Noticias de Hoy
escola de musica
Fecha: 10/10/2017
Horario: 21:30 a 21:30

Concierto inaugural d’aCentral Folque, en Santiago de Compostela

O martes 10, ás 20.30 h, o Auditorio de Galicia acolle o concerto de presentación do curso, coa participación do alumnado e docentes da escola e coa presenza da cantante Rosa Cedrón como convidada especial.

O proxecto docente co que naceu aCentral Folque hai máis de quince anos (daquela baixo o nome de Conservatorio de Música Tradicional e Folque) abre un ano máis as súas aulas. Agora denominado Escola de Música Popular e Avanzada (EMPA), ofrece un lugar para a aprendizaxe, a práctica e a relación arredor da música de raíz galega cun enfoque contemporáneo e aberto. A concelleira de Acción Cultural, Branca Nonoveyra presentou esta mañá na Casa do Concello o programa do novo curso en compaña de Marcos Sanín, coordinador da escola, e de Alba María, cantante, profesora da EMPA e antiga alumna da escola. Branca Novoneyra salientou o valor deste proxecto docente d’aCentral Folque en tanto “posta en valor da nosa cultura e do compromiso coa súa anovación, co continuo tecer do relato sonoro do país”. Pola súa banda, Mauro Sanín destacou o compromiso da escola coa aprendizaxe “da música popular como elemento patrimonial identificativo da nosa cultura que, á vez, nos conecta co resto do mundo”. Sanín detallou a oferta de ensino da EMPA en disciplinas coma baile, canto, frautas, zanfona, violín, harmonía aplicada, solfexo, ou regueifa, a través actividades individuais e/ou colectivas que se dirixen tanto ao alumnado que desexa achegarse por primeira vez aos instrumentos e técnicas, como a músicos con formación noutras disciplinas que queren coñecer a música galega tradicional a través da súa historia, análise musical, repertorio e arranxos. O coordinador da escola destacou a posta en marcha dun curso maxistral de dous anos de duración, orientado a persoas xa iniciadas na música popular galega. Unha iniciativa de formación avanzada que ofrece un estudo amplo e profundo do legado musical galego unido á ensinanza de linguaxes e métodos de vangarda.

Profesora de parte das disciplinas impartidas no curso maxistral, e antiga alumna da escola, Alba María dixo de si mesma ser “un pequeno anaco da esa escola que nos permite tocar a tradición coas mans e facer parte dela, co coñecemento das súas fontes”. A cantante convidou ás persoas asistentes a participar no concerto de presentación do curso que terá lugar na Sala Mozart do Auditorio de Galicia o martes, día 10 de outubro, ás 20.30 h.  Será un recital con actuacións de músicos da escola, mestres e alumnado que os últimos anos teñen aprendido no centro, con artistas como Alejandro Vargas, Paulina Ceremuzynska, Javier Maíra Álvarez, Óscar Fernández ou María Blanco. Contará coa convidada especial Rosa Cedrón, que interpretará algunha das cancións de José Castro ‘Chané’, acompañada ao piano de Alejandro Vargas. A entrada é de balde até completar aforo.

A Escola de Música Popular e Avanzada
A escola d’aCentral Folque é un centro de ensino dinámico no que prima a calidade da relación entre mestre e alumnado. A súa metodoloxía baséase na transmisión do legado da música popular galega e no acompañamento do alumnado na procura da súa propia voz dentro da escena contemporánea. A escola conta con dúas liñas de traballo docente: as aulas individuais e colectivas e o Curso Maxistral aCF.. Especializadas en diferentes instrumentos e técnicas, como Zanfona, Violín, Canto, Frautas e Percusión, as aulas individualizadas diríxense a todas as persoas interesadas na música popular galega con independencia dos seus coñecementos musicais.

As aulas en grupo, pola contra, requiren na maior parte dos casos coñecementos previos de música e abranguen a aprendizaxe de  Gaitas, Baile, Linguaxe musical: método Kodály, Canto e pandeireta, Harmonía na música popular e Regueifa e improvisación oral. No caso desta última disciplina, de recente introdución, non é preciso coñecementos previos.  

Como complemento da oferta docente, o Curso Maxistral aCF é unha actividade estruturada en 2 anos que vai orientada ás persoas iniciadas na música popular galega. Ofrece un estudo amplo e profundo do legado musical galego unido á ensinanza de linguaxes e métodos de vangarda. Ten por obxectivo é dotar ao alumno dunha bagaxe sólida que lle permita expandirse como músico e expresar a súa propia voz dentro da escena contemporánea.

No equipo docente da EMPA  participan máis de vinte especialistas e, ao tempo, músicos en activo ,  que interveñen no ensino regular como Alejandro Vargas, Alba María, Óscar Fernández, Roberto Sala, María G. Blanco, Ramon Pinheiro, Pablo Pérez,  Sergio de la Ossa, Paulina Ceremuzynska, Serxio Cobos, Javier María López e convidados para seminarios especiais coma Dorothé Schubart, Fernando Abreu, Tomás Ageitos, Olga Kirk, Felisa Segade, Paulo p, Óscar Ibáñez, Pedro Fariñas, Xavier Groba, Carme Iglesias, Jose Luís do Pico, Rosalía Rodríguez, David ou David Bellas.