Noticias de Hoy
Soledad Penalta
Fecha: 03/07/2014 a 31/08/2014
Horario: 01:00 a 01:00

Soledad Penalta

EXPOSICIÓN: Soledad Penalta (desde o 3 de xullo ao 31 de agosto de 2014) Xardíns do MPLugo

Neste espazo expositivo do xardín do Museo Provincial de Lugo, pequeno cosmos da natureza galega, a escultora noiesa, Soledad Penalta, amosa un conxunto de obras orixinais e únicas que afondan as súas raíces na tradición do noso país, pois esta artista lembra a arte ornamental primitiva das comunidades castrexas onde a loita titánica para dominar os metais, obtidos en escuros lugares, crearon imaxes universais. Agora estes metais, ocultos á luz do sol, rescatados das entrañas da terra e portadores de enerxía telúrica emerxen ergueitos cara á choiva, o sol e o vento, dialogando coas obras doutros creadores presentes neste hortus conclusus. No xardín, onde as pedras florecen, convértense en esculturas realistas e abstractas que captan a nosa mirada e producen múltiples emocións coa súa misteriosa escritura. Estas obras de volumes claros e definidos están abertas a múltiples lecturas, segundo as posibilidades de quen as mira, pero, baixo a acción vivificadora do sol nas mañás radiantes do verán galego, transfórmanse mediante os efectos de luz e sombra nunha invitación á vida, porque esta artista busca a súa inspiración no cotiá. O profundo coñecemento e dominio de diversos materiais e técnicas, ao longo da súa traxectoria artística, converten a Soledad Penalta nunha creadora de obras orixinais e intemporais situadas en distintos escenarios urbanos europeos e americanos. A poética escultórica desta mestra da beleza ponnos en contacto coa enerxía vital que flúe polo tempo e polo espazo desta cidade milenaria.

Comisariado: Encarna Lago e Pepa Cerviño

Web: www.museolugo.org