Noticias de Hoy
VanGal
Fecha: 06/11/2020 a 08/11/2020

Ciclo VanGal

Santiago de Compostela.

O ciclo VanGal, organizado polo Museo do Pobo Galego e o colectivo Ruido de Fondo, da comezo hoxe cunha primeira xornada centrada no traballo de MounQup. O proxecto musical desta artesá do son, de orixe francesa pero que na actualidade vive na provincia de Ourense, ten a electrónica como base e recolle influencias dos ritmos africanos, o jazz e a experimentación industrial nórdica, artellando un collage de texturas, formas e cores que dan como resultado unha paisaxe sonora moi especial. Ás 17h30 da tarde MounQup ofrecerá unha charla no Auditorio do Museo na que falará da súa intervención artística sobre a conexión entre os pobos galegos, a natureza e as representacións femininas positivas, que relacionan as influencias (do pasado) ca súa presente visión de Galicia. Ás 20h00, xa na Igrexa de San Domingos de Bonaval, dará comezo o seu concerto.

Antes destas dúas actividades, ás 17 horas terá lugar a inaguración das exposicións e intervencións das catro artistas, que estarán abertas ao público durante toda a fin de semana en horario do museo. O evento, que xa ten todas as entradas esgotadas dende hai unha semana, celebrarase con aforo reducido e só poderán asistir persoas da área sanitaria de Santiago, Ames e Teo. Coa entrada do concerto o público poderá asistir á actuación invididual de cada artista, á colección permamente do Museo e ás intervencións das catro artistas VanGal.

O ciclo VanGal continuará o sábado 7 de novembro coas propostas doutras dúas artistas: Faia Teresa Ferreiro. A primeira presentará o seu primeiro disco Ao cabo leirín (2019), acompañada no directo polo músico Benxamín Otero. Este traballo é unha investigación arredor das músicas de tradición oral, das mulleres que as cantan e das súas historias. Na súa intervención artística, Faia escolleu traballar cunha gravación sonora do APOI (Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade) para poñela en diálogo co espazo expositivo, e falar así do uso do patrimonio oral e inmaterial en relación co seu traballo creativo. Por outra banda, a artista visual e ilustradora Teresa Ferreiro, propón un DJ set que nos levará de viaxe por diferentes xéneros musicais mesturados coa música tradicional galega e a electrónica. Na súa intervención, a artista mostra unha colección de obras creadas nos últimos cinco anos, con algunhas ilustracións realizadas en especial para o Museo do Pobo Galego, e unha instalación sobre a tradición, a memoria, o feminismo e o poder da comunicación.

domingo 8 de novembro o evento rematará coa actuación de Laura LaMontagne e PicoAmperio, unha proposta que recolle a tradición lírica da canción galego-portuguesa traída á actualidade. O ciclo VanGal recolle propostas portadoras de distintas perspectivas arredor dunha nova vangarda galega e pon de manifesto as conexións con outras culturas, trasmitindo a idea dunha Galicia políglota, feminina e actual.