Noticias de Hoy
musica grupos banda
Fecha: 11/11/2021 a 19/12/2021

Ciclo Música en salas

O circuíto de concertos Música en salas impulsa a música en vivo en Lugo durante as vindeiras semanas con 16 actuacións nos locais O Clavicémbalo Club e Sala Jager, que  programan 16 recitais ao abeiro desta iniciativa. 

O primeiro concerto de Música en salas na cidade da Muralla celébrase este xoves 11 no Clavicémbalo. Correrá a cargo de Aló Django Qt (día 11 de novembro ás 22.00 horas), a banda galega que ten a súa inspiración no jazz e na música xitana centroeuropea: o gypsy swing. Tamén actuarán outras formacións de base jazzística como Viruxe (día 13 de novembro ás 22.30 horas), que entra no terreo do rock ou o Alfonso Calvo Septeto (día 18 de novembro ás 22.30 horas), con chiscos á música brasileira e ao flamenco. 

Este espazo clausurará a programación de Música en salas para toda Galicia. Será o 19 de decembro da man da Martin Aneiros Band: blues, soul e rock coa voz de Paula Martins e a guitarra de Víctor Aneiros. 

Pola súa banda, o rock and roll soará na Sala Jager con concertos como os de Malditos Pendejos(día 19 de novembro ás 22.00 horas) ou Los fabulosos Weekend, a formación liderada por Manuel Manquiña, coa que lle achegarán ao público versións do rock máis clásico. Tamén terán cabida neste escenario o punk de The Lazy Bones (día 27 de novembro ás 22.00 horas), con versións e temas propios ou a versátil Carolina Rubirosa, que aborda con comodidade distintos xéneros: con ela o pop/rock va da man da electrónica, pasando por ritmos bossanova ou maís intimistas.

O circuíto Música en Salas promove a recuperación da música en vivo en 19 locais das catro provincias galega nos que haberá ata 135 concertos na recta final do ano, nos meses de novembro e decembro. Está prevista a actuación de 115 artistas e bandas do panorama musical galego.

O calendario con todas as citas de Música en Salas pode consultarse nas axendas das webs de Cultura de Galicia e da Agadic.