Noticias de Hoy
VENRES NAS LIBRARIAS 2015
Localidad: Lugo (Concello)
Fecha: 02/10/2015 a 04/12/2015
Horario: 01:00

Venres nas Librarías 2015 en Lugo

Programa dos VENRES NAS LIBRARÍAS 2015 en Lugo.

A iniciativa 'Venres nas Librerías', programará encontros entre lectores e autores para mellorar os índices de lectura e fomentar o libro durante os meses de outubro, novembro e decembro.

Venres 2 de outubro ás 19:30 horas
Xeixos de Suso Lista, editado por edicións Embora.

Moi duro debe resultar o inverno en Corme para que o seu crpnista principal sexa un percebeiro que un bo día, vendo a resignación da xente na terra, decidiu ollar para este lado e contarnos o que acontecía.
A normalidade nunca parece cousa desta parte do mundo, adestrada no vicio da réplica...Só no fondo do mar nunca chove. Nin hai vento”.
Nestes trinta relatos ou pequenas crónicas dun Corme que desvela o mundo enteiro, a sensatez non é un valor que nos compense dos absurdos punzantes da vida... Polo contrario, é un fundamento a partir do cal apunta, atolados, os soños que todo confunden, que todo clarifican...
Quen tras ter lido estas belas crónicas, lle poderá negar a Suso Lista un lugar cimeiro nas nosas letras?

Venres 16 de outubro ás 17:30 horas
Alegría! de Sergio Tannus, editorial Galaxia.

Unha historia engaiolante. Unha música que conseguirá un sorriso de felicidade para todas e todos.
"Erase unha vez unha pequena eiruga chamada Alegra. Si, ese era o seu nome, ALEGRA; e, por iso, como dun peixe pallaso todos esperan que sexa divertido, dela tamén había de esperarse que fose moi alegre..."

Venres 16 de outubro ás 19:30
Lola Touza, La Schindler Gallega de Vicente Piñeiro (Toxosoutos)

En esta novela Vicente Piñeiro pone su escritura y las pasiones de papel para relatar la historia de Lola Touza, Justa Entre las Naciones y considerada la Schindler Gallega, que regentaba el quiosco de la estación de Ribadavia (Ourense), y entre 1941 y 1945 decidió ayudar a huir a más de 500 judíos de una muerte segura en manos de los nazis colaborando con una de las redes clandestinas de fuga de judíos más importante de Europa que empezaba en los Pirineos por Gerona,hacía escala en Medina del Campo y llegaba hasta ribadavia, tramo decisivo desde el que las hermanas Touza arriesgaban sus vidas para atenderlos y facilitarles el paso a Portugal. Les ayudaron dos taxistas llamados José Rocha, y Javier Mínguez "el Calavera", un barquero de nombre Ramón Estévez y un emigrante retornado, Ricardo Pérez, "el Evangelista", que hacía de intérprete.
E una colina de Jerusalén hay un árbol plantado por el Centro Simón Peres por la Paz en honor de Lola Touza y sus hermanas (As de Ribadavia).

Venres 23 de outubro ás 19:30 horas
APOTEOSE DAS PERCHAS de Xesús Constenla (edicións Embora)

Tommaso Bonnano é un xove mendigo que gaña o pan nun barrio napolitano ate que, no que semella un momento de arroutada, intenta matar a paus a un home. Pero nada neste mundo é sinxelo e o protagonista é un firme defensor da idea de que cada un ten que facer na vida o que lle toca ou, segundo el o expresa, “cada quen ten que viaxar no lugar que lle corresponde” cousa esta que aprendeu a bordo do maxestoso Spirit of the Seas, o barco no que traballou antes de adicarse a mendicidade. Catro asasinatos sen resolver completan a trama deste divertimento napolitano.

Xesús Constela (Ferrol 1963) é licenciado en filoloxía inglesa pola Universidade de Salamanca e ten publicadas varias obras. En 2003 gañou o Premio Torrente Ballester con As humanas proporcións, obra que fora galardoada en 2005 co premio da Crítica Española. En 2007 publicou Libro das alquimias, un libro concibido como un agasallo para os seus fillos, e en 2008 acadou o Premio Manuel García Barros coa novela Shakespeare destilado, traducida ao castelán no ano 2013. En 2008, baixo o título de Como se fixo o primeiro alfabeto, Edicións Embora editou a tradución e adaptación de dous contos de Rudyard Kipling, e no ano 2012 publicou a novela 15.724. Ten publicados numerosos artigos en xornais e revistas.

Sábado 24 de outubro ás 12:30 horas
UNHA VIAXE POLO MUNDO de As Maimiñas (editorial Galaxia)

Para viaxar podes coller barcos, avións ou incluso camelo.
Ou se cadra, abonda con acompañar ás MAIMIÑAS nesta volta e reviravolta musical arredor do mundo. Sabes cantar? Sabes bailar?. Daquela, estás listo para viaxar.

As Maimiñas
As Maimiñas son Lucía Lago Fernández e Irene Álvarez Lago, ou o que é o mesmo, Mai e Miña.
Son dúas mosenses que un día, para celebrar a Semana da Familia nos coles dos seus fillos, decidiron actuar para eles. Foi entón cando decidiron facer o que querían que visen os seus nenos: un espectáculo de música e contos nos que eles puideran participar activamente.
Así, no mes de abril de 2011 naceron As Maimiñas.
Dende entón, e case sen decatarse, algo que comezou como un xogo, converteuse en parte da súa vida profesional. As súas aventuras téñenas levado ata o de agora por auditorios, asociacións e moitos coles de toda Galicia.
‘Unha Viaxe polo mundo’ é o seu primeiro traballo publicado e con el ven cumprido un dos seus soños.

Venres 30 de outubro ás 20:00 horas
A MÚSICA DOS SERES VIVOS de María Reimóndez (edicións Xerais).

O acto contará coa presenza María Reimóndez, Fran Alonso e a participación musical de Mercedes Peón.

A música dos seres vivos é unha historia de fragmentos que doen ata comprender que hai cousas que fican para sempre rotas. Mais precisamente das súas fendas nace a forza coa que enfrontar o mundo.

Todo o mundo semella coñecer a MK, a cantante de moda cunha carreira xa prolongada no tempo, a voz prodixiosa, e a súa excéntrica moza, Gaia. Mais, quen é MK? Que acontece antes de saír ao escenario? Que é o que fica cando as luces esmorecen? Cando remata a última xira? No intre en que pechan os micros das roldas de prensa? Se cadra o silencio é preciso para o reencontro cunha mesma. Se cadra nin a propia música ten sentido sen os espazos dos que non escapa ningún son. É neses hiatos onde MK remexe na súa cerna fanada e recuperada, na ruptura da infancia no Támil Nadu rural, impulsada polos movementos migratorios impostos a unha metrópole que a esnaquizou e a refixo de novo. Entre os sons escachados das ondas rotas, MK compón e conduce os seus pasos cara ao lugar onde o grallar do corvo se transforma na música dos seres vivos.

Despois de: En vías de extinción, A música dos seres vivos abre o «Ciclo dos elementos», ao que tamén pertence a novela gañadora do Premio Xerais 2014, Dende o conflito, un universo de novelas no que as personaxes aparecidas nas marxes dun relato atopan a centralidade noutro. Neste caso é MK, personaxe secundaria de En vías de extinción, quen deixa soar a súa historia en cada corte do álbum que marca a súa vida. Este ciclo, pensado como un complexo todo que seguirá avanzando en futuras novelas, permitirá acceder a visións cruzadas e compartidas de feitos e persoas que se entretecen. A música dos seres vivos é unha historia de fragmentos que doen ata comprender que hai cousas que fican para sempre rotas, que non poden nin deben repararse ao seu estado anterior. Mais precisamente das súas fendas nace a forza coa que enfrontar o mundo.

Venres 13 de novembro ás 19:30 horas
O SOÑO DE SAN XOAN de Farruco Graña (edicións Embora).

A novela O soño de Xoán, escrita por Farruco GRAÑA, trata sobre as peripecias dun mozo ribadense, Xoán Lourido, no Ribadeo do século XVII. Afeccionado á astronomía, Xoán Lourido consegue ter acceso a unha copia do Somnium de Kepler e, a partir dela, el mesmo escrebe unha viaxe sideral na que recrea unha viaxe á lúa emprendida desde o mesmísimo Monte de Santa Cruz. O interese de Xoán Lourido pola astronomía non pasa desapercibido e acabará traéndolle problemas co Santo Oficio. Un inquisidor con orixes na zona andaba á procura dun exemplar do Libro de San Ciprián e considerou, polas informacións que lle chegaban da mariña luguesa, que podía ser unha boa oportunidade para aumentar o seu prestixio ante outros compañeiros inquisidores. Como fora, Don Diego de Castrillón de Varona y Sante habería de condenar a alguén por bruxaría e lecturas contrarias á fe.

A novela é o froito dun vello soño do autor, a saber: recrear a figura do astrónomo e matemático alemán Johannes Kepler, nomeadamente o seu Somnium. No proceso de documentación para ambientar a trama foise atopando á vez con outros personaxes propios da paisaxe urbana ribadense do século XVII. Precisamente da consulta das actas das reunións de concello aberto ante a Capela da Atalaia e tamén de documentación referida a procesos levados a cabo polo Tribunal da Inquisición en Galicia, foi como xurdiron boa parte dos mesmos. Por suposto, algúns, como é o caso do protagonista principal, son recreación exclusiva do autor para dar saída ao propósito de achegar ás lectoras e lectores o espírito da revolución científica que se estaba a producir na época.

Venres 20 de novembro ás 19:30 horas
O COITELO DE PEDRA FUNDIDA de Francisco Antonio Vidal (editorial Toxosoutos).

A terra abriuse como peito descarnado para acoller a aquel que, o día antes, decidira pasar toda a noite de vixía previndo á súa xente da descoñecida fera, monstro ou pantasma que tiña ameazada á aldea, dun ser contra quen non puido o rastrexo exhaustivo de todos os homes da veciñanza, nin as preparias e sacrificios outorfados ós deuses no altar da Peniña Branca. Ábrese a terra para acoller no seu sero ó ousado rapaz, ó valente guerreiro, ó astuto cazador que decidira velar, agochado no xuncal da lagoa, para desenmascarar ó montro ladrón que nunca deixaba máis rastro cá falta de carne, de froitos e aparellos que logo metía pola porta esmoleira da cabana dos sacerdotes.
¿Era aquela unha oblata do ladrón ou unha acusación contra a falta de fe dos paisanos da que os intercesores da divindade tanto se queixan?.
¿Quén era?. ¿Cal era a caste dese montro?

Sábado 21 de novembro ás 12:30 horas
UN CONTO AO REVÉS de Chuches Amil (editorial Galaxia)

Nas cancións deste libro-disco vive unha historia protagonizada por dous nenos soñadores que soñan historias que son soños.
No conto que o acompaña viven cancións para facernos rir e cantar. Preparado para vivir unha aventura singular?
Pois entre. A ler. A escoitar. A soñar.

Chuches Amil
CHUCHES AMIL nace da man de Fran Amil, músico, compositor e productor coruñés que dende os anos 90 pasou por algún dos grupos chave do movemento Bravú (Os Papaqueixos, Ruxe-Ruxe ou Diplomáticos de Monte Alto) e que actualmente forma parte dos grupos Tres Trebóns e Ulträqäns. Para a gravación de ‘Un conto ao revés’contou coa colaboración de Tito Calviño, Ricardo Casás, Antón Díaz, Manu Seoane, Pablo Añón, Aarón Bouzón, Cristina Asenjo, Sara Vázquez Álex Fente (foto do autor de PixelinPhoto).

Venres 27 de novembro ás 19:30 horas
NON HAI LUZ SEN ESCURIDADE de Andrea Barreira (Urco editora).

Non hai luz sen escuridade é a primeira novela da brañega Andrea Barreira e cóntanos a historia de Lea, a Princesa da Escuridade, que leva desde que era unha nena a se debater entre o que os seus pais agardan dela e o medo que lle dá aquilo en que pode converterse. Cando chega o momento de facer a viaxe que a levará a atopar o dragón que lle pertence, Lea sae por primeira vez da escuridade dos seus dominios e agarda poder atopar a luz que vira unha vez sendo unha meniña. Ao longo da viaxe atopará moitas persoas novas e fará amizades, entre elas, Sarxa, a princesa das fadas, un ser totalmente antagónico a ela, ao tempo que adquirirá coñecementos, tanto de maxia negra como de maxia branca, e descubrirá cousas sobre si mesma.

Andrea Barreira Freije naceu en A Fonsagrada o 10 de xaneiro de 1986, o que lle deu sona de ser quen de resistir calquera tipo de frío.
Licenciouse en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela e as súas ganas de cambiar algunha que outra cousa fixeron que se especializase en comunicación medioambiental, social e internacional. Na actualidade, o seu traballo no xornalismo concéntrase nas súas colaboracións no programa radiofónico «O Sombreiro de Merlín», onde leva a sección Triqui-Traque, un espazo de literatura infanto-xuvenil.
A súa adicción aos libros levouna a escribir dende ben nena até que a empurraron a compartir as súas historias. Participou nas antoloxías colectivas Lendas de Gallaecia e Segunda Era de Contos Estraños Editora, Tebras na Alma,Contos de Verán (Redelibros) e na escolma solidaria infantil Ilusionaria IV.

Venres 4 de decembro ás 19:30 horas
A HORTA SEN QUÍMICOS de Xan Pouliquen (Baía edicións).

Este é un documento de consulta, desde un enfoque adaptado ás características do clima e do solo galegos, para todas aquelas persoas que desexen cultivar a súa horta sen utilizar ningún tipo de produto químico, nin "mineral", nin "sulfatos", nada. Para eses que acaban de entrar na súa nova casa e reservan no xardín un anaco para horta; para aquelas que queren comer tomates sen teren que sulfatalos; para estes que acaban de conseguir unha parcela no horto comunitario do concello.

Tamén os que se dedican a isto da horta ecolóxica para venderen o froito do seu traballo atoparán aquí información útil, pero deben saber, con todo, que moitas ideas e prácticas descritas non son aplicábeis á produción comercial.

A horta é para pasalo ben, facer exercicio e compartir cos veciños, as netas ou a parella. Este libro é pequeno, non pretendemos facer aquí unha enciclopedia. Por iso, a idea foi procurar dar información práctica e directamente aplicábel, cunha redacción apropiada para un público máis ben novato.

[gallery columns="4" ids="13769,13768,13767,13766,13762,13763,13765,13761,13760,13759,13758,13757" orderby="rand"]

venres nas librarias