Noticias de Hoy
son rias
Localidad: A Coruña
Fecha: 19/03/2020
Horario: 21:00 a 21:00

O Festival SonRías Baixas 2020 chega á Coruña

O Festival SonRías Baixas 2020 chega á Coruña.

O Garufa Club acollerá o 19 de marzo unha festa de presentación do festival, que celebra este verán en Bueu a súa 18ª edición, coas actuacións de Dakidarría e Muyayo Rif. As entradas xa están á venda na web por 12€ máis gastos

O Festival SonRías Baixas -que celebrará a súa 18ª edición os 30, 31 de xullo e 1 de agosto en Bueu- espállase esta primavera por toda a xeografía galega, celebrando festas de presentación ao longo do mes de marzo en A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense, Lugo, Bueu e Mos, ademais de en Ponferrada e en Porto. Na Coruña, a cita será no Garufa Club, o 19 de marzo, e as entradas xa están á venda na web sonriasbaixas.info a un prezo de 12€ máis gastos. Na billeteira custarán 15€. A organización do evento, capitaneada pola produtora Play Plan, quere converter estes "petiscos de música e filosofía SonRías" nun punto de encontro entre artistas e público, "unha excusa perfecta para non pasar un ano sen vernos" ao tempo que achegan a súa proposta musical e festiva a novos públicos dentro e fóra das nosas fronteiras.

As cancións de Dakidarría son sempre sorprendentes pola súa capacidade de pasar do ska aos ritmos urbanos ou do reggae ao punk de forma completamente natural. A súa mestura de estilos garante unha descarga de festa nos seus concertos, que non evita que saiamos deles escoitando unha mensaxe rebelde e de loita, que ás veces nos transmite a rabia contra as inxustizas e ás veces o bo rollo máis sincero. Nos máis de quince anos de traxectoria de Dakidarría, a súa proposta tenos convertido nun nome esencial da música galega, pero non só iso. Sen abandonar a súa identidade e a súa visión do mundo, estes sete músicos do Val Miñor percorreron xa toda a península, parte de Europa e ata México. E é que ningunha fronteira pode impedir que a xente sinta o subidón de adrenalina que provocan pasando dos ritmos xamaicanos ou latinos a rapear, ou a unha tralla punk que nunca falta. O mesmo levantan un festival que un furancho... ou ao Garufa Club!

A banda catalá Muyayo Rif ofrece un explosivo cóctel de ritmos latinos, ska, reggae e punk e unha singular e elaborada posta en escena a base de ventos, teclado, batería e guitarra. Á enerxía e o groove marca da casa, engádenlle agora novos sons, como o electroswing ou o balkan. E logran, así, renovar un potente directo, onde predomina a enerxía, a festa e a crítica social desde un espírito optimista e festivo. Unha fórmula coa que conseguiron cativar ao público das 500 cidades polas que pasaron nos seus máis de 10 anos de carreira. Muyayo Rif é considerada unha das bandas máis internacionais da escena catalá. Con máis de 500 concertos ás súas costas e despois de facer bailar ao público en salas e grandes festivais de España, Francia, Holanda, Rusia, Bélxica e Suíza volven agora cunha nova xira internacional para amosar o seu explosivo directo. Sen perder o sentido do humor, con moitas ganas de facer bailar, pero sen perder ese carácter social e reivindicativo, Muyayo Rif gozan e fan gozar ao público.

O Festival SonRías Baixas celebrará a súa 18ª edición os 30, 31 de xullo e 1 de agosto de 2020 en Bueu, cun cartel ao que aínda lle faltan moitos nomes pero no que xa destacan o mellor rapeiro en lingua hispana do mundo, Kase.O, o punk-rock dos Desakato, os ritmos do mundo de García Mc & Nación Quilombo e a paixón pola tradición balcánica de Balkan Paradise Orchestra. As entradas están á venda na web sonriasbaixas.info cun prezo especial e limitado de 41€ máis gastos os tres días de concertos, acampada incluída.

AS (OUTRAS) FESTAS DO SONRÍAS
As festas, que tomarán na primavera as salas de concertos das principais cidades galegas, achegarán a outras cidades e vilas algunhas das propostas artísticas que xa son himnos do festival, como aos Dakidarría -que son unha das bandas que máis veces pisou os escenarios do SonRías e que sempre tivo unha resposta espectacular por parte do público- presentando a súa proposta en acústico e Muyayo Rif, que foi a gran sorpresa da pasada edición; ou unha das propostas de world music máis interesantes do país, García Mc & Nación Quilombo, que estará en agosto no festival e Ninhodelosrecaos Dj, un dos líderes de La Pegatina que cada ano ofrece en Bueu a súa versión máis desenfadada e bailable coas súas míticas sesións. Tamén pasarán polas festas do SonRías Baixas SonDaRúa, claro exemplo dunha formación nacida nas redes sociais que desenvolveu un directo de gran calidade e contundencia e que presentarán un avance do seu novo traballo, que verá a luz en abril, e os Poetarras, o colectivo músico humorístico que reaparecerán -unha vez máis- ao calor do festival de Bueu, pero esta volta en Compostela.

  • Xoves 5/3/2020 - García Mc & Nación Quilombo + SonDaDúa - Maus Hábitos (Porto)
  • Xoves 12/3/2020 - SonDaRúa  + Ninhodelosrecaos Dj - Sala Máster (Vigo)
  • Viernes 13/3/2020 - García Mc & Dj Mil+ Ninhodelosrecaos Dj - Café Cultural Auriense  (Ourense)
  • Sábado 14/03/2020 - SonDaRúa + García Mc & Nación Quilombo + ninhodelosrecaos Dj - Sala Aturuxo (Bueu)
  • Mércores 18/3/2020 - Muyayo Rif + Dakidarría en acústico - Club Clavicémbalo (Lugo)
  • Xoves 19/3/2020 - Muyayo Rif + Dakidarría en acústico – Garufa Club (A Coruña)
  • Viernes 20/3/2020 - Muyayo Rif + Dakidarría en acústico - Sala Rebullón (Mos)
  • Sábado 21/03/2020 - Muyayo Rif + Poetarras - Sala Capitol (Santiago de Compostela)
  • Sábado 21/03/2020 - Dakidarría en acústico + SonDaRúa - Sala La Vaca (Ponferrada)