Noticias de Hoy
son no AR CO D
Fecha: 21/07/2017
Horario: 23:30 a 23:30

Ciclo de Música SONS NO AR-CO

Ciclo de Música SONS NO AR-CO 

Museo de pontevedra

Os venres 21 e 28 de xullo, ás 22:30 h, celébrase a X edición do Ciclo de Música SONS NO AR-CO. Actuarán, á beira do arco que comunica os edificios Castro Monteagudo e García Flórez, os grupos Cuarteto Caramuxo e Abmiram Quartet.

VENRES 21 DE XULLO

Cuarteto Caramuxo

É na actualidade un sexteto formado por catro clarinetistas, un acordeonista e unha percusionista que reinterpretan a música tradicional galega desde unha óptica contemporánea.

O repertorio a interpretar nesta ocasión é froito do estudo da tese de doutoramento de Xavier Groba, O legado musical de Casto Sampedro Folgar: o canto galego de tradición oral. Neste traballo o Cuarteto Caramuxo descubre unha gran cantidade de melodías inéditas froito das recollidas realizadas por Casto Sampedro e colaboradores a finais do século XIX e principios do XX que non foran incluídas na selección publicada por Filgueira Valverde no seu Cancioneiro Popular Galego.

Escoitarase entón, unha morea de vellas melodías que permaneceron esquecidas máis dun século durmidas na partitura e que reviven actualizadas para ser gozadas, bailadas, sentidas novamente, utilizando, para iso, percusión xunto a clarinetes e acordeón.

Forman o Cuarteto Caramuxo: Patricia Cela (percusión), Marcos Padrón (acordeón), Felipe Agell (clarinetes requinto e soprano), Xoán Carlos Vázquez (clarinete soprano), Óscar Prieto (clarinetes soprano e baixo), Fernando Abreu (clarinetes soprano, baixo) e José A. Vilas (técnico de son).

VENRES 28 DE XULLO

Abmiram Quartet

É un grupo formado por catro novos percusionistas vigueses, creado expresamente para participar no concurso televisivo Got Talent España. O seu obxectivo é achegar a música clásica ao gran público, facéndoa amena sen deixar de lado a calidade. Para iso empregan un instrumento pouco habitual no repertorio, a marimba, instrumento melódico de percusión. Os intérpretes engaden á execución virtuosística das pezas algúns gags humorísticos, dramatización e, dentro do que a execución instrumental lles permite, baile.

Abmiram Quartet está formado por percusionistas ligados, en maior ou menor medida, a bandas de música e orquestras sinfónicas galegas, así como aos conservatorios profesional e superior de Vigo, onde desenvolveron os seus estudos académicos. Todos eles posúen experiencia no mundo da percusión clásica, colaborando asiduamente con orquestras sinfónicas, tanto nacionais como internacionais.

Músicos: Álvaro Jurado, André Pérez, Rubén Comesaña, Jose Luís Rodríguez.

Presentador: Jimmy Núñez

Sons No AR CO 2017