Noticias de Hoy
Localidad: Ourense
Fecha: 31/01/2019 a 10/03/2019

Exposición en Ourense: Metauniversos cotiáns

Metauniversos cotiáns, o proxecto expositivo de fotografía de Loly Villoch contra os micromachismos, no Museo Municipal de Ourense.

  • É un conxunto de 44 fotografías impresas en formato cartón-pluma a maiores dunha instalación en vitrina representando unha das escenas da fotografía e unha proxección da artista.
  • Organizada da man da Fundación Cum Laude, a exposición estará en Ourense até o 10 de marzo.

A fotógrafa coruñesa Loly Villoch presenta, no Museo Municipal, o seu proxecto expositivo de fotografía Metauniversos cotiáns, unha colección de 44 fotografías impresas en formato cartón-pluma a maiores dunha instalación en vitrina representando unha das escenas da fotografía e unha proxección da artista. Permanecerá na sala 1 do espazo expositivo da rúa Lepanto até o 10 de marzo, e está organizada coa colaboración da Fundación Cum Laude.

O proxecto mergúllase nos metauniversos da muller, e vén acompañada por unha serie de paneis que queren darlle visibilidade ás desigualdades existentes en materia de igualdade na actualidade, desde o espazo íntimo até o público e mesmo institucional. “Situacións e contextos que se repiten sen importar o lugar no que nos atopamos”, afirma a artista. Así, en cada imaxe preséntanos o fogar, o cotiá, co mundo onírico que se crea na cabeza da protagonista desta historia, un xogo entre os espazos macro e os micro: fotografías que transcenden do singular e nos elevan ao universal.

Especializada en fotografía creativa e de viaxes (mesmo de carácter submarino), Loly Villoch comezou a captar imaxes á idade de 9 anos. A súa formación completouse a caró de fotógrafos como Gabi Tizón, Sofía Moro, Estela de Castro ou Alberto García-Álix.

Os seus metauniversos, convertidos tamén en fotolibro, viaxaron por outros espazos coma o Aire Centro de Arte de Santiago de Compostela, e diferentes librarías de Galicia, entre elas a libraría Eixo de Ourense. Así mesmo, participou en numerosas exposicións e publicacións colectivas sobre fotografía en Santiago de Compostela.

O Museo Municipal está aberto de martes a domingo no seguinte horario: de martes a sábados, de 11:00 a 13:30 e de 18:30 a 21:30 horas, e os domingos domingos de 11:00 a 13:30 horas.