Noticias de Hoy
Anton Pulido
Fecha: 29/05/2014 a 27/06/2014
Horario: 01:00 a 01:00

Antón Pulido: Obras últimas

Antón Pulido: A kermesse como definición da pintura, como pegada da vida.

Antón Pulido tense recoñecido, despois de máis de catro longas décadas, na identidade máis pura da pintura, aquela que fundía a autorreferencialidade kantiana do gusto coa abstracción máis emocional, que se abría ás historias da alma e que arrincaba dos pintores de acción americanos, que emerxeron após a Segunda Guerra, de Still a Kline, de Motherwell a Newman, de Pollock a Joan Mitchell. Versións máis duras que coexisten con outras líricas, mais, ambas sometidas á levidade da súa forma e percepción, que non eximen unha especial admiración pola brutalidade cromática, agoniada pola fisicidade e o peso dos protagonistas do grupo Cobra. No medio xurdía o festival de frescura húmida e multicolor dun sempre recorrente Matisse e a versatilidade do Picasso máis bad, no fondo dunha cocteleira na que cobregueaban as cores musicais do dúo Klee-Kandinsky.

En todos eles se inspirou o artista e a súa reinterpretación da pintura e, no transcurso dos anos, as pegadas, antes evidentes, son hoxe un puro rastro críptico do que só fica a vella referencia: o seu proxecto fagocitou o máis recoñecible daqueles e el instalouno nunha nova cartografía, definíndoa como kermesse, esa difícil palabra que, en termos pictóricos, nos levaría ao sentimento festivo do mundo dos clásicos flamenco-holandeses, dos Brueghel a Rubens ou Veermer.

Antón Pulido, que supera a conciencia da kermesse, como simple xogo festivo, e que a define como unha filosofía de vida pictórica ou como a vida mesma que fai explícita a emocionalidade, máis alá da ledicia, incluíndo -e sublíñao- aquilo que pode conducir á tristura, reclama a cita desas orixes máis que a sombra prolongada dos vangardistas históricos galegos, porque nunca se identificou coas súas teses, cando menos en termos estéticos.

A pintura última do artista acadou unha capacidade de síntese que non é máis que a referencia elíptica de todo o que admirou e pintou, desposuída xa das formas recoñecibles: son sinxelamente historias de cor azorradas da imaxe efémera que cultivara en Barcelona, nos anos 70, rexurdidas como presenzas dunha polifonía leve, tratada como kermesse, un modelo de representar a vida e a arte, conciliando o equilibrio entre a natureza e o home, vertebrando os seus estados de ánimo nas atmosferas festivas e non festivas. A súa referencia máis directa situaríase no exercicio de levidade que fai cando afronta a súa serie de gravados en carborundo Na penumbra do tempo (1991): o xestual semellaba espir as formas e construír un poemario coa sinxeleza do ritmo e a rima musical da multicolor.

No exercicio de nudez dun simple prato de Percebes (2008), a multicolor e a desprovisión de peso inscríbense no espazo minimalista e plano sobre o que emerxen signos e xestos, unha grafía incandescente e cálida. Neste prato agóchase o segredo que fixo baixar, nos anos sucesivos e ata a máis presente actualidade, a conciencia da pintura como kermesse sen límites e, tal como el sostén, a vida como pintura. O polifónico axigántase nos cadros esencialistas definidos pola planicie, nos que os seus espazos monocromáticos, negros, brancos ou vermellos, amarelos e azuis reciben os cadullos de cor, como emulsións da acción dun poseso, capaz de harmonizar a paixón e a emoción co máis racional, a xeometría e o aceno, verdadeiro poema rítmico, sometido ao fío condutor dunha sensibilidade que só acadan aqueles que chegaron a entender como é a inocencia desprexuízada dun neno cando se enfronta á representación do real con pintura ou un simple lapis. Como o entenderon na súa madurez Paul Klee, Joan Miró ou Joan Mitchell.

Convertidas en amplas instalacións que redefinen o papel da arquitectura que as acolle, tanto como a vida que reflicten, as kermesses de Antón Pulido convértense, ao cabo, nun manual iniciático que delata unha historia da pintura desde Altamira ata a actualidade, facendo énfase no referido pracer kantiano -en canto avala unha teoría autorreferencial do gusto-, tanto coma nunha hermenéutica das emocións coas que el pretende traducirnos o mundo que vive.

X. Antón Castro