Noticias de Hoy
Exposicion en Santiago de Compostela. Noveno Premio Auditorio de Galicia
Fecha: 11/03/2016 a 25/09/2016

Exposición en Santiago de Compostela: Noveno Premio Auditorio de Galicia

Exposición en Santiago de Compostela: Noveno Premio Auditorio de Galicia.

O premio acolle nesta edición as obras de cuarenta creadores e creadoras que foron seleccionados de entre os cento trece dossieres presentados. De entre as obras que forman parte da exposición, tres reciben galardóns:

O proxecto #Intrusas da santiaguesa Mery Pais (Santiago de Compostela, 1990), primeiro premio, afonda sobre un tema sensible que non sempre é suficientemente visible: a situación de exclusión social a que se ven sometidas as protagonistas da obra pola súa condición de “musulmás” poñendo de manifesto, conceptos como o racismo, a criminilización colectiva de toda unha cultura. Unha peza que sen dúbida invita á reflexión.

A vídeoperformance de Verónica Vicente (Tomiño, Pontevedra, 1988) ‘Figuras decorativas’, segundo premio, fala da estetización do corpo e da progresiva perda de identidade. Un corpo sometido á presión da moda aparece completamente introducido nunha peza de roupa e exposto enriba do mobiliario a modo de escultura decorativa. Un corpo atrapado no seu propio corpo. Verónica terá a oportunidade en 2017 de presentar, como parte deste premio, unha intervención inédita para a Zona “C”.

E José Manuel Vidal (Sanxenxo, Pontevedra, 1977) pecha a nómina dos premiados co accésit pola obra ‘Espacio compartido en la edificación del instante’ onde cada columna composta de formas de escaiola que se encaixan unhas sobre outras e se amoldán entre si son en palabras do artista ‘Unha consecución de instantes, un rastro de momentos irrepetibles, amoldarse a outro para sostelo mentres outro se amolda a ti e entre todos formar un novo corpo’

E xunto a eles:

CARLOS AG (Vigo, Pontevedra, 1985). Os xoguetes representan a violencia a través do xogo de sombras.

AMINE ASSELMAN (Toulousse, Francia, 1989). Convidándonos a capturar este código QR e a facer unha compra a través del, o artista fai unha reflexión sobre os grandes trámites aos que se somete a un inmigrante non europeo.

PABLO BARREIRO (Meaño, Pontevedra, 1982). Descontextualiza a columna desprezando a súa natureza vertical.

MARTA BRAN (Melide, A Coruña, 1986). Debuxa nas paredes creando un espazo natural onde se refuxia a artista e o espectador.

SAMUEL CASTRO (A Coruña, 1981). Alude ao mundo das estruturas sociais, virtuais, de poder e de pensamento servíndose da enxeñería e a arquitectura.

DAVID CATÁ (Viveiro, Lugo, 1988). As cinzas representan para o artista o final dunha etapa, da súa estancia en Berlín.

DANIEL CERECEDO (Pobra do Caramiñal, A Coruña 1988). Fai recapacitar ao espectador sobre a reprodución de imaxes e as políticas culturais a través dunha icona, a Cidade da Cultura.

SARA COLEMAN (Cabanas, A Coruña, 1980). Escultura na que reorganiza as formas do corpo a través de materiais téxtiles e obxectos cotiáns propios de vestir.

IRIA CORTIZO (Pontevedra, 1987). Propón un xogo de miradas por parte do espectador que convida a descubrir os detalles dunha domesticidade metamorfoseada.

DANA DÍAZ (Bueu, Pontevedra, 1991). Fomenta un debate sobre como a arte contemporánea interactúa co valor, a identidade e a función de obxectos cotiáns.

IÑAKI LOPEZ/ DIO3STU (Valencia, 1977). Cabazas transformadas en dispositivos táctiles nos que as mans do espectador activan diversos filamentos sónicos.

ROI DOMÍNGUEZ (O Barco de Valdeorras, Ourense, 1989). Educación, contexto académico e arte. Parte da publicación de Irving Taylor e Benjamin Gantz e os seus cinco niveis de creatividade.

RUT BRIONES/ RAQUEL DURÁN (Pontevedra, 1982/A Coruña, 1982). Cuestionan o noso discurso social en torno á comida.

TAMARA FEIJOO (Ourense, 1982). Indaga sobre aspectos existenciais como son o paso do tempo, a transcendencia e o xesto mínimo e delicado nunha peza que completa sombreando con grafito na parede.

FÉLIX FERNÁNDEZ (Viveiro, Lugo, 1977). A imaxe e o texto como pensamento.

JAVIER FERNÁNDEZ PÉREZ DE LIS (Vigo, Pontevedra, 1979). Unha reflexión arredor do campo de concentración de Ebensee, Austria.

DAVID FERRANDO GIRAUT (Negreira, A Coruña, 1978). Relaciona a sociedade e o mundo das imaxes, prestando especial atención ao soporte.

MARTA FORTES (Pontevedra, 1980). Cada escena representada desenvólvese como consecuencia da anterior, a súa contemplación permítenos soñar espertos.

FUR ALLE FALLE/ VANESA CASTRO (A Coruña, 1979). A instalación fala, a través do humor, dese temor que hoxe existe a todo o que “é malo”.

LÚA GÁNDARA (O Porriño, Pontevedra, 1988). Trátase dunha homenaxe á horizontal, o estado perfecto no que pasamos tanto tempo en paralelo.

CHRISTIAN GARCÍA BELLO (A Coruña, 1986). Obxectos poéticos e simbólicos para evocar a idea da morte.

DIEGO GERMADE CASTELO (Cangas, Pontevedra, 1979). Explora a súa relación co espazo expositivo a través da creación de obxectos a partir doutros elementos encontrados.

AMAYA GONZÁLEZ REYES (Sanxenxo, Pontevedra, 1979). Reflexiona sobre a liberación de cargas, o uso do tempo e as prioridades.

ENRIQUE LISTA (Malpica de Bergantiños, A Coruña, 1977). Obra realizada a través das indicacións que dá o artista ao persoal encargado de montar a exposición.

MARCOS COVELO/M8K8 (Vigo, Pontevedra). O imaxinario do artista reflicte a experiencia do vivido durante tres anos en Berlín.

JESÚS MADRIÑÁN (Santiago de Compostela, A Coruña, 1983). Unha cita para posar, unha conversación gravada, a necesidade de comprenderse a un mesmo.

JOSEBA MURUZÁBAL (Cambre, A Coruña, 1984). As pinceladas recorren escenas do rural para convertelas en escenas de ficción.

ROSA NEUTRO (Cangas, Pontevedra, 1979). Representa a muller a medio camiño entre a persoa e o espectro colocando ao espectador ante a dor e a impostura da construción masculina do fetiche.

IGNACIO PÉREZ (A Coruña, 1980). Esta obra trata de perverter unha das pezas do artista Yves Klein convidando ao espectador a interpretar e a revisar conceptos definidos.

LARA PINTOS (A Coruña, 1984). Representa espazos onde se suceden situacións íntimas e privadas da xente.

UXÍA PIÑEIRO (O Corgo, Lugo, 1978). A través dos elementos que compoñen a obra lévanos a pensar no sentimentos máis fondos do ser humano.

MAR RAMÓN SORIANO (Valencia, 1993). Crea un obxecto a resultas das contraposicións de texturas e elementos do entorno.

AARÓN SANROMÁN (Vigo, Pontevedra, 1985). Representa o estado variable dunha peza baseándose na teoría de que un movemento de auga pode dar forma á paisaxe.

BORJA SANTOMÉ (Vigo, Pontevedra, 1992). A peza fala do descontrol, da violencia e do sexo, as máximas que amosan a nosa animalidade.

NEVES SEARA (Ourense, 1983). Nunha performance a artista escribe unha carta á súa nai. Desa carta quedan cinzas. É unha ferida aberta sobre o papel.

ISMAEL TEIRA (Boiro, A Coruña, 1987). Fai referencia á multiplicidade do deseño e a cor dos carteis que indican os lugares turísticos de España.

MÓNICA TRASTOY (Vilalba, Lugo, 1976). A presenza do espectador activa a peza. O visible e o invisible.

imaxe: #Intrusas, Mery Pais (primeiro premio)