Noticias de Hoy
cartel rosendo cid
Fecha: 26/10/2017
Horario: 21:15 a 21:15

Rosendo Cid presenta en Pontevedra: 5000 veces pintura

5000 veces pintura é o novo libro do artista plástico Rosendo Cid, editado, neste caso, pola Galería Circular de Allariz. Un libro composto por cinco mil frases e maneiras de explicar a pintura dun xeito aforístico aínda que contraditorio, pois si o aforismo é unha oración que pretende expresar un principio de forma concisa, coherente e en apariencia pechada aquí se trata xustamente do contrario: constatar que a pintura, coma unha das categorías principais da arte, non é concisa nin por suposto pechada.

Estamos polo tanto ante un libro que contén centos de aforismos, iluminacións, versos, opinións, certezas… mesmo contradicións. Un “artefacto” escrito desde un afán experimental, sendo o xogo e a disciplina a súa base constructiva; de aí que se vincule coas experiencias escriturais do grupo francés OuLiPo, como ben sinala Ángel Cerviño no prologo deste libro; prólogo que ademáis comeza cunha cita de Enrique Vila-Matas respecto do libro Café Perec, para máis datos e para especificar esa natureza experimental e lúdica que non rexeita sen embargo a profunda reflexión sobre o incerto e extenso concepto da pintura. Un libro que debe abordarse de maneira lenta mesmo imprecisa se é que queremos asimilar todo o que aquí se nos conta.

Rosendo Cid é un artista difícil de catalogar xa que traballa con diferentes técnicas, como a colaxe, o debuxo, a fotografía, a escultura ou a práctica textual, co que as súas estéticas, narrativas e preocupacións varían desde aquelas máis poéticas a outras de carácter máis crítico. Poderíamos dicir que o seu traballo se sustenta enteramente na proba e na experimentación, como si traballase sobre un diario inabarcable que, por suposto, nunca terá fin. Ademáis deste, ten outros dous libros publicados ata agora: 365 maneras de estar en el mundo, onde mistura texto e debuxo, a modo de viñetas; e o artefacto poético sacado de párrafos de xornais, firmado polo seu alter ego, Eduardo Torres, de título El hombre que rayaba periódicos.