Noticias de Hoy
Fecha: 22/12/2017
Horario: 16:30 a 16:30

Parque de atraccións Silleda Park

A Feira Internacional de Galicia ABANCA acollerá de novo durante este Nadal o parque de atraccións Silleda Park, aumentando un día máis a súa duración e volvendo a ofrecer numerosas propostas para nenos e xóvenes.

Así, nesta terceira edición serán doce as xornadas nas que as portas do recinto estarán abertas para desfrutar do parque, correspondéndose cos días 22, 23, 28, 29 e 30 de decembro e do 1 a 7 de xaneiro.

O Silleda Park contará de novo cunha formulación que xa tivo gran acollida nas dúas citas anteriores e que combinará atraccións, zonas lúdicas e deportivas e actividades. En canto ás primeiras, que aumentan respecto á pasada edición e inclúen algunhas novidades, os asistentes poderán desfrutar de saltamontes, pista de coches, dragón, olla, tirachinas, barco de aventuras, inchables, camas elásticas, excalestric, carrusel e pista americana.

A elas sumaranse varias áreas lúdicas, como unha de videoxogos e outra de xogos para os máis pequenos, e tamén máquinas recreativas, un xadrez xigante, unha exposición de figuras de ciencia ficción ou unha zona deportiva que inclúe pistas de fútbol, baloncesto e tenis, ademais de minigolf, ping pong e billar. Por outra banda, este ano engadirase unha galería de tiro con pistolas de paintball e un karting infantil interior.

Así mesmo, realizaranse diversas actividades, entre elas unha actuación de El Show de los Payasos e tamén talleres de maquillaxe, globoflexia e, como novidade, de espadas láser. Por primeira vez contará todos os días coa presenza de distintos personaxes de debuxos animados.

A toda esta oferta, que se irá actualizando na web www.feiragalicia.com/silledapark, engádese a comodidade de celebrarse nun pavillón con gran amplitude, climatización e servizo de restauración.

O prezo da entrada será de 5€ (tanto para nenos como para adultos), podendo acceder a todas as atraccións as veces que se queira. O horario estenderase en todas as xornadas das 16.30h ás 21.30h.

 

Local/Lugar: Feira Internacional de Galicia ABANCA