e a caixa de música.

Muiñeiras de Inzenga. No ano 1888 publícase Cantos y bailes populares de España, o cancioneiro onde José Inzenga (1828–1891) recolle e harmoniza, entre outras, melodías populares galegas. Del sacan estas dúas muiñeiras que interpretan coa zanfona e o óboe.

Val de Viveiro. “Tamén do cancioneiro de Inzenga sae esta melodía popular galega que aparece nel como Canto del valle de Vivero e que nós interpretamos con corno inglés e co aurephone, outro instrumento mecánico de lingüeta libre de finais do século XIX, con ese son decadente que nos apaixonou. Usamos o arranxo harmónico que propón Inzenga e engadimos unha parte central composición de Benxamín Otero”.

Ruedas. Outro tema sacado dun cancioneiro, desta volta do Cancionero popular de Burgos de Federico Olmeda (1865 –1909), músico dedicado ao folclore castelán e moi especialmente ao burgalés. Nel aparecen estas «ruedas», baile típico da zona do Alto Douro, un baile grupal, sinxelo e elegante que adoita ter un ritmo característico en cinco por oito.

En todas as mans. Escribiu Germán esta melodía para a banda sonora do documental do mesmo nome, de Diana Toucedo, que nos fala da realidade da xestión comunitaria dos montes en Galicia e Portugal. Ademais da zanfona e o corno inglés podemos escoitar neste tema a voz de Germán Díaz.

Taraf. “Escoitamos este tema de Richard Galliano no disco en directo Blow up xunto ao tamén virtuoso do clarinete Michel Portal. Un tema frenético, en sete por oito, que interpretamos co corno inglés e coa zanfona”.

Der Leiermann. A canción que pecha Die Winterreise de Schubert, sobre un poema de Wilhelm

Müller, fala dun vello zanfonista que nun día de frío toca na rúa. Ninguén o escoita, ninguén o mira, ata os cans lle ladran. Pero el non se inmuta e segue a tocar. Orixinal para voz e piano soa nesta adaptación de Matthias Loibner coa zanfona e o corno inglés.

Mercedes. Melodía en tres por oito orixinalmente composta por Valentin Clastrier para dúas zanfonas e que tocan con zanfona e óboe.

Chiftelli. Melodía composta polos irmáns Mancuso, grandes músicos, cociñeiros e amigos. O peculiar xeito de cantar que fai aquí Germán coñécese como canto difónico.

Alalá de Muxía. Un dos alalás máis coñecidos en Galicia nunha versión con zanfona, óboe e caixa de música.

¡Si vas a París, Papá!. Un one-step con letra de M. Álvarez-Díaz e música de Ledesma e Oropesa que se fixo moi popular en España nos anos 30 do pasado século. Sonan o órgano de barbaria, o óboe e a voz de Germán Díaz.

Canto del Bierzo. Outra melodía que saíu do cancioneiro de Inzenga, quen di dela: “Es muy digno de notarse en él la mezcla del carácter musical gallego con el castellano, pues su primera parte melancólica y pausada contrasta bastante con el estribillo con que termina, y que pertenece por su movilidad y ritmo a la familia de los bailes llamados á lo alto en la provincia de León”.

Publicidad

0 Flares Facebook 0 Twitter 0 Google+ 0 Pin It Share 0 LinkedIn 0 0 Flares ×