Noticias de Hoy
vlcsnap 2014 05 26 14h43m12s217
Fecha: 03/06/2014 a 08/06/2014
Horario: 01:00 a 01:00

Mostra de Cinema Etnográfico 2014

9ª Mostra de Cinema Etnográfico 2014 de Santiago de Compostela. Programa completo.

¡Descarga ou consulta o programa picando aquí!

O 3 de xuño dará comezo a novena edición da Mostra de Cinema Etnográfico que organiza o Museo do Pobo Galego. Durante cinco días pasarán polo Auditorio do Museo películas realizadas en Galicia, Cataluña, Canarias, Perú, Irlanda, Inglaterra, Canadá, Bélxica ou Alemaña. Como é habitual desde que a Mostra botou a andar, proxectaranse as cintas premiadas no Espiello, o Festival Internacional de Documental Etnográfico de Sobrarbe (Huesca), así como as que o propio Museo selecciona para a sección Carlos Velo. Este ano incluíronse dúas curtas de animación: a mirada poética de Tony Donoghue sobre os mobles tradicionais irlandeses en Irish Folk Furniture e a combinación de imaxe real e animación para falar da representación feminina na política de Sierra Leona en 30% da artista Anna Cady. Ambas as dúas estiveron seleccionadas no Sundance Short Film levando a cinta irlandesa o premio do Xurado á mellor curta de animación.

Entre as realizacións galegas, presentarase Fóra do Continente, de Nico Martínez Millán. O documental ten como protagonista a unha comunidade a contracorrente nesta sociedade 2.0 como é a das familias que viven na Illa de Ons. Pettring de Eloy Domínguez Serén e Camping Wesertal de Hugo Amoedo representan unha tendencia no devir do documental galego. Entre os e as novas realizadoras atopamos a Raquel Rei quen con Dez centímetros máis perto do ceio convídanos a reflexionar sobre a construción do xénero. A mesma terra de Anxo Vázquez, Torreiros de Pablo Ces, En calquera lugar. Entre cá e lá de Xes Chapela e Shoots from Abyssinia de Ovidio Fernández son outras das cintas galegas que van pasar pola Mostra. Souvenir do realizador e produtor canario Gerardo Carreras, Metamorphosen de Sebastian Mez, Danzak Pacha do peruano Polinario Tanta e a canadiense Funeral season de Matthew Lancit completan o programa desta 9ª Mostra.

O Museo ofrece tamén actividades paralelas. Do 5 ao 8 desenvolverase Un falso documental como unha catedral, un curso de achegamento á creación audiovisual no que se percorrerá todo o proceso, desde a idea e o guión até a edición. Para iso, os e as participantes deberán realizar un “fake” usando o Museo como recurso principal.

As proxeccións do 3 ao 7 de xuño comezarán ás 19.30. O domingo 8, faranse pola mañá, de 11h30 a 14h00. A entrada é gratuíta e poderase recoller até 10 minutos antes de cada proxección.

Web: www.museodopobo.com