O festival Resis é un festival internacional anual de música contemporánea e artes vivas que xurde da necesidade de crear na Coruña unha plataforma estable de estrea e difusión da música contemporánea.
Esta cuarta edición celebrarase do 22 de abril ao 6 de xuño con 17 composicións e inclúese a colaboración coa Orquestra Sinfónica de Galicia e a estrea en primicia de máis de 30 obras de artistas que son referentes internacionais.
A organización levará os concertos a diferentes lugares da cidade como a Fundación Luis Seoane, a igrexa das Capuchinas, a casa museo Casares Quiroga, a sala de exposición Palexco, a Domus, o museo Muncyt, o Aquarium Finisterrae, o pazo municipal e o teatro Colón.
A entrada ao festival é de balde aínda que deberán retirarse fisicamente a partir do 16 de abril en cada lugar que acolla o festival.
Ademais, na programación destacan concertos como ' Mikrokosmos', de Roberto Oliveira; ' Realidade', de Pulso Ensemble; 'Sólidos e Líquidos', do Grupo Ixor; o concerto para piano ' Telescope', coa intérprete Elisa Vázquez Doval, e ' Ombra Dei Suono', do Cuarteto Matrice con escenografía da artista Iria do Castelo. Pechará o festival o concerto 'Gran Torso' coa estrea de ' Jalons' no Teatro Colón.