Séptima edición dos Trens turísticos de Galicia.
A séptima edición dos Trens turísticos de Galicia incorpora unha nova ruta polos camiños de Santiago para descubrir gran parte do patrimonio galego a través de diferentes tramos do Camiño Inglés, do Camiño do Norte, do Camiño Francés e do Camiño Primitivo.
O novo itinerario que bota a andar por vez primeira nesta edición achegará aos viaxeiros á realidade viva das peregrinacións xacobeas. Saíndo da cidade da Coruña (Camiño Inglés) achegarase ao Mosteiro de Sobrado dos Monxes (Camiño do Norte), á cidade de Lugo (Camiño Primitivo) e ao mosteiro de Samos (Camiño Francés). Percorrerá así catro dos dez itinerarios xacobeos en Galicia e, como explicou Nava Castro, reforzará á Ruta dos Mosteiros, iniciada a temporada pasada, ao incluír neste novo itinerario “dous importantes exemplos do extenso e rico patrimonio monacal galego, ambos estreitamente vinculados aos camiños xacobeos de peregrinación”.
Preto de 60 saídas
A nova edición dos Trens Turísticos de Galicia manten presentes as xa coñecidas Ruta dos Faros, Pazos e Xardíns Históricos de Galicia, Ruta da Lamprea, a Ruta Ourense Termal e Versalles galego, os seis trens turísticos que percorren os territorios de cada unha das cinco denominacións de orixe vitivinícolas: Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra –en ámbolos dous ríos, Sil e Miño-, Ribeiro e Valdeorras, así como a Ruta dos Mosteiros que, tras o éxito do ano pasado co 100% de ocupación, duplicará as súas saídas nesta edición.
De xuño a outubro
En total, os viaxeiros poderán desfrutar nesta edición de ata 12 itinerarios temáticos diferentes, que farán un total de 57 saídas entre os meses de xuño e outubro e que suman máis de 16.000 km de percorridos polas catro provincias.
Os Trens Turísticos de Galicia comezaron a funcionar o 1 de xuño e rematarán o 26 de outubro. As rutas inclúen viaxes en tren, visitas guiadas e traslados en autobús e teñen un prezo por ruta de 45 euros para adultos, con descontos para grupos e para nenos. Os billetes pódense adquirir a través da web de Renfe e, como novidade, tamén se habilitou este ano un punto físico de venta de billetes na oficina de Renfe instalada en San Martiño Pinario. Amais, pódese atopar toda a información na web de Turismo de Galicia.
Novo punto de Información e venda de billetes
Os Trens Turísticos de Galicia contan cun novo punto de información en Santiago de Compostela para a venda de billetes, xurdida no marco da colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo, Renfe e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) para promover o turismo de Galicia e o ferrocarril como medio de transporte.
Esta oficina situada na entrada museística do Mosteiro de San Martiño Pinario, informa e comercializa os billetes desta experiencia turística que permite percorrer Galicia en tren a través de máis de dez itinerarios tematizados baseados en recursos como o patrimonio natural, a enogastronomía, a Ruta da Camelia, a Ruta da Lamprea ou a cultura galega. Cada unha das rutas pódese realizar nunha única xornada e, ademais da viaxe en tren, ofrece servizo de guías especializados durante todo o percorrido, traslados complementarios en autocar e entradas a todos os puntos de interese.
O horario de funcionamento deste punto de información en tempada baixa é de 11,00 a 14,30 horas e de 15,30 a 19,00 horas de luns a venres. O sábado abrirase tamén pola mañá, de 11,00 a 15,00 horas. Durante a tempada alta e coincidindo co funcionamento da nova edición dos Trens Turísticos de Galicia –de xuño a outubro- o horario ampliarase de 10,00 a 14,30 e de 15,30 a 20,00 horas de luns a venres e os sábados será de 10,00 a 15,00 horas.
Alta satisfacción dos usuarios
Os Trens Turísticos de Galicia reveláronse un ano máis como unha das mellores opcións tamén para usuarios de distintas partes do mundo, que chegaron de seis países de Europa, así como de Asia, África ou América. A eles uníronse os usuarios procedentes de ata 15 Comunidades Autónomas de España. Ademais, preto do 97% recomendou a experiencia o que avala o éxito desta iniciativa que combina natureza, termalismo, enogastronomía e cultura nas 12 rutas que percorren as catro provincias.
Web oficial: www.turismo.gal
- Calendario/Precios