Noticias de Hoy
magosto 2017 D
Localidad: Ourense
Fecha: 11/11/2017

Magosto 2017 de Ourense

O Concello prepara unha tonelada de castañas para o Magosto popular na Alameda, o venres desde as 17 horas.

Programación Magostos 2017 de Ourense
17.00 Comeza a arder a fogueira
17.30 Venda de tickets (1 €)
17.30 Comezo de obradoiros infantís
17.00 Animación musical dos Daniñas no Parque Barbaña e polas rúas da cidade
18.00 Comezo do reparto de comida
18.30 Animación musical co grupo AOFT Gomes Mouro

Mil quilos de castañas, 2.000 racións de pan con chourizo -tamén para celíacos-, 1.000 botellas de auga, viño novo e música. Son os ingredientes do Magosto popular que organiza o Concello de Ourense para este venres no Parque Barbaña desde as 17:00 horas. “Unha das celebracións, xunto ao Entroido, que máis nos singularizan como pobo, e que nos chama a reunirnos con amigos e familiares para degustar os produtos típicos de tempada”, resumía o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, “pero por enriba de todo, para desfrutar da amizade, da convivencia, do pracer de pasar o noso tempo libre coas persoas ás que máis queremos”, dixo.

O Magosto, que foi presentado esta mañá no salón de plenos do Concello de Ourense, quere combinar o lecer de todas as idades, en palabras da concelleira de Cultura, Belén Iglesias. O programa comezará ás 17:00 horas co acendido da fogueira, e ás 17:30 horas comezaranse a vender as entradas ao prezo de 1 €. Os máis pequenos terán o seu espazo cos obradoiros infantís, que comezarán a esa mesma hora.

A música correrá da man das Daniñas de A Ponte, que irán animando o público desde as rúas do casco vello e do centro da cidade até a hora do reparto da comida, ás 18:00 horas. Xa en pleno Parque Barbaña, o grupo AOFT Gomes Mouro amenizará a sesión con música tradicional desde o templete.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, animou os veciños a participar dos Magostos dunha forma responsable, tal e como anunciou no bando. Así, lembrou a necesidade de comunicar a celebración dos Magostos nas Concellerías de Medio Ambiente e de Participación Cidadá “para que o Concello teña coñecemento no caso de emerxencias”, así como apuntar os teléfonos de Bombeiros (080), Policía Local (092) e Emerxencias (112).

Do mesmo xeito, as fogueiras e grellas situaranse suficientemente lonxe de árbores, vehículos e mobiliario urbano para evitar danos. Nunca baixo tendidos eléctricos ou telefónicos nin preto de zonas ou materiais inflamables.

Tamén serán de aplicación as ordenanzas municipais, normativas de ruído, etc. e nomeadamente a Lei de prevención de consumo de bebidas alcohólicas en menores. A Policía Local será a encargada de velar polo cumprimento destas normas ao mesmo tempo que se solicita a máxima colaboración cidadá.

magosto_ou