Noticias de Hoy
LAMAZARES
Localidad: Lugo (Concello)
Fecha: 16/04/2019 a 21/07/2019
Horario: 01:00 a 01:00

Exposición en Lugo: Flor Novoneyra. Lamazares

Exposición en Lugo: Flor Novoneyra. Lamazares.

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e a Deputada de Cultura, Pilar García Porto, participaron, este martes, na Sala de Exposicións do Museo, na inauguración da exposición Flor de Novoneyra do artista Antón Lamazares. Esta mostra pictórica, en homenaxe ao poeta Uxío Novoneyra, achega máis de 100 obras nas que o autor, transcribe versos do poeta do Courel empregando o Alfabeto Delfín, un código, creado polo autor e inspirado no abecedario occidental. Esta exposición está comisariada por María Díaz Rey, directora da Galería About Art de Lugo, e conta coa colaboración da Fundación Uxío Novoneyra. ​

Campos Conde subliñou que “esta mostra pictórica conxuga dúas grandes figuras da cultura galega: Uxío Novoneyra e Antón Lamazares, entre os que se produce un diálogo artístico que reúne poesía e pintura. É unha honra, para a cidade de Lugo e para a provincia, contar con esta mostra que xa estivo presente no Museo Centro Gaiás no ano 2017, e na Feira Artística Frame, en Miami, no 2018. Ademais, gustaríame convidar a todos os veciños a achegarse á Sala de Exposicións do Museo Provincial pois, Flor de Novoneyra, estará exposta ata o 21 de xullo”.

Flor Novoneyra, inclúe máis de 100 obras que amosan un diálogo e unha fusión entre as verbas do poeta do Courel, Uxío Novoneyra, e a pintura do autor, Antón Lamazares, artista consolidado no panorama cultural a nivel internacional. Esta exposición, presenta unha antoloxía plástica a través da selección de pinturas do artista; unha mostra de caligramas orixinais de Novoneyra e unha aportación gráfica, bibliográfica e documental do poeta, considerado un dos introdutores da poesía caligráfica na literatura galega. A mostra, complétase con retratos do autor do Courel realizados por Laxeiro, Tino Grandío, Tavera ou Llorente e cunha selección de edicións dos seus libros. Nesta exposición, Lamazares transcribe os versos de Novoneyra empregando o Alfabeto Delfín, un código, creado, polo propio autor, que se inspira no abecedario occidental. Con el, Lamazares homenaxea ao seu pai e emprégao en diferentes facetas da súa vida e obra dende o ano 2012.

Antón Lamazares

Os primeiros referentes plásticos do artista Antón Lamazares (Lalín, 1954), foron os pintores Laxeiro e Manuel Pesqueira. A súa vocación creadora comeza a desprazarse cara á pintura e opta pola formación autodidacta; estudou directamente a obra dos mestres: Van Gogh, Paul Klee, Rembrandt e Joan Miró; entre os seus grandes referentes estarán, igualmente, Antoni Tàpies, Manuel Millares, Alberto Giacometti e Francis Bacon, así como a tradición medieval e o arte oceánico.

A día de hoxe, Lamazares é un dos pintores galegos con maior proxección internacional, pois a súa obra, recoñecida dentro e fóra da comunidade, exhíbese nos museos máis prestixiosos de España, así como en galerías internacionais de referencia. O entorno rural que marcou a súa infancia deixou unha profunda influencia no seu imaxinario. O seu interese pola poesía e a súa relación de amizade con poetas, son dúas constantes do seu universo creativo.