Noticias de Hoy
trifolium cerezales 590x410
Localidad: Lugo (Concello)
Fecha: 02/12/2020
Horario: 20:15 a 20:15

SUSPENDIDO: Concierto de Ensemble Trifolium en Lugo

Concierto de Ensemble Trifolium en Lugo.

Carlos Gallifa, violín
Sergio Suárez, violín
Juan Mesana, viola
Javier Aguirre, violoncello

Programa:

J. P. de Almeida: Cuarteto Op. 4 nº 3 en sol menor
J. P. de Almeida: Cuarteto Op. 4 nº 2 en do maior
L. v. Beethoven: Cuarteto Op. 18 nº 6 en si b maior 


Integrado por profesionais con ampla experiencia no campo da interpretación da música antiga, Trifolium pretende dar a coñecer o amplo repertorio camerístico dos séculos XVII, XVIII e principios do XIX, prestando especial interese ao patrimonio musical español.

Ensemble Trifolium participou, entre outros, nos ciclos da Universidade de Salamanca, Universidade Autónoma de Madrid, Caixa España – Duero, Festival Antiqua de Bolzano (Italia), Festival Internacional de Música Antiga de Soto del Real, Ciclo Clásicos no Verán da Comunidade de Madrid, Festival Internacional de Arte Sacro da Comunidade de Madrid, Ciclo de Cámara e Solistas do Teatro Liceo de Salamanca e Días da Música do Centro Cultural de Belém (Portugal). Os seus integrantes colaboraron con numerosas agrupacións tanto orquestrais coma de cámara: Axivil, El Concierto Español, Il Rossignolo, Capilla Real de Madrid, Orquesta Barroca de la Universidad de Salamanca, Segréis de Lisboa, La Paix du Parnasse, Orquesta Barroca de Sevilla, Orquesta Barroca de Tenerife, participando en multitude de festivais tanto en España como no estranxeiro.

A recente aparición do traballo discográfico do Ensemble Trifolium sobre os cuartetos de Luigi Boccherini para o selo Lindoro foi recibida con excelentes críticas pola prensa especializada – disco excepcional da revista Scherzo (xuño 2018) e 5 estrelas nas revistas Ritmo e Melómano – supoñendo unha novidosa aportación baseada nunha lectura moi persoal do universo cuartetístico deste compositor.

JOAO PEDRO DE ALMEIDA: UN MÚSICO ILUSTRADO EN TERRAS LUCENSES

Da pléiade de músicos que acudiron ao Reino de España á chamada da Corte dos Borbóns no século XVIII – Francisco Corselli (1705-1778), Gaetano Brunetti (1744-1798), Luigi Boccherini (1743-1808) – acaso sexa o de Joao Pedro de Almeida (1744 – 1817) o caso máis paradigmático e misterioso.

Se ben Corselli, nacido en Italia, vinculouse á corte de Felipe V e Bárbara de Braganza,  Boccherini, mantívose fiel ao seu contratante o infante Luís Antonio de Borbón, irmán de Carlos III e Brunetti, tamén de orixe italiana, permaneceu ao servizo de Carlos IV ata o final dos seus días, Almeida iniciou a súa carreira en España de forma independente en terras galegas.

Da vida de Joao Pedro de Almeida pouco se soubo ata datas recentes, a pesar do inxente da súa obra, ben coñecida na corte española e portuguesa da súa época. Nacido en Lisboa en 1744, cidade na que comezou a súa vida musical como neno cantor, a súa biografía vai ter un carácter fronteirizo entre España e o seu país de orixe. O seu primeiro posto de importancia será como Mestre de Capela na catedral de Lugo durante oito anos (1775-1783), tras  traballar na catedral de Santiago de Compostela (1771) e Mondoñedo (1772). Despois dunha década como Mestre de Capela na catedral de Astorga trasladarase a Madrid, á Capela do Real Colexio de Nenos Cantores, o que facilitará o seu contacto coa Corte de Carlos IV. O máis enigmático destes anos será a súa propia identidade, confundida ata épocas recentes con outro compositor, Carlos Francisco Almeida,  autor de varias coleccións de música de cámara supostamente nacido en Burgos e que co tempo se descubriu que se trataba de Joao Pedro de Almeida. Foi el mesmo o que inventou unha biografía falsa ao instalarse no noso país? A este respecto todo son conxecturas; o único certo é o enorme legado musical de gran calidade que Almeida deixou no noso país.

Os cuartetos de corda de Joao Pedro de Almeida (36 obras das que se conservan 25) supoñen a contribución máis ampla debida a un compositor na Península Ibérica despois das obras que Luigi Boccherini e Gaetano Brunetti dedicaron ao xénero.  O propio Luigi Boccherini, nunha carta enviada o 13 de xullo de 1797 dende Madrid ao seu editor Pleyel en París, recomenda vivamente a este a publicación de música dun colega seu que residía en Madrid (Almeida), autor dunha importante colección de cuartetos de corda nos cales hai “moi boas virtudes, entre elas o estilo moderno e a moi boa distribución de voces e cuxo estilo é unha mestura de Pleyel, o propio Boccherini (sic) e Haydn”. É así que Pleyel publicou en París unha colección de seis cuartetos do músico portugués. Ao parecer Almeida recibiu de forma continuada encargos da Real Capela e os seus cuartetos estaban dirixidos ao entorno do rei Carlos IV, consumado violinista que executaba entre os seus músicos a voz de segundo violín. Almeida gozou dos favores do rei e formaba parte do seu entorno, como demostran as dedicatorias de varias das súas obras compostas para o círculo real. Coa invasión napoleónica de 1808 e a desaparición da Real Capela, a prolífica carreira compositiva de Almeida verase truncada dada a pouca afección de Fernando VII pola música, véndose obrigado durante os seus últimos anos á tarefa de tradución de tratados musicais.