Noticias de Hoy
El Gracioso
Localidad: Ourense
Fecha: 06/02/2016 a 06/03/2016

Peza de Febreiro en Ourense: El Gracioso

Peza de Febreiro en Ourense: El Gracioso

Na Galicia da segunda metade do século XIX ten lugar unha efervescencia da imprenta da que a provincia de Ourense e a súa capital non van ser unha excepción; entre 1875 e 1923 temos un dos momentos de apoxeo xa que –como sinala Marcos Valcárcel– se dan unha serie de condicións favorables: no político A Restauración é un período de estabilidade e de relativa liberdade de expresión, as cidades crecen e esténdese a educación; no xornalístico melloran as técnicas de impresión, e tamén hai unha profesionalización do traballo de xornalista. Imprentas como a de Paz, a de Lozano, La Popular, etc., e publicacións ourensás como O Tío Marcos da Portela, El Heraldo gallego ou Álbum Literario, entre outras moitas, forman parte importante da historia da prensa galega.

No marco daquel entusiasmo impresor El Gracioso non foi senón unha curiosidade, un paradoxo. Aínda así, estamos ante unha publicación sorprendente por unha serie de particularidades entre as que están o seu contido extravagante, o descoñecer a tirada –que podería ter sido duns poucos exemplares, sen que poidamos cuantificalos exactamente– ou ignorar as datas exactas de publicación.

O exemplar do Museo, datado en 1889 é –a día de hoxe– o único exemplar coñecido que se conserva de El Gracioso. No encabezamento figura D. Juan de la Coba Gómez como Propietario, director e único redactor deste xornal que el define no subtítulo como Xornal moral, literario e recreativo, en prosa e verso; esta rimbombante definición é consecuente coa miscelánea do seu contido xa que comeza cun poema que canta á relixión católica, continúa con cinco pequenas notas xornalísticas –Camiñeiro, Fumadores de pouca idade, Os criminais, Ladrillos de cortiza, Botellas de papel–, seguidos de tres noticias locais –unha delas versa sobre si mesmo–, e remata con dúas das súas creacións literarias: O Trampitán, e o drama en verso titulado Unha permuta fatal.

Ademais, como sucede en boa parte dos libros que publicou, Juan de la Coba non desaproveita a oportunidade para facer loanza dos seus enormes méritos como escritor e, na portada, cita as súas 40 obras aprobadas mediante real orde.

O xornal ou revista consta de dúas follas, catro páxinas, en cuxa sucesión non parece haber orde nin lóxica. Resulta peculiar que as noticias curtas –locais e internacionais– finalicen con breves sentenzas moralizantes. No artigo titulado Os criminais –como exemplo– no que fala da conveniencia de non cometer crimes e delitos, acaba sinalando: Non cometer o crime. Non as facer non as temer. O ben é do que vive ben.

Este exemplar que nos ocupa corresponde ao número 22, Ano VII, 5 de maio de 1889, o cal, de ser certo o dato de Ano VII –achegado por Juan de la Coba–, podería levarnos a supoñer que empezou a imprimirse en 1882; non obstante, tratándose dun personaxe tan singular e complexo, resulta aventurado dar por certos os sete anos de edición xa que Juan Neira Cancela, nun artigo de Galicia Humorística (1888), titulado Xan da Cova (Tipos de Ourense), ademais de sinalar que se publicaba os días de feira, indica o seguinte: O seu primeiro número saíu das caixas un 31 de decembro e ao día seguinte antollóuselle vender outro e non se esqueceu D. Juan de imprimilo na forma seguinte: número 2- ano 2º, de maneira que en corenta e oito horas percorrera dous anos. En calquera caso, se Neira Cancela fala deste xornal en 1888 –con anterioridade á data do número custodiado no MUSARQ– queda claro que había exemplares anteriores e que eran coñecidos.

Con respecto á impresión de El Gracioso circulan tamén historietas ou lendas que contan que el mesmo imprimía o xornal polas noites no seu domicilio –elaborándoo cunha imprentiña caseira– e, pola mañá, cando saía a tomar un café na súa cidade, introducía o diario por debaixo da porta da súa casa para lelo ao regreso; non obstante, constatamos que ao pé dunha das páxinas deste número se cita á Imprenta La Popular –situada na rúa Progreso e na que se imprimiron publicacións tan destacadas como o Álbum Literario– , iso supón que polo menos nesta ocasión a anécdota habería que matizala e sería falsa, agora ben, obviamente existe a posibilidade de que non acudise a imprentas públicas para todos os números que poderían ter saído da súa inqueda imaxinación e algún ou moitos deles fosen de elaboración caseira.

En relación coa divulgación deste diario, en 1897 Taxes –Xesta– fai un debuxo de Juan de la Coba, para Galicia Moderna –unha das poucas imaxes que deste personaxe se conservan–, no que coloca de fondo un par de pancartas nas que figuran os títulos das obras escritas por este e ao lado delas esboza un exemplar de El Gracioso, polo que deducimos que era relativamente popular na súa época e que non quedaría reducido ao ámbito doméstico.
Como acabamos de ver, é case segura a existencia doutros exemplares, aínda que non temos referencias exactas deles, e ao respecto, sabemos que investigadores da prensa como Marcos Valcárcel e Santos Gayoso non chegaron a ver ningún para os seus manuais. Nos seus estudos achegan información similar e datan a súa edición en 1888, ano ao que non pertence o exemplar do museo pero que si entraría no período de edición –con reservas, como xa apuntamos– sinalado por Juan de la Coba.

Non debemos finalizar este artigo sen recordar que Juan María de la Coba Gómez (Ourense 30/3/1813 - 9/11/1899) é unha das máis controvertidas figuras do Ourense do século XIX, situado frecuentemente entre o desequilibrio, a infelicidade e o esperpento, o que motivou que fora vítima da afiada pluma dun elevado número de escritores e periodistas. No século XIX escribiron sobre el Lamas Carvajal, Enrique Labarta ou Neira Cancela; coñecerono persoalmente –sendo cativos– Otero Pedrayo ou Vicente Risco e xa nos nosos días foi obxecto de interés de Filgueira Valverde ou Alonso Montero entre outros moitos. Todos os que escribiron sobre Juan de la Coba, uns para criticalo sen piedade ou alomenos con retranca –sobre todo os seus contemporáneos– e outros para recuperar a súa lenda con agarimo ou interés científico –os escritores e investigadores máis recentes–, ademais dos xa citados, Manuel María, Carlos Casares e Goretti Sanmartín subliñan dous aspectos, a súa bonhomía e o variado das súas dedicacións.

Ademais da súa profesión de perito agrimensor, na que parece ser era competente e honesto, ocupóuse de moitas outras tarefas. Escribíu numerosas obras literarias, de relativa ou escasa calidade, que abarcan unha tipoloxía que vai do drama á comedia pero tamén obras musicais como óperas, sainetes ou zarzuelas; unha extensa produción que dá fe do seu interese pola creación literaria, actividade da que el estaba máis orgulloso, pero que recibíu feroces críticas e continuas burlas; outro tanto ocorría coas súas esculturas, aínda que unha delas, un San Bieito Abade aínda está hoxe ó culto na igrexa de Santa Eufemia. Probablemente o máis memorable da súa traxectoria vital sexa a invención do Trampitán, unha lingua literaria persoal, un idioma propio no que chegou a escribir unha ópera titulada La Trampitana. Ademais do anterior, a prensa da época dá conta xocosamente dos seus inventos como o Pirandárgallo, paraugas para instalar no Polo Norte e protexernos da choiva ou o globo aerostático suspendido para ver pasar a terra na súa rotación e así «ver mundo».

En calquera caso, Juan de la Coba, conseguíu o seu propósito, pois as innumerables anécdotas que salpican a biografía deste solitario home que vivía nunha casa da Horta do Concello (Alameda) e foi quen de crear un idioma e un periódico propios, foron amplamente divulgadas e convertérono en protagonista inevitable da vida ourensá do seu século.