Noticias de Hoy
portela
Fecha: 10/05/2014 a 14/07/2014
Horario: 01:00 a 01:00

Lito Portela presenta, Espiñas coroadas.

Lito Portela presenta, Espiñas coroadas.

Co título Espiñas coroadas, o artista Lito Portela (Moaña, 1958) leva á Fundación Laxeiro a súa reflexión sobre a natureza, o home a o estrañamento deste perante o mundo que nos rodea e nos acolle.

Espiñas coroadas é un proxecto escultórico sinxelo na súa formulación expositiva, que, a través de tres pezas rotundas, a medio camiño entre o hiperrealismo e a poesía e utilizando os recursos da tradición minimalista, propón un espazo limpo, de encontro do home coa realidade que o rodea e que, frecuentemente, resulta absurda e inintelixible.

Espiñas coroadas significa un fito na traxectoria de Lito Portela. Un fito no que a súa linguaxe escultórica abandona preocupacións construtivas, características na súa obra para espazos públicos, para centrarse nunha linguaxe orgánica, na que manexa con mestría os códigos da representación realista, para transcendelos e propoñer, como di o comisario da exposición, Carlos L. Bernárdez, “unha realidade-outra, paralela ao mundo real, que se carga dunha indubidábel aura poética e que acaba por constituírse en signos vitais”.

Para levar adiante este proxecto, ademais desta utilización dos códigos da mímese, Lito Portela manexa con acerto, recursos expresivos do minimalismo, como o xogo de escala e o diálogo co espazo arquitectónico, que o autor integra mediante a intervención nos panos expositivos, ademais dunha eficaz austeridade morfolóxica, materializada na monocromía das pezas e na súa instalación na sala, sen máis recurso que a súa propia materialidade, sen peañas, urnas, vitrinas ou calquera outro elemento propio da retórica da exhibición escultórica.

Este traballo, que xa fora exposto en 2012 na sala Alterarte do Campus de Ourense, amosa na Fundación Laxeiro, unha parte anovadora ao incorporar un capítulo non visto ata agora, como é o seu proceso de xestación, engadindo unha parte de reflexión do artista sobre o seu propio traballo que resulta, sen dúbida, útil para o autor, polo que implica de reformulación, ademais de ilustrativa para o espectador por ese interese engadido de acceso aos momentos previos ao resultado final.

A sala da Fundación Laxeiro divídese en dous espazos claramente diferenciados que son utilizados para definir dous tempos diferentes do proxecto.

Hai un primeiro tempo, no que ao acceder á exposición, podemos ver as tres rotundas esculturas que conforman o traballo final: un tronco de roseira de grandes dimensións, disposto horizontalmente sobre o chan, a modo de banco cuxas espiñas nos impiden sentar nel, un marco pendurado, tamén con espiñas e que non enmarca máis que o baleiro, e unha escada, espiñada tamén, pola que non podemos subir. Estes tres elementos, realizados en resina de poliéster pintado de cor negra, dispostos nun espazo en branco e negro, introducen ao visitante nun mundo absurdo, no que nada é o que parece e, con isto, tentan provocar unha reflexión acerca do sentido da nosa existencia.

Realizada co rigor formal de quen coñece a linguaxe escultórica en profundidade, estes tres elementos van acompañados dunha desacougante música de percusión, composta por Julián Hernández e uns textos breves do escritor Manolo Romón. Frases nihilistas que reflexionan sobre o sentido da vida e a morte e que, rotuladas sobre os panos expositivos, inciden sobre esa sensación de estrañamento que o artista propón no seu proxecto. En palabras do comisario, Carlos L. Bernárdez: “O realismo da representación [de Lito Portela] non fica nunca na patina, no superficial, senón que se mergulla no máis intenso da tradición da representación, da construción escultórica, provocando unha aguda sensación de estupor”. Ese estupor que impregna a montaxe, conecta a mirada de Lito Portela coa tradición plástica existencial de artistas como Giacometti ou Francis Bacon; e de escritores como Georges Bataille ou Samuel Beckett; contextualizando a súa proposta nunha liña de pensamento que, nos tempos que corren, atopa un rexurdir indiscutible para analizar o absurdo do noso presente.

No segundo tempo da exposición, o artista decide traspasar a barreira da súa intimidade e mostrar o que poderiamos chamar a xestación do proxecto, mediante a exposición de pequenos obxectos, a modo de bosquexos das súas esculturas. Este segundo tempo, amosa o proceso creativo de Lito Portela e nel advírtese un cambio de escala que pasa da monumentalidade á intimidade e da rotundidade formal da obra rematada, á dúbida, o ensaio e a busca, propias da obra en proceso. Un interesante capítulo no que o artista descobre o seu xeito de traballo, a súa forma de pensar e os mecanismos que o levan dunha sensación máis ou menos abstracta, á concreción da obra final. Maquetas, papeis, debuxos e bosquexos, dispostos nunha mesa e unha vitrina, conforman este espazo íntimo, no que, do estrañamento producido pola contemplación da instalación escultórica, pasamos á curiosidade, case voyeurista de quen entra no espazo íntimo do taller do artista.

O proxecto enmárcase dentro da liña de colaboración que a Fundación Laxeiro mantén dende hai anos, coa Universidade de Vigo e que se materializa, neste ocasión, nesta exposición cuxa obra foi producida polo espazoAlterarte do Campus de Ourense.