Noticias de Hoy
el afecto
Localidad: Lugo (Concello)
Fecha: 03/06/2019
Horario: 21:30 a 21:30

Concierto de El Afecto Ilustrado en Lugo

El Afecto Ilustrado en Lugo.

El Afecto Ilustrado nace durante o I Ciclo de Música Antiga da Catedral de Valencia no ano 2012.

Concibido como un grupo de cámara innovador e versátil, a súa filosofía é presentar e achegar ao público unha interpretación historicista do repertorio comprendido entre os séculos XVII e XIX dunha forma próxima e tanxible.

O ensemble está integrado por profesionais que despuntan no panorama musical nacional e internacional. Os seus compoñentes, activos nos principais grupos do país, na docencia, ou na carreira solista, supoñen un compendio de ideas e ópticas que converten os proxectos de

El Afecto Ilustrado en experiencias únicas e inspiradoras para o oínte. Con formatos de concerto pouco explorados, o obxectivo de El Afecto Ilustrado está baseado en presentar e difundir programas dun alto nivel de calidade interpretativa, precisión histórica e respecto ás fontes orixinais, froito dun proceso detallado de estudo e investigación musical e histórica.

Hugo Bolívar, contratenor

O xove contratenor aragonés Hugo Bolívar estudou canto histórico con Marta Almajano na Escola Superior de Música de Catalunya e recibiu clases de Fabien Schofrin, Víctor Torres e Carlos Mena, entre outros.

Canta regularmente con grupos españois como La Xantria, Coral de Cámara de Navarra,
Vespres d’Arnadí, Orquestra Barroca de Barcelona, Capella de Ministrers ou La Grande Chapelle e fóra con L’Armonia degli Affetti en Suíza e con Rosso Porpora e Gambe di Legno Consort en Italia. Cantou en salas como o Teatro Real, L’Auditori de Barcelona, Casa da Música (Oporto) Palais des Beaux-Arts de Bruxelles (Bozar), TAP (Poitiers), Opéra de Vichy, Opéra de Reims, etcétera.

De entre as súas últimas gravacións cabe destacar a realizada para a Österreichischer Rundfunk do Oratorio per la Nascita del Redentore de G. Lulier, recentemente recuperado na Biblioteca Apostólica Vaticana. Proximamente verá a luz o seu novo traballo discográfico dedicado aos Lieder de C.P.E. Bach. No terreo operístico debuta no Teatro Real en 2012 con L’Orfeo, favola in música e cabe mencionar a súa recente participación na nova produción do Acis & Galatea Handeliano para o Festival Castell de Peralada

Notas ao programa
A figura de Henry Purcell (1659- 1695) é un verdadeiro paradigma da música inglesa da segunda metade do século XVII. Nacido durante o reinado de Carlos II de Inglaterra, a súa obra bebe directamente das antigas fontes nacionais dos períodos isabelino e xacobino, pero incluíndo elementos tomados das tradicións francesa e italiana, dando lugar así a un característico estilo barroco inglés.

Sendo dende moi pequeno integrante do coro da Capela Real inglesa, toda a súa vida transcorre moi preto do círculo máis intimamente musical da Corte. As súas composicións abarcan todos os ámbitos, dende o relixioso ata o máis mundano ou catch, pasando pola música de cámara e a ópera e semiópera. Tras a súa temperá morte aos 36 anos, a súa esposa Frances Purcell recompila algunhas das súas obras en dous volumes que se publicarían en 1698 e 1702, Orpheus Britannicus I e II.

O estilo de Purcell é rico en matices, sementado de ángulos de luces e sombras, e cunha rítmica que se move de maneira suntuosa entre a máis alta plenitude, o drama máis exacerbado e a melancolía máis profunda.

Esta paleta inmensa de texturas é o obxectivo primordial deste programa. Orpheus Britannicus afonda especialmente na produción teatral de Purcell, que se ben é das máis abundantes na súa obra, tamén é das máis ricas en canto a contrastes e cores, quizás debido á liberdade que o noso autor encontraba á hora de escribir en relación a temáticas a miúdo fantasiosas e destinadas a transportar ao oínte a mundos do imaxinario.

Abdelazer, ou A Vinganza do Páramo Z570 establécese como conxunto de música incidental que Henry Purcell compuxo para a obra homónima de teatro de Aphra Behn (1640-1689) nunha produción levada a cabo no verán de 1695. Entre os seus movementos cabe destacar o afamado rondeau, que Benjamin Britten utilizaría en 1946 como tema principal da súa Guía de orquesta para jóvenes.

Tras o incisivo carácter de Abdelazer, escoitamos agora An Evening Hymn Z193, unha das
composicións de carácter relixioso de pequeno formato máis coñecidas do autor británico. Se ben Purcell podería recorrer a amplos xestos barrocos para conmover ao auditorio eclesiástico, emprega no seu lugar unha atmosfera íntima e cálida, que eleva unha mensaxe ao máis alto sen necesidade dunha grande instrumentación. Proba diso é o reiterado e doce Aleluya final.

King Arthur Z628 é unha semiópera organizada en cinco actos. Como o seu nome indica, versa sobre as andanzas do mítico Rei Artur. Foi estreada a finais de 1691, composta segundo libreto do poeta inglés John Dryden (1631-1700). Purcell compoñería música incidental para o drama, reunida na Suite King Arthur Z628. A aria coñecida como The Cold Song (What power art thou, who from below…) pertence ao acto terceiro, cando Cupido esperta do seu sono ao Xenio do Frío. Enormemente recoñecible polo seu vibrato de arco nas cordas (recurso que décadas despois reciclaría Vivaldi no seu Inverno), que serve de apoio a unha vocalidade abrupta e entrecortada coa que transmitir a mensaxe do Xenio en forma de tremor provocado polo aire xélido. Quen –pregunta- é aquel que me fixo levantar, lento e regañando os dentes, do meu leito de neves eternas? Deixa que me conxele de novo, deixa que me conxele ata a morte.

A Chacona en sol menor Z730 foi composta aproximadamente cara a 1680. Durante esta época, as representacións teatrais comezaban cunha obra independente ao drama posterior, pero sempre na liña do afecto do mesmo. Durante a execución da mesma, os espectadores podían ir entrando ao recinto e ocupando os seus asentos, ao mesmo tempo que servía de aviso para os actores. Aínda que é incerto que Purcell a compuxese con este fin, ben podería ser a súa orixe.

Dido e Eneas Z626, é se cadra unha desas obras que o século XX colocou á cabeza da nosa
lista canónica de traballos musicais. A abertura que escoitamos esta noite abre o relato amoroso entre Dido, reina de Cartago e o heroe troiano Eneas. Representada por primeira vez ao redor de 1689 con libreto de Nahum Tate (1652-1715), e inspiración directa do drama Venus e Adonis de John Blow (1649-1708) é considerada como unha das óperas máis representativas do Barroco musical europeo. O Lamento de Dido ou Dido´s Lament pasou tamén á historia como un dos traballos máis afamados do autor, coa súa característica liña cromática descendente, un dos recursos retóricos máis definitorios do Barroco para expresar o concepto de dor. A breve e fermosa Curtain tune on a ground provén da tamén semióperaTimon of Athens Z632.

Purcell deixou así mesmo música para o drama baseado na obra do mesmo nome de William Shakespeare (1564-1616). Esta cortísima peza anuncia a Mascarada de Cupido e Baco, na que unha sinfonía de asubíos intenta imitar o canto dos paxaros. Here the deities approve Z339, pertence a unha das composicións (Welcome to all the pleasures Z339), que Henry Purcell dedicou a Santa Cecilia, patroa da Música. Comisionada pola así chamada Musical Society, foi estreada en novembro de 1683.

Music for a while Z583 é unha canción ou song para voz e baixo continuo, máis concretamente o segundo movemento da música incidental que Purcell compuxo para o drama Oedipus Z583. Foi postumamente publicada no Orpheus Britannicus, ao igual que Here the deities approve.

Adrián Linares Reyes