Noticias de Hoy
samain 2019
Localidad: Lugo (Concello)
Fecha: 28/10/2019 a 01/11/2019

Samaín 2019 de Lugo

Samaín 2019 de Lugo.

Conta a lenda que a noite do 31 de outubro despídese o verán, dando paso ao inverno... unha porta que as ánimas dos defuntos aproveitaban para regresar ao mundo dos vivos e visitar ás súas familias. Tratando de contelos, os celtas alumeaban as rúas con candeas fabricadas a base de froita e verdura. Ferramentas rudimentarias que remataron por converterse nun icono simbólico desta máxica noite por todas e todos coñecido: a cabaza do Samaín.

E cabazas, espectros e moitas outras sorpresas vagarán o próximo día un sobre o adarve da Muralla durante o Desfile de Ánimas organizado polo Concello. Este será o acto de peche dunha semana intensa de actividades, programadas dende a área de Xuventude, para dinamizar a data máis sinalada do outono.

“Como para toda boa festa, o primeiro que cómpre facer é ataviarse. Por iso os días 28 e 29 deste mes celebraremos dous obradoiros, o primeiro de caracterización e o segundo de maquillaxe de efectos especiais, ámbolos dous gratuítos. Porque, ademais de pasalo ben durante a celebración, igual de importante é desfrutar xa dos preparativos”, salientou Ana Abelleira.

A edil explicaba esta mañá que os talleres, dirixidos á mocidade de entre 14 e 35 anos, terán lugar de 17:00 a 21:00 horas, na Casa da Xuventude onde tamén é preciso inscribirse ate o próximo 26 de outubro.

“Xa a propia noite de defuntos o que propoñemos é un rastrexo nocturno do terror, que nesta segunda edición desenvolverase baixo o nome da “Maldición das Airas do Miño”. Nesta proba de orientación, na que só se pode contar coa axuda dun mapa e un compás, poderanse anotar maiores de idade e maiores de 16 anos se van acompañados. Organizarase en grupos de 4 a 6 persoas até completar as 60 prazas dispoñibles”, indicou a concelleira.

A xincana comezará ás 21:30 horas e rematará ás 00:00 horas cunha chocolatada e os vencedores recibirán como premio unha xornada de esquí para o primeiro e material deportivo para os que queden en segundo e terceiro lugar.

Para participar é imprescindible recoller a tarde anterior os dorsais, dende as 16:00 horas, na casa da Xuventude.

“Pero, sen dúbida, o groso da programación terán lugar o día un de novembro, dende as 17:30 horas, cunha xornada de portas abertas na Praza da Soidade onde festexaremos o Samaín facendo baleirado e tallado de cabazas, con recortables e coloreables, pintado de caras con pictos galaicos, xogos e concursos de cabazas e de debuxo así como unha degustación de chocolate con churros para os asistentes”, abondou Ana Abelleira.

“Un intenso venres que concluirá cun Desfile de Ánimas, no que colaboran as asociacións de recreación histórica Clan de Breogán, Trebas Galaicas, Mercenarios Galaicos, Lugdunum e Civitas Lucensis, percorrendo parte do Casco Histórico e da Muralla para, a continuación, rematar cun conxuro purificador. Será o punto e final a este Samaín de 2019 no que, dende a área de Xuventude, convidamos a participar e, sobre todo a gozar, non só aos máis cativos senón tamén a toda a cidadanía lucense”, concluíu a concelleira.

[gallery columns="1" size="large" ids="23281"]

samain 19