Noticias de Hoy
Tres Feridas
Fecha: 08/10/2015
Horario: 21:00 a 21:00

Presentación do libro: Tres Feridas, en Vigo

Presentación do libro: Tres Feridas, en Vigo

O xornalista Manrique Fernández, director xerente da Fundación Rogelio Groba, presenta mañá xoves, día 8 de outubro, na Casa del Libro de Vigo, a súa primeira novela, Tres feridas, publicada pola editorial Belagua. No acto estará acompañado polo profesor, ensaísta e crítico literario Ramón Nicolás, e a editora, Edurne Baines.

Tres feridas, cuxo título fai alusión ao coñecido poema de Miguel Hernández, desenvólvese en torno ás ideas da vida, o amor e a morte, encarnadas nos seus tres protagonistas, aos que a falta de comunicación marcaralles a súa existencia con profundas feridas emocionais.

Nesta historia, que comeza cun sorprendente secuestro, os soños de Rafael e a súa idealización do amor levarán a desgracia ás persoas ás que máis quere, vítimas dos que cren que os sentimentos poden ser programados.

A dor, a soidade, o abandono, a culpa, a ira e o odio planean sobre unha historia na que os seus protagonistas terán que elixir entre os seus desexos e os dos demais, nun marco no que os desacordos provocados pola falta de comunicación cimentan un conflito que estoupa sobre as súas vidas.

SOBRE O AUTOR

Manrique Fernández (Cospeito, Lugo. 1965), é licenciado en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid.

Traballou en distintos medios galegos, tanto na prensa escrita como en radio, televisión e medios dixitais e, dende o seu nacemento en 2002, exerce de director-xerente da Fundación Rogelio Groba, dedicada á catalogación, a protección e a difusión do legado musical do compositor de Ponteareas (Pontevedra).

En colaboración co compositor, publicou a súa biografía autorizada (Meditacións en branco e negro, Xerais, 2000), un libro de conversas (Diabolus in musica, Galaxia, 2011) e un catálogo (Mi obra musical comentada, Fundación Rogelio Groba, 2015). Da súa colaboración tamén naceron, entre outras composicións, dúas óperas (Floralba e Pedro Madruga. O Noso Rei), unha ópera infantil (a adaptación do conto de Charles Perrault O gato con botas), unha cantata (Corpus en Ponteareas), e un réquiem (Samaín. Réquiem galego).

Ademais, publicou o libro Floralba (Egasur, 1999), que recolle o libreto da ópera do mesmo título e o poema orixinal no que se baseou; Ponteareas máxica. mitos, ritos e lendas (Asociación de Comerciantes de Ponteareas, 2001), e mailo libro de relatos Crónicas de Embora (Toxosoutos, 2014).