Noticias de Hoy
expo
Fecha: 30/07/2019 a 22/09/2019
Horario: 01:00 a 01:00

Eu sempre soñei ser a miña historia. José Vázquez Cereijo (exposición antolóxica)

Eu sempre soñei ser a miña historia. José Vázquez Cereijo (exposición antolóxica).

Horario de visitas MPLugo
Luns a venres: 9:00 a 21:00 h.
Sábados: 10:30 a 14 e de 16:30 a 20 h.
Domingos e festivos: 11 a 14 h.
Entrada gratuíta

No ano 1940, José Vázquez Cereijo nace na casa familiar da praza Maior 16, onde tamén viviu o seu tío, o poeta Luís V. Pimentel.

Á idade de dez anos comeza os estudos de Pintura no Circulo das Artes de Lugo, da man de D. Ricardo Camino.

Na adolescencia estuda e traballa con D. Anxel Xohan, con quen chega a facer escenografías. Comparte estes estudos cos de baile clásico con D.ª Pilar Tabernero, que aglutina un importante grupo cultural, entre outros, Manuel María, Uxío Novoneira (cando baixaba do Courel), Celestino Fernández de la Vega, Ánxel Fole... frecuentando as charlas do Hotel Méndez Núñez con Luís Pimentel e visitantes foráneos.

En 1958 trasládase a Santiago a estudar primeiro curso de Medicina.

En 1959 trasládase a Madrid e, ao longo dos anos 60, estuda Arquitectura e Cinematografía; é membro dun grupo musical e obtén o Premio Nacional Universitario de Ensaio cun traballo sobre o Padre Feijoó.

Durante tres años é profesor de Debuxo na Escola Oficial de Arquitectos Técnicos de Madrid e, ao mesmo tempo, realiza ilustracións, carteis e escenografías.

A amizade con Tino Grandío inflúe no seu desexo de pintar, que tamén lle facilita a familia Kreisler e o apoio incondicional do seu tío Manuel García Pelayo.

A asistencia diaria á charla de D. Celso Emilio Ferreiro achegarao ao mundo cultural presente moi enriquecido.

A principios dos anos 70 inclúense, entre as súas primeiras exposicións, as das galerías Cultart, Toisón e Kreisler.

A partir dos últimos anos 60, e toda a década dos 70, mergúllase na cultura do “27” polas visitas que fai ao estudio do pintor D. Gregorio Prieto e as que dúas veces por semana lle fai a el no seu estudio a pintora Maruja Mallo, que, á súa vez, implica a visita de gran número de persoas do mundo dela.

Froito desta frecuente relación é a realización da case totalidade da obra gráfica da pintora, sendo a máis notable en Homenaje a Revista de Occidente, co apoio de D.ª Soledad Ortega Espotorno, que tamén o prologaría.

Desde os anos 70, Cereijo mantén unha amizade, case familiar, con Juan Manuel Bonet e Andrés Trapiello. Con eles comezou non só a colaborar en varias publicacións, tamén, a compartir as mañás dominicais do Rastro.

No ano 1978, formará o grupo ABRA con José Luís de Dios, Luís Eduardo Aute, Domingo Sarrey, entre outros, expoñendo en Arco varias veces e con varias galerías. Conclúe a unión cunha serie de exposicións itinerantes polo centro e norte de Europa.

Destes tempos, é a primeira exposición “grande” do pintor no Centro Cultural de la Villa de Madrid, praza de Colón, en 1980.

En 1982, publícase o libro de José Castro Arines Vázquez Cereijo, la pintura como confesión, unha biografía dialogada.

Crea a galería de arte Minima (na praza das Salesas), onde expón a Picasso e a Miró e, tamén, aos seus amigos Gregorio Prieto e Manolo Viola. Pasado un ano venderá a galería por serlle imposible tanta dedicación.

Ao longo das décadas 80 e 90, o seu traballo é intenso e voraz, culminando en numerosas exposicións por Galicia, España, Holanda, Bélxica, Nova York, China e Latinoamérica.

Durante todos estes años, Cereijo, ademais da pintura, somérxese con paixón no mundo do gravado:

"...o gravado é unha das miñas debilidades, a augaforte, a litografía... na litografía é, quizais, onde me sinto máis cómodo".

Froito dese intenso proceso foron varios libros de autor Arco Voltaico, Dos Vientos, El Cohete Extraordinario, El Gallo de Oro e diferentes "suites" de gravado Hannah, Praga, Las Ciudades, Diario, Suite Nikitik...)

O seu carácter viaxeiro fai que percorra a Rusia comunista e países do Este que conclúe, en 1994, cunha exposición no Centro Cultural de la Villa (Madrid) con óleos e gravados sobre Praga que presentou, persoalmente, D. Eugenio Granell glosando, tamén, o libro Praga de Juan Manuel Bonet e Vázquez Cereijo, editado por Andrés Trapiello.

O príncipe D. Felipe de Borbón, na súa viaxe oficial á República Checa (2001), obsequia o presidente Vaclav Havel esa mesma suite Praga dos 16 linogravados realizados por José Vázquez Cereijo.

En 1998, obtén o Premio Nacional de Gravado do Museo do Gravado Español Contemporáneo coa obra O campanario de Daniel Grybov, tendo recibido anteriormente, en 1995, "Mención Honorífica" Premio Nacional de Gravado da Calcografía Nacional Real Academia de Belas Artes de San Fernando.

Xa no novo século XXI, a través da súa relación co poeta e folclorista D. Hamish Henderson en Escocia, empeza a viaxar polo mundo gaélico e comeza unha nova etapa na súa obra dando lugar a varias exposicións temáticas na Galería Clérigos (pintura e obra gráfica) sobre as illas Hébridas, berce da familia da súa muller Anne Nikitik.

Compaxina a súa devoción pola obra plástica con paixón pola literatura, en especial a poesía. Entre 2008 e 2014 saca á luz catro libros de poesía: Sombras de luna azul, 2008; Desde la Veleta, 2010; Gotas de Orballo, 2013 e Daguerrotipos, 2014).

A pesar do seu "exilio" en Madrid, José Vázquez Cereijo regresa con frecuencia ao seu Lugo natal e á casa de Viveiro.

En 2013, deixa atrás a vida en Madrid, definitivamente, e regresa á súa casa da praza Maior, en Lugo, onde segue traballando incansablemente.