Noticias de Hoy
David John Herrington
Fecha: 12/12/2013 a 13/12/2013

Actos na Capela de Santa María

Deputación de Lugo ten programada no Centro de Artesanía e Deseño unha variada axenda cultural para os días 12 e 13 de decembro: unha exposición de pintura, un concerto de música e unha homenaxe ó poeta lucense Xosé Díaz Castro, figura á que estará adicado o Día das Letras Galegas do ano 2014, todas elas actividades gratuítas.

Os responsables da Área destacaron a intensidade e calidade desta programación, que amosa que o Centro de Artesanía e Deseño e a Capela de Santa María son capaces de dar cabida a calquera manifestación artística, o que o convirte en centro de referencia cultural consagrada en toda a provincia.

Exposición de pintura na Capela
O xoves, 12 de decembro, inauguración de Máis Alá, unha mostra de traballos da artista lucense Dolores Guerrero.

A través de 14 pinturas e 2 esculturas, que reflicten ceos anubados como símbolo de fuxida cara mundos lonxanos, tal e como expresa a artista. O resultado é unha obra de marcado carácter onírico e visualmente moi atractiva. A lucense Dolores Guerrero é unha artista autodidacta, que ten na Natureza a súa fonte de inspiración fundamental, xa que segundo ela mesmo dí non só hai formas e cores, luces e sombras, senón tamén perfumes e sons. Ten participado en exposicións, tanto individuais coma colectivas por toda a xeografía española, así como en países estranxeiros coma Francia ou Alemaña.

A mostra, de entrada gratuíta, permanecerá aberta na Capela de Santa María dende a súa inauguración, o día 12 de decembro, ás 19:30 horas, ata o 12 de xaneiro de 2014, nos horarios habituais da Capela: de luns a venres, de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas, e fins de semana e festivos de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas.

Concerto de instrumentos recuperados
O venres, 13 de decembro, a mesma Capela será escenario do concerto Le Voyage, que ofrecerán os músicos Germán Díaz e David John Herrington. Este recital forma parte dun proxecto de recuperación dun instrumento propio do século XVIII e agora reconstruído. Será, polo tanto, un concerto único, xa que por primeira vez se escoitará un novo repertorio creado para este instrumento e ás súas particularidades técnicas e sonoras.

O zanfonista Germán Díaz ten actuado en prestixiosas salas de todo o mundo e formou parte da mítica Viellistic Orchestra, orquesta de zanfonas asentada en Francia que reunía ós mellores instrumentistas do mundo. Gañador de numerosos premios nacionais e internacionais, ten colaborado en máis dun centenar de grabacións discográficas. Pola súa banda, David J. Herrington interpretará a corneta inglesa, outro instrumento tradicional restaurado, e a tuba. Este músico inglés, comezou a súa traxectoria formando parte de diferentes orquestas e na actualidade forma parte de diferentes formacións coas que interpreta música jazz.

O recital Le Voyage celebrarase o venres, 13 de decembro, ás 21:00 horas, na Capela de Santa María, tamén con entrada gratuíta e limitada ó aforo do recinto.

Homenaxe a Díaz Castro
Outro dos actos programados é unha homenaxe audiovisual ó poeta lucense Xosé María Díaz Castro, que inclúe o documental “A lus do mundo”, realizada polos alumnos do instituto guitiricense que leva o seu nome. O documental proxectarase a partires das 12:00 horas, na Capela de Santa María, coa presenza de máis dun cento de alumnos do instituto, que logo serán os encargados de poñer en escea os poemas de Díaz Castro de xeito moi orixinal. Os rapaces do IES Díaz Castro produciron este documental froito dun obradoiro celebrado no centro educativo, e a súa banda sonora foi composta pola propia profesora de música do instituto.

A asistencia tamén é libre e gratuíta.