Nexos 2018 en Santiago de Compostela

Fecha 27-01-2018 a 16-06-2018
Lugar
0 Flares Facebook 0 Twitter 0 Google+ 0 Pin It Share 0 LinkedIn 0 0 Flares ×

Nexos 2018 en Santiago de Compostela.

O ciclo de cultura contemporánea Nexos regresa en 2018 á Cidade da Cultura de Galicia da man, de novo, de Marcos Lorenzo e con cinco sesións, do 27 de xaneiro ao 16 de xuño, nas que se volverán combinar relatorios didácticos, amenos e distendidos a cargo de destacados expertos con innovadoras e vangardistas actuacións artísticas.

Carolina del Olmo, autora do coñecido libro ¿Dónde está mi tribu? Maternidad y crianza en una sociedad individualista, será a encargada de inaugurar esta sexta edición o 27 de xaneiro. Baixo o título A quimera da conciliación. Crianza, coidados e traballo doméstico no século XXI, a filósofa e xestora cultural abordará as dificultades na crianza das fillas e fillos e a situación dos coidados persoais nunha sociedade individualista.

A seguinte sesión de ‘Nexos’ será o 24 de febreiro e nela analizaranse as claves da explosión creativa na banda deseñada e animación en Galicia. Para iso contarase con dous grandes en ambos eidos: Alberto Vázquez, director de cine, ilustrador e debuxante de cómics e Manuel Cráneo, artista multidisciplinar director da editora e produtora cultural Demo e creador da marca multiplataforma Planeta Mincha.

Ademais, este relatorio verase complementado cun orixinal e divertido Combate de debuxantes. Inés Casarejos, Guille Debelius, Xulia Pisón e Dani Xove poñerán a proba a súa pericia ante os desafíos e trasnadas que lles proporá Xaime Lis, mestre de cerimonias.

PROGRAMA COMPLETO

Patrimonio galego

‘Nexos’ tamén indagará nesta edición no estado actual do noso patrimonio cultural. Será o 24 de marzo e disporá da axuda e dos coñecementos de Felipe Criado, profesor de investigación do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas), director do INCIPIT (Instituto de Ciencias do Patrimonio) e presidente da Asociación Europea de Arqueólogos, que tamén apuntará posibles fórmulas necesarias para poñelo en valor.

O ciclo retomarse 14 de abril con Gema Martín Muñoz quen fará unha achega á actualidade do mundo árabe e musulmán sen os lentes deformantes de Occidente. Esta escritora e socióloga é tamén profesora de Socioloxía do Mundo Árabe e Islámico da Universidade Autónoma de Madrid e foi profesora visitante na Universidade de Harvard e colaboradora da Universidade da Sorbona. Entre outros libros ten publicado Irak, un fracaso de occidente (1920-2003) e El mundo árabe en busca de la excelencia democrática.

Para pór fin a este, coma sempre, ecléctico ‘Nexos’ afondarase un chisco máis sobre a renovación e florecemento nas pasadas décadas da música popular portuguesa. Será o 16 de xuño e terá como protagonista a Teresa Salgueiro. Cantante e compositora, foi a vocalista de Madredeus durante vinte anos (de 1987 a 2007), gravando 11 discos nesa etapa.

Nexos Infantil

Como nas anteriores edicións, ‘Nexos’ volve prestar especial atención aos máis pequenos e pequenas, aos que introducirá nos diferentes aspectos dos contidos que se abordando ciclo a través de actividades lúdicas e didácticas coas que aprender xogando.

O obxectivo é que á saída do ciclo, maiores e pequenos teñan reflexionado e aprendido sobre as mesmas temáticas, cada quen desde a súa perspectiva, para poder logo partillar e conversar de xeito interxeracional.Dirixida a nenas e nenos de Primaria –de 5 a12 anos de idade–, cada sesión artellarase baixo a fórmula: ver/ler/escoitar, facer, falar.

Apartado artístico

No apartado artístico, redobrarse a aposta de ‘Nexos’ por dar voz ao talento galego a través de producións propias, creadas en exclusiva para este ciclo, que permitirán gozar dunha performance de Espazo Aberto; dun monólogo cómico de Carlos Meixide; dun espectáculo sonoro e visual de ‘Nenoescuro’ e dunha actuación sorpresa como peche do ciclo de 2018.

En total, cinco sesións a celebrar na Biblioteca e Arquivo de Galicia e que rematarán cun convite a un viño e un petisco, como todas edicións anteriores, cortesía de Bodegas Martín Códax e Conservas Antonio Pérez Lafuente. No entanto, esta sexta entrega de ‘Nexos’ introduce como novidade o pago por asistencia, 3 euros para os relatorios, e 2 euros para as actividades coa cativada cunha promoción especial para aquelas persoas que adquiran as tres primeiras sesións, xa que terán de balde as dúas seguintes. Pódese conseguir a entrada e ter máis información polo miúdo de cada unha das sesións en cidadedacultura.gal.

Publicidad

Los comentarios se han cerrado.

0 Flares Facebook 0 Twitter 0 Google+ 0 Pin It Share 0 LinkedIn 0 0 Flares ×