Noticias de Hoy
31º ciclo Luis Asorey copia
Fecha: 16/11/2020
Horario: 19:00 a 21:00

31º ciclo Luis Asorey

Online.

O ciclo de conferencias Luis Asorey 2020 co que colabora a Deputación de Lugo e organizado pola Real Academia Galega de Ciencias centrarase este ano na biointensificación, analizando os retos de hoxe en día no ámbito da agricultura, gandería, sector forestal e alimentación. A asistencia é gratuíta e, por primeira vez, as  xornadas serán online e poderanse seguir a través de Zoom con inscrición previa neste enlace: https://bit.ly/3lii3jk

A Real Academia Galega de Ciencias decidiu dedicar este ciclo de conferencias á memoria do Doutor Luís Asorey García, prestixioso médico que desenvolveu a súa actividade profesional durante moitos anos na cidade de Lugo e que foi académico, secretario e vicepresidente da Real Academia Galega de Ciencias. 

A Deputación de Lugo enmarca estas xornadas dentro da súa aposta polos recursos naturais como oportunidade de desenvolvemento económico para a provincia. Apoia este ciclo con 4.000€, unha cantidade que permite que se celebre un ano máis o congreso, dentro do firme compromiso da institución provincial coa divulgación e investigación científica, sobre todo no ámbito da sustentabilidade  medioambiental. 

As charlas comezarán o vindeiro luns, 16 de novembro, coa xornada inaugural, e continuarán os días 17, 18, 23, 24, 25 e 30 deste mes. Todas as ponencias están previstas para as 19:00 horas, unha vez que a persoa estea anotada remitiráselle o enlace de conexión a cada unha delas. 

Este ciclo organízanse dende 1989 coa Real Academia Galega de Ciencias, conta coa colaboración da Universidade de Santiago e está recoñecido pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional como actividade de formación do profesorado non universitario. Cada ano aportan a análise de expertos no campo das ciencias medioambientais. 

Programa

Luns 16 de novembro – 19:00 horas

Terá lugar a inauguración e a conferencia inaugural a cargo do doutor enxeñeiro de montes e catedrático da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo (USC) e membro de número da Real Academia de Ciencias, Antonio Rigueiro, que se centrará nos sistemas silvopastorais e das prácticas silvoecolóxicas sostibles.

Martes 17 de novembro – 19:00 horas

O arquitecto e diplomado en Xestión de Proxectos de Arquitectura en Bioconstrución e socio activo de ESPIGA (Asociación Galega para a Bioconstrución), Víctor González García-Echave, abordará a bioconstrución e as estruturas de madeira. 

Mércores 18 de novembro – 19:00 horas

Será a quenda de falar sobre a gandería ecoloxía como chave no goberno de agoecosistemas. A conferencia será a cargo de Carmelo García Romero, doutor en Veterinaria e funcionario da Consellería de Agricultura e Medio Ambiente de Castela A Mancha. É membro da Real Academia de Ciencias Veterinarias e vicepresidente da Sociedad Española de Agricultura Ecológica (SEAE). 

Luns 23 de novembro – 19:00 horas

A conferencia titúlase Os ciclos virtuosos da materia orgánica, metabolismos e sistemas alimentarios e impartiraa Franco Llobera Serra, da asociación profesional Economías BioRegionales. É membro da Sociedad Española de Agricultura Ecológica (SEAE), e asesor, formador e prospector da Red de Municipios Agroecológicos TERRAE. Ademais, forma parte do panel de expertos de Bioeconomía Circular e Agroecoloxía do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC). 

Martes 24 de novembro – 19:00 horas

Este día abordarase o papel das administracións públicas como mediadoras e facilitadoras na biointensificación. Será impartida por Xabier Bruña García, enxeñeiro de Montes e Educador Social, e funcionario da Xunta de Galicia. 

Mércores 25 de novembro – 19:00 horas

A doutora enxeñeira agrónoma, catedrática da Universidade Politécnica de Valencia, e vicepresidenta da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE), María Dolores Raigón Jiménez, falará sobre as vantaxes e diferenzas nutricionais dos alimentos ecolóxicos. 

Luns 30 de novembro – 19:00 horas

Xan Neira Seijo, doutor en Enxeñería Agrónoma, profesor titular da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC e membro da Sociedade Galega de Agroecoloxía (SOGA), centrará a súa conferencia nas “vernatopías” e a nova ruralidade.