Noticias de Hoy
Palabras Pintadas
Localidad: Lugo (Concello)
Fecha: 03/03/2016 a 03/04/2016

Exposición en Lugo: Palabras Pintadas

Palabras pintadas é unha proposta de viaxe por algunhas das visións demoradas, dramáticas unhas, luminosas outras, mais nunca indiferentes, que o transcurso dos días foi deixando gravadas. Desde os cadernos de debuxo ou os papeis de pequeno formato, podemos retomar a mirada das urxencias. Sentir quizais o trazo nervioso, a présa do dicir, a loita porque o fuxidío se deteña e perdure ―senón no corazón cando menos no papel― a impresión sentida.

Desoutra viaxe que vai da emoción ao pensamento reflexivo, que loita contra a inevitable friaxe da razón, quizais poidan dar conta esoutras obras de maior formato que pretenden ser estacións de parada con mensaxe propia, sabedoras de seren o froito ventureiro dunha conversa na que median sentimentos ―tantas veces encontrados― alixeirados pola peneira do tempo.

Debuxos, pinturas, poemas, libros de artista son os elementos constituíntes destas Palabras pintadas. E non sempre as diferentes linguaxes se separan nin van soltas, senón que, ás veces, acoden xuntas, con vocación coral, para mellor expresar un xeito de estar no mundo.

Da mirada enguedellada pola beleza, á que fita a inevitable continxencia. Dos vellos logros da cultura patrimonial, ao empoderamento das mulleres e ás reivindicacións dos novos. Da actividade silenciosa de pintar, á imparable conversa do pensamento. Acuarelas, grafitos, óleos, estampacións ... verbas que se escapan das grafías para seren voz ou Palabras Pintadas.

E nesa viaxe misteriosa que vai desde as cousas ata o profundo dun ser, a atención presa por quen sabe que sortilexio e a maxia de fundirse nesa contemplación que, en horas de ventura, dá lugar á obra. Planos de cor que esvaecen, liñas que se encabalgan, crebas que nos saen ao encontro, pois cribeiros somos. Obra ou, talvez, intento de cumprirse desde os saberes eternamente renovados das artes. Convite sempre para establecer unha conversa con outros ollos... ou mesmo Palabras pintadas para gardar memoria.