Noticias de Hoy
Féminas: As mulleres en Roma
Fecha: 07/05/2014 a 29/06/2014
Horario: 01:00 a 01:00

Féminas: As mulleres en Roma

Nova exposición instalada no Museo Interactivo da Historia de Lugo que está adicada ás mulleres na sociedade romana.

Féminas: As mulleres en Roma e unha nova actividade cultural do amplo e variado programa previo á festa do Arde Lucus, o Lvcvs Cvltvral, e permanecerá instalada no MIHL ata o día 29 de xuño.

A mostra componse de once paneis informativos centrados en temas como a condición xurídica da muller en Roma, as deusas do Olimpo, a muller e o poder, a condición xurídica, o sexo, a beleza, a mediciña ou a escritura.

Tamén se exhiben algúns obxectos como xoguetes infantís, pendentes, amuletos, xoias ou útiles de beleza.

A mostra forma parte da programación do Lvcvs Cvltvral 2014, que inclúe un ciclo de conferencias, visitas guiadas, actividade e xornadas temáticas nos diferentes barrios da cidade. A programación comezou no mes de abril e prolongarase ata o 11 de xuño.

A pasada fin de semana celebrouse tamén no MIHL outra destacada actividade como foi o I Encontro de Cidades Augusteas da Gallaecia que reuniu a representantes das cidades de Lugo, Astorga e Braga, as tres cidades augusteas.

Outras actividades

Estes días tamén se están a celebrar outras actividades como os obradoiros de cociña romana que comezaron onte na Praza de Abastos. As próximas sesións serán o día 7 e 8 de maio.Tamén se poderá degustar e mercar pan romano o 17 de maio na Praza Maior.

Para o día 10 de maio, ás 17 horas, está prevista unha ruta xeolóxica Lugo pedra a pedra que sairá dende a Praza de San Marcos para percorrer e coñecer a historia e curiosidades das pedras romanas da cidade. Os interesados poderan inscribirse a través do 010. Para os máis pequenos tamén haberá xogos romanos en diferentes prazas da cidade e que comezará o 17 de maio na Praza Maior, o 24 de maio na Praza Mestre Matias Garcia Bernal de Fingoi, e o 31 de maio na Praza de Augas Férreas. Durante este mes tamén continúan as charlas nos colexios da cidade organizadas polo servizo de Arqueoloxía do Concello de Lugo.

As persoas interesadas en confeccionar a súa vestimenta para o Arde Lucus poden participar nos diferentes obradoiros que se celebran na Casa da Xuventude todos os sábados ata o 7 de xuño a partir das 11 horas e para os que non fai falta inscrición previa.

En canto as conferencias organizadas pola asociación Cohors III Lucensium, comezan o 9 de xuño, co historiador Jose María Costa García explicará O exército romano na Hispania do Alto Imperio. A seguinte sesión será o día 10 de xuño impartida polo grupo arqueolóxico de Tomás Vega Avelaira sobre Equipamento militar romano. Finalmente, o mércores 12 de xuño, David González Álvarez da Universidade Complutense de Madrid, departirá sobre a Arqueoloxia do bellum Asturicum: a conquista romana do occidente cantábrico. Todas estas conferencias terán lugar no Salón de Actos da Deputación de Lugo ás 20:30 horas.