Noticias de Hoy
Aniversario Auriense
Fecha: 30/12/2013
Horario: 21:30 a 21:30

Zënzar, O Sonoro Maxín y Sés no Auriense

Festa do 13º Aniversario do Café Cultural Auriense coas actuacións de  ZënzarO Sonoro Maxín y Sés.

Zënzar son o grupo decano do rock en galego formado a finais de 1987, un quinteto apoiado nos directos en ocasións por grandes persoas e music@s. Fórmase no outono de 1987 co nome de Mördor. Son a banda con máis anos de actividade en Galiza facendo rock en galego. O seu primeiro concerto foi no Nadal de 1988 no pub Non sei sendo un sexteto. Mantiveron esa formación ata o ano 1991 cando saíron da banda o teclista Manuel Jesús e o guitarrista Luis. Destes primeiros anos destaca unha gravación en Meirama de 1990, a única que teñen como sexteto, e onde están as súas primeiras cancións e algunhas versións de bandas como Ilegales ou Nacha Pop.

En febreiro de 2013 publicouse o disco-homenaxe Vai polos padriños, con 19 temas re-interpretados por 18 grupos galegos como Ruxe Ruxe, Dios ke te crew, Machina, Os tres trebóns, Invivo, Som do Galpom, Raiba, K-Raxe ou A compañía do ruído.

 

 

E O Sonoro Maxín... que decir... chega a onda sonora. Chega do interior, dun océano interno. Dun mar quente e profundo que, aínda que ten morada certa, non aparece nos mapas. Trae con ela as cumbias que non son cumbias. Esperta os bailes que aínda están por inventar. Camiña polas rúas que pisamos hai tempo e polas que hoxe está prohibido pasear. Traslada dun lado a outro a surfistas sen táboa, unha manda de eguas e cabalos sen dono e un grupo de pallasos que tratan, co riso e sen bromas, asuntos moi serios. Vén cargada con ritmos descompasados que derrotan ás cadeiras no primeiro compás, de harmonías dunha soa nota e de esquecidas melodías atopadas no fol dun acordeón. Viaxan ao seu carón cantantes afónicas, exploradores perdidos, mariñeiras dos fentos e dos toxos, arrieiros que non saen da casa, mamíferas destetadas e plumíferos desplumados.

A onda sonora trasmítese cara todos os ouvidos no mesmo momento. Nun pestanexo. Nas novas formas de contar o tempo, nun bico, nunha aperta, nun sorriso. Cara todos e todas coa mesma intención, ser escoitada.

 

 

Se algo podemos destacar de Sés é o seu enorme carisma e forza persoal, xa de sobra amosada en centos de concertos e actuacións ao longo de toda Galiza, percorrendo diferentes escenarios, pobo tras pobo e cidade tras cidade. Aos poucos e grazas á transmisión boca-orella, a súa intensa personalidade e honestidade á hora de manifestarse, foi conquistando o público cun caudal de enerxía que chama pola unión e o cuestionamento do establecido.

"Co xenio destrozado" é un traballo feito con orgullo identitario, frescura e vitalidade, que pretende concentrar nunha presa de cancións viscerais e paixonais a potencia do directo. Temas de cantautora vestidos de blues, rock e sons do continente hispanoamericano.

Formada na música e no baile tradicional, María Xosé Silvar é profesora e licenciada en Filoloxía Galega e Antropoloxía Social. En 2007 crea xunto a tres amigos Chámalle Xis!, un dos grupos revelación daquel ano e un dos gañadores do concurso ACoruña Son, apadriñado por Santiago Auserón. Despois de máis de 30 concertos por toda Galicia con Chámalle Xis! tamén colabora con grupos coma Zënzar ou Xabier Díaz e xa como Sés con Budiño e tamén aparecendo en homenaxes de grupos coma Os Resentidos, Zeca Alfonso, ou participando no Festival de Cans (2012) e en Cantons na Maré (2013)