Noticias de Hoy
Fecha: 06/04/2021 a 10/04/2021
Horario: 01:00 a 01:00

16ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego

A 16ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego celebrarase do 6 ao 10 de abril de 2021 en Santiago de Compostela, abrindo así a tempada anual de festivais galegos de cinema. Esta nova edición velará pola presencialidade das proxeccións e actividades cumprindo sempre coas medidas sanitarias e baixo a premisa de que as salas de cine e demais espazos museísicos e culturais son seguros. Porén a MICE manterá a fórmula híbrida para unha parte dos contidos dado a previsible limitación de aforos.

As primeiras actividades que se anuncian para esta 16 edición son as formativas destinadas a público adulto e o programa escolar. Por un lado, a docente, antropóloga e cineasta venezolana, Adriana Vila Guevara, impartirá o taller 'Da investigación á creación biográfica'. Este obradoiro, que terá lugar o venres 9 e o sábado 10 de abril, enfócase en achegar unha variedade de métodos, recursos, principios, discusións e cuestionamentos de base etnográfica para aproximarse a labor de comprensión do Outro/Outra e levalo á práctica creativa e cinematográfica. O número de prazas está reducido a 12 persoas e o prazo para matricularse estará aberto ata o 30 de marzo escribindo ao correo mice@museodopobo.gal.

Para o público escolar, a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico ofrecerá unha programación específica dirixida aos centros educativos no espazo MICE Petís. Esta proposta, deseñada polo realizador Marcos Nine, está dirixida a dúas franxas educativas, de 2º a 5º de Educación Primaria e de 6º de Primaria a 4º da ESO. Nesta ocasión polas circunstancias sanitarias, será a MICE a que se desprazará aos centros, achegándolles, a través dunha ligazón, un programa de curtas que será presentado polas organizadoras da actividade. Esta selección servirá para que os docentes poidan traballar nas aulas e tratar co alumnado temas como a igualdade, a identidade sexual ou o medio ambiente. Esta actividade, de carácter gratuíto, podes solicitarse escribindo ao correo electrónico a servizosdeac@museodopobo.gal ou chamar ao 981 58 36 20.

A 16ª Mostra Internancional de Cinema Etnográfico conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela, da Deputación da Coruña, de AGADIC e da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia