Noticias de Hoy
Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego
Fecha: 23/03/2021 a 28/03/2021

Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego

Santiago de Compostela. Do 23 e o 28 de marzo de 2021.

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego, que se desenvolverá entre o 23 e o 28 de marzo de 2021, abre o prazo para a presentación de filmes que serán seleccionados para concursar na Sección Oficial da XVI edición da mostra.

As películas que poderán concorrer á MICE deberán ter sido producidas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2018. O prazo de admisión de filmes estará aberto dende hoxe, día 19 de novembro, ata o vindeiro 8 de xaneiro de 2021 ás 23.59h, a través das plataformas Clickforfestivals, Filmfreeway e FestHome.

O Museo do Pobo Galego promove a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico co fin de achegar o cine etnográfico e a antropoloxía audiovisual ao público, entendendo o cinema etnográfico como unha ferramenta de investigación, comunicación e creación, no ámbito da representación da diversidade cultural. Busca xerar un espazo de diálogo e intercambio arredor de filmes que mostren aspectos relacionados coas distintas realidades socioculturais, tendo como foco principal as persoas, os grupos sociais ou os procesos históricos relevantes relacionados coa antropoloxía e a etnografía. 

PREMIOS

As películas que resulten elixidas para concurso optarán ao Premio ao Mellor Filme Etnográfico, dotado con 1000 euros, trofeo e diploma. As películas galegas seleccionadas a concurso optarán tamén ao Premio ao Mellor Filme Etnográfico Galego, dotado con 700 euros, trofeo e diploma. O Premio do público consistirá nun diploma e trofeo acreditativo. Por último, o Premio AGANTRO premiará a excelencia antropolóxica e será outorgado pola Asociación Galega de Antropoloxía Social e Cultural, dotado con 500 euros, diploma e trofeo.