O Espazo de Cine da Área de Cultura da USC impulsa a creatividade audiovisual da mocidade a través da convocatoria da sexta edición do maratón Findecurta, un certame promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural e que se desenvolverá do 4 ao 8 de xuño de 2021 en Lugo.
As persoas interesadas en tomar parte nesta cita artística poderán formalizar a súa inscrición de balde desde este xoves 13 de maio ata o 2 de xuño a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es, ao que cómpre enviar cumprimentada a folla de inscrición xa dispoñible na web www.lugocultura.es, onde tamén se poden consultar as bases polas que se rexerá a nova edición dun certame que en 2020 citou preto dun centenar de participantes.
As vicerreitoras de Coordinación do Campus de Lugo e de Igualdade, Cultura e Servizos da USC, Montserrat Valcárcel Armesto e Mar Lorenzo Moledo, respectivamente, salientaron que este tipo de certames reafirman o compromiso da institución académica coa cultura, a través das súas diversas manifestacións artísticas e, nomeadamente, cos novos creadores de cultura en galego.
O certame propiamente dito comezará o 4 de xuño cunha sesión informativa que se desenvolverá de xeito telemático, a través da plataforma Zoom, a partir das 20.30 horas. Unha vez rematado este encontro, as persoas inscritas no VI Findecurta, agrupadas en equipos, disporán de máis de 80 horas para elaborar as súas respectivas curtametraxes, propostas que deberán entregar antes das 10.30 horas do 8 de xuño ao enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es.