PUBLICIDAD

Actividades con motivo do Día Internacional das Mulleres

Fecha 8-03-2021
Lugar
0 Flares Facebook 0 Twitter 0 Google+ 0 Pin It Share 0 LinkedIn 0 0 Flares ×

A concelleira de Muller, Igualdade e Xuventude, Ana González Abelleira, presentou as actividades previstas este mes de marzo con motivo do Día Internacional das Mulleres, que se celebrará o vindeiro luns, día 8.

A edil sostivo que a programación municipal será segura e respectuosa con todas as medidas sanitarias impostas pola COVID, e lembrou que “as reivindicacións polo feminismo soen ser masivas e este ano deberán selo tamén, pero evitando as macro concentracións na rúa e ocupando outros espazos de visibilidade, como as redes sociais ou da nosa vida cotiá, como balcóns e xanelas”.

O día 8 de marzo, o executivo de Lara Méndez organizará un acto institucional, ao que convidará a todas as forzas políticas da Corporación, onde se lerá a Declaración aprobada en Pleno por unanimidade. Ese mesmo día, pola tarde, presentarase vía streaming o libro didáctico ‘En Lugo, sementamos igualdade’, con Llerena Perozo, a súa autora, cuxo enlace se anunciará na web e nas redes do Concello de Lugo.

O Concello editou mil unidades, que se poderán recoller na Casa da Muller, no parque de Frigsa, con cita previa, no teléfono 982 29 7412. Nel faise fincapé na igualdade: unha tarefa común; onde se pode atopar tamén unha pequena guía para conseguir unha comunicación e linguaxe igualitarias.

Programación

Na programación están contempladas accións en redes sociais, instando á mocidade a que suba unha imaxe dalgún recuncho feminista de Lugo ou que deixen un comentario indicando unha frase con contido referente á igualdade, sempre empregando o cancelo #MulleresConForza. As persoas gañadoras, que se anunciarán o 9 de marzo, recibirán regalos da marca feminista da cidade de Lugo, Mulleres con Forza.

Así mesmo, o sábado 13 ás 18.00 horas organizarase a 2ª edición da xincana Se o amor apreta non é da túa talla, para mozos e mozas de 14 a 35 anos. Esta actividade, con moi boa acollida na primeira edición, fai referencia a conceptos como o da media laranxa, os celos ou a paixón eterna, rachando con estereotipos estendidos na sociedade. É unha proba de estratexia e habilidade coa que se pretende desmitificar o amor romántico e os tópicos que rodean as relacións sentimentais na procura da consecución da igualdade.

Tamén se recompilarán e emitirán os vídeos que foi mandando a cidadanía a través do certame convocado por Igualdade a través Tik Tok para concienciar e loitar pola igualdade de xénero e contra as violencias machistas, cuxo prazo finaliza o 10 de marzo.

A través das redes sociais se organizarán, ademais, os primeiros diálogos de Mulleres con Forza, centrada en mulleres líderes, seguindo o tema da ONU Mulleres para o Día Internacional da Muller de 2021 “Mulleres lideresas: Por un futuro igualitario no mundo da Covid-19”. O obxectivo é que se trasladen preguntas a varias mulleres referentes de Lugo sobre a igualdade e a súa traxectoria, que elas responderán despois nun vídeo. As cuestións pódense facer chegar ben a través das redes co cancelo #Diálogos MulleresConForza ou ao enderezo mulleresconforza@lugo.gal.

Andainas, autocine e cativos

Os días 6, 13, 20 e 27 de marzo, en dúas quendas, unha ás 10.00 horas e outra ás 12.00 horas, terán lugar as andainas Mulleres Con Forza que percorrerán o Lugo máis feminino da man da guía local Lidia de la Fuente, que están abertas a toda a cidadanía. Serán 4 prazas por andaina, seguindo as pautas sanitarias, e  as inscricións faranse no 010 ou no teléfono 982 297 350.

Os máis cativos tamén contarán con actividades para o seu desfrute, xa que o sábado, 13 de marzo, ás 12.00 horas, terá lugar un obradoiro, a cargo de Caxoto Contacontos, prantexado cunha metodoloxía activa participativa, cun importante compoñente lúdico, onde se tratarán os estereotipos de xénero, a corresponsabilidade, a parella e a violencia de xénero. Ten unha duración de ao redor dunha hora.

Por último, Lugo acollerá a estrea da película María Solinha, de Ignacio Vila. Proxectarase en modelo autocine o domingo 14 ás 20.00 horas, para ver desde o vehículo, cunha duración de 2 horas. O filme reconstrúe a historia de María Solinha, acusada de bruxería e queimada pola Inquisición no século XVII.

 

Publicidad

0 Flares Facebook 0 Twitter 0 Google+ 0 Pin It Share 0 LinkedIn 0 0 Flares ×