Noticias de Hoy
Festalegre18
Fecha: 17/12/2018 a 23/12/2018

FestAlegre 2018 en Santiago de Compostela

FestAlegre 2018 en Santiago de Compostela.

Luns 17 de decembro de 2018
20.00 h. Goldi libre Teatro. TEATRO PRINCIPAL
Goldi libre é un traballo de teatro documento sobre o movemento de insubmisión dos anos 80
e 90 do século XX en España, sobre as persoas que formaron parte del e sobre as relacións
establecidas co aparato do Estado, coa sociedade no seu conxunto e entre os propios suxeitos
protagonistas do movemento. Trátase dun traballo feito a partir da memoria, a experiencia
persoal e o testemuño de César Goldi, veciño de Teo e actor que en 1993 foi xulgado e
condenado a 2 anos, 4 meses e 1 día de prisión por negarse a realizar tanto o servizo militar
como a prestación social substitutoria. Trátase polo tanto de conectar a memoria individual
coa memoria colectiva dunha xeración que puxo en práctica con éxito a desobediencia civil e
co imaxinario dunha época a través dun dispositivo especificamente teatral.

Martes 18 de decembro de 2018
20:00 h. Anatomía dunha serea. TEATRO PRINCIPAL
Cando en maio de 2016 Iria Pinheiro entrou no hospital para dar a luz con rotura de bolsa
amniótica non sabía que nas seguintes horas mudaría a súa vida para sempre. Varios días
despois saiu mutilada daquel edificio, coa sensación de ter sido estafada e sen o seu fillo. Foi
abandonada polo sistema e tivo que xestionar a súa dor e recuperación en soidade. Pero axiña
descubriu que non era a única muller mutilada no momento de parir. Investiga nas redes e
atopa testemuños por todo o mundo. Entón é cando se convence da necesidade de abrir un
camiño para outras mulleres, contando a súa historia no espazo público, cos medios que ten
ao seu alcance: os que lle proporciona o seu traballo en escena.

Mércores 19 de decembro de 2018
20:00 h. Salvador Teatro. TEATRO PRINCIPAL
Eu non coñecín o meu avó. Morreu hai 11 anos. Emigrou ao Brasil. Como o seu pai fixera 20
anos antes. E desapareceu. En cada foto, parece unha persoa diferente. Reinvéntase, mente,
oculta información. Reconstruíu a súa vida. Moitos emigrantes transfórman-se. Como o "spam"
desta historia. Como se o meu avó soubese que alguén no futuro, alguén iría á súa procura, e
a súa maneira de agocharse era xogar coa súa identidade e coa súa historia, como xogando
ao descuido.

Xoves 20 de decembro de 2018
20:00 h. Accións nimias.SGAE
A vida éche coma un xogo. Avanzas resolvendo adiviñas. Ás veces as adiviñas poden chegar a
obsesionar. Atormentan. Non te deixan durmir. Son mimosas, requiren a túa atención completa
(ungeteilt), poden consumirte se non lles fas caso. Pódense converter en pantasmas grandes e
escuras, sombras ou paxaros negros que nacen da noite e cun canto que é como un berro cheo
de sufrimento e desexo (Sehnsucht). O círculo vaise pechando, as adiviñas vanse acertando,
as dores vanse calmando, os orfos atopan fogares, o vello mestúrase co novo, anúnciase unha
calma de centos de azuis diferentes. Os tormentos permítennos sentir…

20:30 h. Concerto Solfa. ESCOLA DE ALTOS ESTUDOS MUSICAIS
A Asociación Cultural e Musical Solfa interpretará un repertorio de música vocal da tradición
galega e lusófona á volta do nadal. O concerto repasará pezas populares de países como Brasil
e Portugal e interpretará composicións galegas de diversos autores e poetas contemporáneos.
Solfa centra a súa actividade, dende a súa creación en 1997, na música galega tanto culta como
popular. Este concerto especial de nadal está dirixido por Francisco Tobar Cereijo.

Venres 21 de decembro de 2018
18:00 h. A música das árbores. MUSEO DE HISTORIA NATURAL
Espectáculo familiar para público de todas as idades. Graciano zoqueiro, trasniño e gaiteiro,
descubriu que as árbores facían música, cando o vento move as pólas, cando a chuvia cae nas
follas..., mais por causa dos incendios a música dos freixos, das aciñeiras, bidueiros, buxos e
sobreiras desaparece. Co cabaliño Caramulo un grupo de xinetes das árbores tentarán salvar
o canto das ameixeiras, dos teixos, das ameixeiras...

20:00 h. Desconcerto. CASA DE EUROPA
Recital multidisciplinar do Grupo Ouriol con poemas de Eva Veiga. A poesía como abraio
fronte á realidade pero tamén como modo de “desconcertar” o establecido. O Grupo Ouriol
–formado polos músicos Bernardo Martínez –percusión e xoguetes musicais– e Fito Ares
–frauta e saxo soprano–, xunto á poeta e comunicadora Eva Veiga– levan máis de 15 anos
realizando espectáculos en que a música –improvisación libre– e a recitación –a voz da
propia autora neste caso– inter-actúan asemade coas imaxes proxectadas e realizadas polo
artista Alfonso Costa á fin de acadar unha experiencia estética o máis integral posible. A súa
duración é duns 45´.

Sábado 22 de decembro de 2018
19:00 h. Orquestra de malabares. AUDITORIO
Orquestra de malabares é un espectáculo que pon en escena seis malabaristas e unha banda
municipal. Unha relación entre música e circo, un concerto onde os malabares son os bailaríns
deste ballet aéreo. Clarinetes, saxos e trompetas son os pintores dun cadro expresionista en
que as bólas, mazas e aros debuxan no aire os sentimentos e emocións que transmite a música
e o circo. A banda municipal e os seus músicos, fóra da súa zona de confort, participan, case
como actores, dun espectáculo teatral tocando temas e estilos fóra do común. En definitiva,
este é un espectáculo de instrumentos dourados, grandes tambores, pratos, camisas brancas,
uniformes e obras clásicas maxistrais pero tamén de pantalóns curtos, camisetas, gafas de
sol, funk, blues, pop e punk.

20:00 h. Blues castellano. CASA DE EUROPA
A partir dunha das obras emblemáticas do Premio Cervantes, Antonio Gamoneda, a cantante
Cova Villegas e os músicos do dúo Delta Galgos (Gonzalo Ordás e Marcos Cachaldora),
debullan o máxico vencello entre o blues e a poesía. Trátase dun espectáculo que propón
reverter a fonte de inspiración do poeta ao seu ámbito orixinario. A xenialidade coa que
Gamoneda empregou o blues para crear unha canción lenta e triste, un pranto pola negra
España tardofranquista, mestura de crónica e protesta, entronca coa poética do propio blues:
inspirouse na rítmica e no espírito tráxico desta música sureña, interpretada orixinariamente
por escravos afroamericanos, para plasmar a realidade que os rodeaba.

Domingo 23 de decembro de 2018
19:00 h. As raíces na pedra. TEATRO PRINCIPAL
Os cantos de Reis forman parte dos "cantos de nadal", unha tradición moi extendida na totalidade
do territorio galego que consiste en xuntarse en grupo para ir interpretando polas casas dos
lugares unha serie de cantos alusivos a esta época do ano. Os ranchos de reis que se celebran en
boa parte de Galicia exhiben pasos clásicos aderezados con elementos como: arcos, castañetas,
entrenzado, paos, etc., realizados normalmente durante as procesións patronais. Con certa
frecuencia posuen características chamativas como a indumentaria branca, adornos florais,
exóticos e abundancia de ouro.

FestAlegre 2018