Respectar o patrimonio natural, concienciar aos peregrinos e diminuír o uso de recursos: a aposta da Xunta por un Camiño máis sostible

0 Flares Twitter 0 Facebook 0 Google+ 0 Pin It Share 0 LinkedIn 0 0 Flares ×

Os obxectivos do Goberno galego son concienciar aos peregrinos sobre a cuestión ambiental, impulsar a compostaxe no rural e o uso eficiente da auga e manter a satisfacción da sociedade galega co fenómeno turístico.

O Camiño de Santiago como destino espiritual, cultural ou coma un reto persoal reforza a súa popularidade ano tras ano e alcanza cifras récords de peregrinos que evidencian o atractivo da ruta xacobea. Malia tratarse dun fenómeno turístico de masas, poder desconectar da rutina e a conexión coa natureza que ofrece a experiencia son dous dos piares da peregrinación a Compostela. Deste xeito, dende a Xunta pretenden impulsar o Camiño como un modelo de turismo cada vez máis sostible, impulsando a conservación e a mellora das diferentes rutas.

Grazas aos traballos da Administración, avanzouse na cuestión ambiental, na eficiencia enerxética e hídrica e na sensibilización tanto de peregrinos como residentes. Pero estes obxectivos, incluídos xa no Plan Director dos Camiños de Santiago 2015-2021, non rematan aí e mantéñense como unha prioridade de cara ao Ano Santo 2027 mediante o Plan Director dos Camiños de Santiago 2022-2027, que conta cun investimento de máis de 140 millóns de euros, dos que máis de 66 millóns están destinados a asuntos vinculados coa sostibilidade.

Cada ano miles de peregrinos emprenden algunha das rutas, porén o respecto ao entorno natural é fundamental para reducir o noso impacto medioambiental. Deste xeito, dende a Xunta levaron a cabo traballos de catalogación do patrimonio natural e biodiversidade do Camiño e puxeron en marcha un plan de residuos na Rede Pública de Albergues do Camiño de Santiago. Ademais, para facilitar a reciclaxe entre os camiñantes, impulsouse a compostaxe no rural e leváronse a cabo varias tarefas de concienciación entre os peregrinos para a separación de residuos e uso de bolsas biodegradables axustables ás mochilas.

Coa intención de diminuír o consumo de recursos, reforzar o uso eficiente da auga cun protocolo de potabilización das fontes ou coa colocación de válvulas temporizadas en albergues públicos para a diminución do consumo son outros dos aspectos que se reforzarán nos vindeiros anos.

Satisfacción dos galegos co turismo

Por outra banda, potenciar a ruta xacobea coma un referente de sostibilidade é fundamental para manter a esencia da peregrinación, asegurar a hospitalidade dos galegos e galegas e conseguir un turismo menos invasivo que poida convivir co resto da poboación, unha realidade que confirman as últimas sondaxes. Os últimos datos da Enquisa de Residentes que realiza de xeito anual desde 2020 a Área de Estudos e Investigación de Turismo de Galicia trasladan uns elevados niveis de aceptación dos galegos e galegas ante a actividade turística.

Concretamente entre o 86 % e o 90 % dos enquisados valora de forma positiva ou moi positiva a presenza de turistas en Galicia. Son porcentaxes que apenas varían desde o ano 2021 e que son maiores naqueles segmentos vinculados directa ou indirectamente co turismo. Nese mesmo ano 2023, a valoración é dun 8,2 entre os que teñen unha relación directa ou indirecta co turismo e dun 7,6 o resto da poboación.

 

Estas cifras permiten ter unha visión global da situación e seguir avanzando para ofrecer un modelo turístico ordenado e sustentable que axude a repartir territorialmente os beneficios que o turismo ofrece, así como incrementar así o grao de satisfacción da sociedade galega.

A enquisa, dirixida aos residentes na comunidade galega, naceu como proxecto piloto no ano 2020 co obxectivo inicial de coñecer a intención de viaxar dos galegos e galegas no contexto de pandemia ao mesmo tempo que buscaba medir a súa percepción e valoración respecto da actividade turística e os seus impactos. Nos anos sucesivos e coa recuperación paulatina do turismo, a enquisa estase focalizando na percepción do turismo.

Publicidad

Los comentarios se han cerrado.

0 Flares Twitter 0 Facebook 0 Google+ 0 Pin It Share 0 LinkedIn 0 0 Flares ×