Noticias de Hoy
Fecha: 09/04/2021
Horario: 21:00 a 21:00

Teatro Hemos venido a darlo todo

Voadora regresa, por fin, aos escenarios de Galicia. A  compañía de teatro de vangarda liderada por Marta Pazos achegará esta fin de semana a Vigo  un dos seus espectáculos máis singulares: Hemos venido a darlo todo. A representación, que  contará cunha función tripla na Sala Ártika do venres ao domingo, supón o regreso da troupe  ás táboas galegas, despois da estrea en 2019 da ópera A amnesia de Clío, no Auditorio de  Galicia, e logo de presentar no 2020 espectáculos como Siglo mío, bestia mía no Centro  Dramático Nacional ou Viaje a la Luna no Teatre Lliure de Barcelona.  

Hemos venido a darlo todo, dirixida por Marta Pazos e que conta no seu reparto con Hugo  Torres, Fer Epelde, Jose Díaz e Iria Acevedo, é unha singular proposta escénica a medio  camiño entre o concerto e o teatro experiencial que parte dos samplers sonoros que, no 1977, a NASA enviou ao espazo nun vinilo dourado, o Golden Record, coa idea de achegar unha  escolma musical e sonora representativa da humanidade. Logo de máis de 40 anos, Voadora  crea as súas propias remezclas para ofrecer unha experiencia escénica que trata sobre as sutís  diferenzas entre un acontecemento, un acto e unha epifanía.  

O espectáculo de Voadora, estreado en xaneiro de 2019, regresa a Galicia da man da Sala  Ártika, na que se poderá ver nunha tripla función o venres 9, sábado 10 e domingo 11 ás  20.00 horas. As entradas para a peza, cuxa música orixinal está dispoñible na web de  Voadora, xa están á venda na páxina web do recinto vigués, www.artikavigo.com.  

Escenografía de Terceiro acto 

Ademais das funcións de Hemos venido a darlo todo, a factoría creativa segue de actualidade  pola estrea, a semana que vén, do novo espectáculo de Teatro en Vilo (Andrea Jiménez e  Noemí Rodríguez) para o Centro Dramático Galego. A directora artística e de escena de  Voadora, Marta Pazos, asina a escenografía de Terceiro acto, creación que se poderá ver no  Salón Teatro compostelán desde o xoves 15 de abril até o 16 de maio. A peza, ademais, conta  con música orixinal do co-director artístico de Voadora, Hugo Torres.