Noticias de Hoy
20 anos Lost in Sound en Santiago de Compostela
Fecha: 15/02/2019 a 16/02/2019

20 anos Lost in Sound en Santiago de Compostela

20 anos Lost in Sound en Santiago de Compostela.

O ciclo 20 anos Lost in Sound vaise desenvolver os días 15 e 16 de febreiro, vinte anos despois dunha exposición comisariada por Manuel Olveira que xuntou 40 artistas de toda Europa e que supuxo un xiro de perspectiva na relación entre os museos e o público. O programa servira para reflexionar sobre a crise da arte como xeradora de universos visuais, en beneficio da publicidade, a moda ou os videoclips, un debate que volve estar de actualidade a través de novas ferramentas como Youtube ou Instagram. No ciclo impulsado pola Concellaría de Acción Cultural participarán o propio Manuel Olveira e tamén algúns dos artistas que pasaron polo Lost in Sound hai dúas décadas.

Un cartel de luxo con entrada de balde 
O programa 20 anos Lost in Sound combina a artistas internacionais do talle de Coucou Chloe, que ofrecerá no CGAC a súa segunda actuación en España, ou Virgen María, o proxecto musical da produtora, DJ e performer, María Forqué. Tamén participarán o dúo galego Lowlight, referentes tamén da música electrónica e pioneiros do trap; o proxecto Jus Kno’, nacido da colaboración do produtor Alex Aller e o artista visual Pablo Villanueva; os irmáns de Touro Yayo V e Eloi Vázquez co seu proxecto El cuerpo del disco, e un dos djs de referencia en Galicia, Víctor Flores. O programa complétase con Chiu Longina, un artista sonoro da Pobra de Trives, cofundador e membro do colectivo SINSAL Audio de Vigo; Montse Rego, unha lucense formada en artes visuais e deseño que se expresa a través da escultura, o vídeo e a fotografía; e Lola Dopico, ferrolá que imparte aulas nas áreas de arte, deseño e tecnoloxía, e que na actualidade dirixe a escola de moda ESDEMGA.