Noticias de Hoy
vinis terrae viii salon del vino y licores gallegos de calidad ourense_img6445n1t0
Localidad: Ourense
Fecha: 14/06/2021 a 15/06/2021
Horario: 01:00 a 01:00

Ourense Vinis Terrae, Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade

Ourense Vinis Terrae, Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade celebrará a súa 9ª edición os días 14 e 15 de xuño de 2021 e farao reconvertido a evento híbrido entre presencial e virtual para adaptarse ao novo contexto provocado pola pandemia mundial. O obxectivo deste cambio de formato é contribuir a diversificar as canles de venda das comercialización das adegas garantindo a presenza posible de importadores nacionais ou internacionais que manterán citas de negocio coas adegas galegas de xeito directo no recinto de Expourense ou ben de xeito virtual a través da plataforma dixital que a organización poñerá a disposición dos expositores. Este formato híbrido para as reunións de negocio xa foi probado con éxito en acción profesionais organizadas con anterioridade por Expourense como foi o caso do Workshop de Turismo de Saúde e Benestar celebrado o pasado mes de novembro.

Nesta nova edición, Ourense Vinis Terrae seguirá posicionado como un evento 100% profesional, galego e de calidade, xa que só poderán participar como expositores adegas adscritas ás distintas Denominacións de Orixe ou Indicacións Xeográficas Protexidas de viños e licores de Galicia. Neste evento ademais a promoción do produto irá parella á promoción do territorio. O novo formato e os obxectivos deste salón foi decidido esta mañá na primeira reunión virtual do comité asesor de Ourense Vinis Terrae 2021. Dirixida pola directora adxunta de Expourense, Emma González, participaron nesta reunión: o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén; o vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Fernández; a xefa do servizo de Promoción da Calidade Agroalimentaria AGACAL, María José González; o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe, Ribeiro, Juan Manuel casares; a presidenta de CRDO Monterrei, Lara da Silva;  o presidente de CRDO Valdeorras, José Luis García Pando; o secretaria xeral de CRDO Rías Baixas, Ramón Huidobro; a representante do CRDO Ribeira Sacra, Marta Villén; e a secretaria do CRIIGG de Licores e Augardentes de Galicia, Carmen Otero.

Nesta reunión foron seleccionados os potenciais mercados de interese para o viño galego dentro dos cales se seleccionarán aos importadores que participarán na vindeira edición de Ourense Vinis Terrae.

Expourense converterase de novo nun centro de negocios que facilitará o contacto directo entre as adegas e produtores de licor e augardente das distintas denominacións galegas, a través de citas con compradores nacionais e importadores procedentes de distintos países do Mundo, para que deste xeito o salón se transforme nun foro de intercambio comercial e empresarial.