Eme2 presenta en Vigo: A leituga

Fecha 19-10-2018 a 20-10-2018
Lugar
0 Flares Facebook 0 Twitter 0 Google+ 0 Pin It Share 0 LinkedIn 0 0 Flares ×

Eme2 presenta en Vigo: A leituga.

19/10/18 Auditorio Municipal de Vigo (21.00h)
20/10/18 Auditorio Municipal de Vigo (21.00h)

A leituga aborda en clave de humor un conflito familiar polo que todos pasamos ou pasaremos nalgún punto das nosas vidas: como actuaremos no momento en que os nosos pais se aproximen á morte? A montaxe dirixida por Víctor Duplá e protagonizada por un elenco de luxo -Antonio Durán Morris, Mercedes Castro, María Vázquez, Xosé Barato e Federico Pérez- achéganos unha reflexión teatral ao respecto dos coidados e as relacións familiares a través de cinco personaxes que se han mover entre a esperanza e a aceptación, o sacrificio e a culpa, o afecto e o rancor.

“A peza fala da responsabilidade que temos, como individuos, de medrar”, indica Duplá, subliñando a universalidade da obra e a proximidade coa que o equipo se implica nela. “Fala tamén de todos os que estamos neste proxecto porque fala do lugar do que saímos todos. Fala da decadencia da familia tal como a entendemos en Occidente”. É unha reflexión compartida polo elenco, como amosan as palabras de María Vázquez: “ten que ver con estar presos nos roles familiares, cunha forma de familia que non funciona”.

A relevancia deses temas nos que afonda A leituga (a dignidade humana, o dereito á vida e o dereito á morte, as lealdades familiares) combínase cun enfoque de comedia que dá á obra un equilibrio sutil e delicado. “Nunha primeira lectura parece unha comedia lixeira”, confesa Xosé Barato, “pero canto máis rascas máis ves a profundidade das almas dos personaxes”. Antonio Durán Morris tamén subliña a humanidade dos roles que interpretan, lonxe da caricatura: “Víctor lévanos máis aló da comedia superficial, penetrando moito nos personaxes”. Así, a obra busca o xogo entre a identificación e a distancia con esas personaxes realistas por parte do público. Tal e como indica Mercedes Castro, que produce a obra ademais de ser unha das integrantes do elenco, “na interpretación, dende dentro vives un drama porque a situación o é, pero dende fóra pode verse doutra maneira”. Federico Pérez resume o proceso retranqueiramente: “nós cremos que vai ser comedia”.

En definitiva, A leituga transita por ese camiño do medio entre a comedia e o drama, o que levará a espectadoras e espectadores a observar entre o riso e a reflexión as consecuencias do reparto dos coidados nas fráxiles costuras dos afectos familiares entre pais e fillos, parellas e irmáns.

O texto é do autor venezolano César Sierra, autor e director caraqueño que se iniciou na escrita dramática e na dirección en 1984. Dende aquela, dirixiu máis de trinta obras en países como Venezuela, Estados Unidos, Arxentina ou España. A leituga estreouse en Nova York, Miami ou Santiago de Chile.

Sinopse
Cinco familiares, tres irmáns e as parellas de dous deles, reúnense na casa da irmá maior, Virxinia (Mercedes Castro) e o seu marido, Héctor (Antonio Durán Morris), para celebrar o aniversario do pai, que se atopa en estado de coma desde fai nove anos. O que de primeiras semella unha sinxela celebración, convértese nunha encarnizada poxa por ver quen se responsabiliza dos coidados do pai entre Virxinia e os seus irmáns Vinicio (Xosé Barato), Víctor (Federico Pérez) e a muller deste último, Dora (María Vázquez).

Equipo

(Gal) Autor: Cesar Sierra
Tradutor: José Luis López Roca
Elenco: Xose Barato, Mercedes Castro, Antonio Duran ‘Morris’, Federico Pérez, María Vázquez.
Director: Victor Duplá
Axudante de dirección: Tamara Canosa
Escenografía e iluminación: José Manuel Faro ‘Coti’
Música Orixinal: Anxo Graña
Vestiario: Uxía Vaello
Deseño gráfico: Roi Fernández-LeGráfica
Fotografía e vídeo: Lucía Estévez
Comunicación: Sonia Díaz e Cibrán Tenreiro – NóComún
Produción Executiva: Cecilia Carballido
Duración: 80 minutos
Xénero: Comedia dramática
Unha produción de Eme2

 

Publicidad

0 Flares Facebook 0 Twitter 0 Google+ 0 Pin It Share 0 LinkedIn 0 0 Flares ×