Festival Revenidas 2018 de Vilaxoán de Arousa

Fecha 17-08-2018 a 19-08-2018
Lugar
0 Flares Facebook 0 Twitter 0 Google+ 0 Pin It Share 0 LinkedIn 0 0 Flares ×

Festival Revenidas 2018 de Vilaxoán de Arousa.

Vilaxoan, 23 de xullo do 2018. – O festival Revenidas que celebrará a súa 15º edición do 17 ao 19 de agosto, anuncia o seu cartel por días e pon á venda as entradas para asistir a unha soa xornada do festival.

Se o venres 17 de agosto, o público poderá gozar das actuacións de Soziedad Alkoholika, Ayax y Prok, The Real Mckenzies, Ezetaerre, Joan Garriga e Galactic Mariatxis, Balkan Bomba, Keltoi! e María Turme DJ; o sábado 18 chegarán ata Vilaxoán Tremenda Jauría, Steven ‘n’ Seagulls, Cuarta Xusta, NH3, Glaukoma, Isaac Peces DJ e unha “banda sorpresa” que a organización anunciará nos próximos días. Ademais, o sábado tamén haberá actividades de balde programadas fóra do recinto dos concertos: concertos a bordo, sardiñada popular, pasarrúas con Os Terribles de Arousa, Coro Encaixe e Galifunk Brass Band, Gran Gala de Circo…

Esta edición do Festival das Linguas rematará o domingo 19 ao ritmo de Russkaja, Dakidarría, Banda Xangai, Zoo, Xavi Sarrià i el Cor de la Fera, High Paw & Elephand Yard, El Diluvi, Auxili e The Dawlins.

EL DROGAS. Enrique estivo durante case 30 anos en Barricada como cantante e baixista, tarefa que compaxinou con Txarrena e La venganza de la abuela. Conta no seu currículo case 20 discos de estudo, 7 de directo e outros tantos recompilatorios, máis de 2000 actuacións e máis dun centenar de colaboracións con outros artistas. Todo sen perder a esencia da rúa, un rock urbano con ramalazos punk e moi poucas florituras.

RUSSKAJA é unha das bandas máis divertidas do panorama musical actual. Os seus temas teñen unha poderosa forza que non entende de países, linguas ou culturas, e a súa música defínese como High Speed Polka Ska Groove con virtuosas e sucias guitarras. Máis aló de calquera definición do seu estilo, Russkaja leva a Turbopolka, a súa mentalidade aberta e libertaria e a súa mezcolanza de estilos arredor de todo mundo.

HIGH PAW é unha novísima e prometedora viguesa que comezou a súa andaina musical aos 15 anos como letrista e vocalista de distintas bandas. Na actualidade, e tras a súa inmersión definitiva na música xamaicana, é coñecida por colaborar co veterano Nahno Selektah e polas súas actuacións en festivais coma o Dancehall Xplosion Moaña, Sound System Nights ou Ska All Night.

JOAN GARRIGA é un músico catalàn que toca o acordeón diatónico e canta rumba, cumbia e fusión. Ao longo da súa carreira ten colaborado con outros músicos como Manu Chao, Amparanoia, Peret ou Muchachito Bombo Inferno e participado en varios proxectos como Radio Bemba, Xerramequ Tiquis Miquis, Atomik Pardalets ou Ensalada rusa So Insistent.

KELTOI! (Celtas) é grupo galego de street punk/Oi! formado en Vigo en 1995. Seguidores de bandas como Cockney Rejects, Stiff Little Fingers, ou The Clash, Keltoi! nunca agocharon o seu orgullo de pertencer á clase traballadora galega nin o seu compromiso antifascista. Partindo da autoxestión e coa diversión e o compromiso por bandeira fan seu en cada concerto o vello lema dos Skacha… “Sempre ceibes”!

AYAX Y PROK son o grupo do momento, abanderados do hip hop máis contundente, sobre ritmos cun exquisito sabor clásico. A súa lingua viperina, sen pelo algún e a súa desenvoltura colocáronos na cima do hip hop granadino, que xa empeza a ter repercusión a nivel estatal. O seu rap é xenuíno, provocador, auténtico, transgresor e logra transmitir o perigo real co que convive a xente dos suburbios, os que de verdade veñen desde abaixo, xurdidos das cloacas pero non están dispostos a tragar as súas frustracións.

AUXILI é unha banda composta por nove músicos valencianos de formación musical diversa e cun marcado estilo reggae. O seu directo ofrece doses de loita, festa, alegría e desmadre e a súa conexión co público e posta en escena convertéronse nas mellores ferramentas para consolidar o proxecto entre a crítica e entre os seus seguidores. Chegarán ao Revenidas para presentarnos o seu último traballo, máis personal íntimo, positivo, versátil e con cancións nas que atopamos letras baseadas en diferentes momentos, estados de ánimo e o día a día.

ZOO é unha banda de Gandía que ten no seu directo o seu punto forte, ofrecéndolle sempre ao público unha descarga de enerxía non-stop. Música electrónica que mestura rap con sons de trombóns e guitarras rockeiras, toques mediterráneos e ritmos festivos. Todo acompañado dunhas letras reivindicativas que seguen rompendo barreiras lingüísticas ao ter éxito en calquera recuncho do estado español cantando en valencià, e das líricas e a voz persoal de Panxo, o seu cantante.

STEVE ‘N’ SEAGULLS son unha banda finlandesa á que lle gusta facer versións en bluegrass de bandas de metal e hard rock de ampla traxectoria, pero disfrazados de granxeiros. O grupo deuse a coñecer no verán de 2014 coa publicación dos seus vídeos en Youtube, sendo especialmente popular a versión da banda de “Thunderstruck” por AC/DC que recibiu máis de 44 millóns de reproducións en Youtube. Dende entón, xa levan dous discos ás súas costas, centos de concertos por Europa e unhas peculiares e potentísimas versións de cancións Metallica, Nightwish o Megadeth.

A BANDA XANGAI é moito máis que un grupo: colle prestado o alcume do tren que durante décadas uniu Galicia e Catalunya. Ese intercambio humano, social, cultural e artístico entre o Atlántico e o Mediterráneo é o fío condutor dunha iniciativa única da que xa agromaron festivais poéticos ou formacións musicais e que viviu un dos seus puntos culminantes na celebración do 40º aniversario do Ateneu Nou Barris de Barcelona, o centro social máis antigo do Estado e que sempre contou cunha forte presenza da emigración galega. Xúntanse nomes importantes da música galega, de bandas xermolo do movemento Bravú e posteriores como Os Diplomáticos de Montealto (Xurxo Souto e Pulpiño Viascón), Os Papaqueixos (Xan Xove e Antón Díaz), Gharbanzo Neghro (Nacho), Dios Ke Te Crew (García), As Garotas de Ribeira (Sofía), A Magnifique Bande dos Home Sen Medo (Martiño Mato e Olivier Cano), etc.

THE DAWLINS é un cuarteto de mulleres que cantan maioritariamente no Rastro, e en inglés aínda que tamén o fan en castelán. Coma se de os músicos de Bremense tratase, fóronse atopando unhas a outras e así se conformou a banda. ‘Dawlins’ é a forma que teñen en Nova  Orleans de dicir ‘querida’, algo distinto da ‘darling’ de rigor, por iso adoptaron ese nome para o grupo. Tocan folk e blues e country e que non haxa entre elas ningún membro do sexo oposto non é baladí.  

SOZIEDAD ALKOHOLIKA | Non é fácil clasificar a S.A dentro dun único estilo musical: thrash, hardcore, metal, punk… O único certo é que os seus fundamentos básicos sempre foron a potencia e a velocidade, mostrando nas súas composicións un amplo e variado abano de influencias marcadas polo seu particular estilo. No que respecta aos seus textos, sempre se mantiveron nunha liña acorde coa música. Letras corrosivas e explícitas, repletas de compromiso social e denuncia directa foron unha dos seus principais características. Esta irreverente actitude carrexoulles non poucos problemas coa xustiza, promovidos desde os sectores máis conservadores. Desde os seus inicios, Soziedad Alkoholika, non parou nin un momento de actuar por toda España, América, Europa e Xapón. Son un dos grupos independentes máis recoñecidos e que máis poder de convocatoria ten nos seus directos e na actualidade, seguen mantendo intacta toda a súa esencia orixinal, tanto nas súas gravacións como nos seus irresistibles directos.

THE REAL MCKENZIES | Con case 30 anos de historia, The Real McKenzies é unha banda punk escocesa de influencia celta fundada en Vancouver, Canadá, en 1992. Ademais da escritura e a realización de música orixinal, Real McKenzies resucita cancións tradicionais escocesas, dándolles un novo son punk-influenciado. A banda dá xiras moi a miúdo, incluíndo unha de oito meses, 23 países de xira nunha camioneta. Nalgúns destas viaxes, compartiron escenarios con Rancid, Dragstrip Riot, NOFX, Flogging Molly, Rough Chukar, The Misfits, Metallica, The Rookers, Voodoo Glow Skull e mesmo Shane MacGowan. As súas cancións foron utilizadas nos anuncios de cervexa e en videoxogos como Tony Hawk Underground.

BALKAN BOMBA | Cando estes dez ex –futbolistas, tras anos de periplo polas categorías máis baixas do balompé rexional, deciden colgar as súas botas, os seus días de gloria parecían pasados. Con todo, durante o seu retiro acordan formar un conxunto e cambiar de disciplina, pasándose á música co obxectivo de facer dela o que nunca foi o seu fútbol: espectáculo, diversión e alborozo. Este foi o detonante! Aquí xorde Balkan Bomba! Baixo un estilo predominante que poderiamos catalogar como “balkan- ska-rock”, a banda combina estes ritmos con outros tan suculentos como o tango ou o reggaetón, introducindo sons característicos da música árabe, o gypsy ou brass bands. Son a combinación perfecta de enerxía, baile e tolemia!

EZETAERRE | Son un grupo de rap combativo e en galego formado polo Garchu (A Coruña), o Pirola (Ourense) e o Petrowski (O Porriño). A súa andaina comezou na Facultade de Comunicación Audiovisual da Coruña, onde compartiron estudos, loitas e experiencias no movemento estudantil. A partires de aí sacaron unha maqueta de presentación, o disco “Aspiracións mínimas e urxentes”, os singles “A herdanza do vento” e “Non é verán de Estrella Damm” e o recente EP “100”. Son os gañadores do último Concurso de Bandas Emerxentes do Revenidas.

CUARTA XUSTA | Esta agrupación xorde a comezos do ano 2016 como resultado da paixón pola música das súas integrantes e a composición de temas propios que parten das inquedanzas que afectan á nosa sociedade, sempre na nosa lingua. Ao longo da súa traxectoria, a banda ten compartido escenario con outros grupos do panorama galego como Superoito ou Zënzar. A principios deste ano presentaron o primeiro traballo discográfico, “Un novo espertar”, co que seguen xirando para achegar os seus berros ao maior número posible de persoas.

GLAUKOMA | Glaukoma é o nome do proxecto músical de cinco novos procedentes de distintos pobos de Gipuzkoa (Euskal Herria). Un quinteto formado por mozos de Irún, Donostia e Tolosa (batería, baixo, dúas guitarras e voz). Aínda que nun principio poidamos pensar o contrario, non se trata dun grupo de rock. Tampouco de post-rock, punk ou hardcore. Glaukoma é un grupo de Rap-Reggae, que bebe dos diferentes ritmos de música negra que rodean a estes dous estilos, desde o roots máis doce ao jungle máis duro, pasando pola crueza do rap e as lineas máis melódicas do raggamuffin.

NH3 | Os italianos chegarán ao Revenidas listos para presentar “Hate and hope”, un álbum forte, dinámico cun importante punk e enriquecido con ska, ventos incisivos e repetidos riff.  Este traballo está cheo de sensacións opostas: o odio, que se ve como un fusible para a vontade de actuar, entusiasmo e vinganza, redescubrir á humanidade; e, pola contra, esperar por cousas mellores, crer en valores como a amizade, a identidade, a humanidade, o antirracismo, o antifascismo, a solidariedade. Preparádevos para a súa visita por terras galegas.

XAVI SARRIÀ | Xavi  Sarrià, alma fundadora do mítico grupo valenciano  Obrint Pas, volve á carga en solitario con ‘Amb l’ esperança entre lles dents’ (Propaganda  pel fet! 2017), unha nova colección de cancións coas que o artista mantén intacta a súa capacidade única para combinar emotividade, compromiso e personalidade e que están chamadas, irremediablemente, a converterse en himnos interxeracionais e populares. En directo Xavi  Sarrià capitanea unha potente banda eléctrica que factura á perfección unha combinación única de reggae, ska e música tradicional valenciana con apuntamentos de hardcore e rock.

TREMENDA JAURÍA vén dende o corazón de Madrid con ganas de romper esquemas e cadeiras. Cunha boa batería de  sonoridades tropicais, a banda fai seus ritmos como a cumbia, reggaetón, merengue e moombahtón, un cóctel festivo que se une a un discurso xenuinamente combativo.

EL DILUVI defínese como un grupo de folk moderno que fusiona varios estilos musicais, como cumbia, reggae, rumba, folk e música tradicional valenciana, con instrumentos tradicionais da zona mediterránea coma o violín, a guitarra clásica, a bandurria, o acordeón diatónico, o “guitarró” e percusións de todo tipo, creando así un novo estilo ao que chaman “mestizaxe mediterránea”.

DAKIDARRÍA é unha banda galega formada por oito músicos que fusionan ska, reggae e punk-rock, que apostan pola enerxía e a festa enriba e debaixo do escenario, sen deixar indiferente a ninguén, unha descarga de festa e compromiso. Durante este tempo presentaron o seu proxecto por toda a xeografía peninsular e parte de Europa (ademais dunha xira que os levou a percorrer a República Mexicana) actuando tanto en salas pequenas como en grandes festivais, demostrando que saben adaptarse perfectamente a cada situación. Actualmente o grupo atópase inmerso na presentación do seu novo traballo coa xira “Filosofía incendiaria Tour”.

 

Publicidad

Los comentarios se han cerrado.

0 Flares Facebook 0 Twitter 0 Google+ 0 Pin It Share 0 LinkedIn 0 0 Flares ×