Noticias de Hoy
Roteiros Literarios por Lugo
Localidad: Lugo (Concello)
Fecha: 14/11/2020
Horario: 12:00 a 12:00

Roteiros Literarios por Lugo

Lugo.

A concelleira de Cultura, Turismo e Promocion da Lingua, Maite Ferreiro, presentou o programa de roteiros literarios que organiza a Asociación de Escritoras e escritores en Lingua Galega durante as mañás dos sábados 14, 21 e 28 de novembro, e o 5 de decembro. “Trátase dunha nova actividade cultural segura coa que coñeceremos os distintos puntos de Lugo da man de autoras e autores locais”, explicou Maite Ferreiro.

As actividades son gratuítas, e debido aos protocolos sanitarios, a cabida de cada unha estará limitada a 5 persoas. A inscrición deberá realizarse previamente, contactando co correo electrónico oficina@aelg.org. Durante os distintos percorridos será preciso cumprir coa distancia de seguridade e o uso de máscaras. Maite Ferreiro lembrou que “desde a área de Cultura queremos achegar a cultura a todas as veciñas e veciños dun xeito seguro, axudando e promocionando o tecido cultural lucense e galego”.

Eis umha flor para o lume e o mar con María Casar

Sábado 14 de novembro, 12 horas. Saída desde o Vello Cárcere

O roteiro por Lugo centrado na figura de Ricardo Carvalho Calero fará da memoria unha chave importante para tratar de mergullarnos na obra poética do autor homenaxeado nas Letras Galegas 2020. Percorreremos diferentes lugares que el camiñou habitualmente, leremos poemas e textos da súa autoría e camiñaremos no tempo recoñecendo espazos de liberdade nunha época marcada pola represión. Desde os anos 50 cando se asentou en Lugo e onde viviu até 1965 e con posterioridade regresou moi a miúdo ao longo dos anos. Estancias marcadas polos vínculos familiares e por unha decisión firme de manterse ligado a esta cidade. A importancia do seu labor pedagóxico unido ao soño dun colexio na vangarda educativa fan que Carvalho Calero deixe en Lugo numerosos testemuños entre o alumnado do colexio Fingoi, que dan conta da súa implicación nun poderoso intento de valorizar a cultura e a lingua galega nun momento especialmente difícil. Loitador incansable pola educación e pola defensa do idioma como sinal identitario, galeguista histórico, pedagogo avanzado, investigador concienzudo, novelista e, sobre todo, poeta. Os seus versos acompañarán os pasos deste roteiro coa certeza dunha voz que nos mergulla nun percorrido poético fermoso.

Percorrido: Vello Cárcere, Hotel Méndez Núñez. Rúa da Raíña 3, Praza Maior, Círculo das Artes, Botica Figueroa, Domicilio familiar: Rúa Bon Xesús, Domicilio familiar posterior: Rúa Vilalba esquina Ronda da Muralla, Terceiro domicilio en Lugo: Rúa Carril dos Loureiros, Instituto en Ramón Ferreiro,  Antigo cemiterio Municipal de Lugo ( Biblioteca e Arquivo Provincial), Campos Fingoi, Colexio Fingoi.

Roteiro das Letras Violetas con Luz Darriba

Sábado 21 de novembro, 12 horas. Saída desde o Parque Rosalía de Castro.

O roteiro comezará no Parque de Rosalía de Castro, onde falaremos da obra de Marica Campo, poeta, articulista, novelista infantil e xuvenil que viviu moi perto do parque, na rúa Cedrón del Valle. Tamén falaremos de Tareixa Campo Domínguez, cuxa contribución ás letras violetas vénse expresando dende hai moito tempo a través do teatro e do grupo Achádego, fundamental na nosa cidade. No parque de Rosalía de Castro deixaremos poesías (protexidas por folios de plástico) e relatos das escritoras das que imos falar para que quen queira as leve. Falaremos, respecto do nome do parque, dende cando se chama así e como se chamaba antes. Do parque de Rosalía andaremos até a Praza Maior para falarmos da obra de Carmen Blanco e Adela Figueroa. Tamén deixaremos poesías e relatos nos bancos desa prazas pola que pasa moita xente malia a pandemia. Da Praza Maior andaremos até a rúa das Nóreas, case na esquina con San Pedro, onde unha placa recorda o paso de Rosalía de Castro pola cidade amurallada. Sexa que viviu alí, sexa que fora a sé do prelo Soto Freire (do que falaremos porque é importante lembrar a quen contribuíu á divulgación do galego), Rosalía pasou por alí, e é o que conta. Deixaremos poesías e relatos no albergue para peregrinos que está xusto nesa rúa. Dende alí determinaremos as diferentes paradas na medida que as escritoras confirmen os seus sitios favoritos da cidade, para rematar cun pequeno recital a cargo de poetas convidadas no monólito de homenaxe á escritora na súa terra dedicado a Pilar García Negro (diante da igrexa de San Froilán).

A Xeración Nós e Lugo con Antonio Reigosa

Sábado 28 de novembro, 12 horas. Saída desde a praza da Soidade (diante do Museo Provincial)

Aparentemente, a nómina de persoeiros lucenses nas actividades da chamada Xeración Nós, nomeadamente as colaboracións no seu Boletín, non semella moi destacada. Porén, a pouco que revisemos os seus índices axiña comprobamos que hai dous tipos de lucenses, nativos e inmigrados, que achegan o seu saber. Os nacidos en Lugo cidade ou na provincia como Bal y Gay, Ánxel Fole, Correa Calderón, Villar Ponte, Lois Peña Novo, Fernández del Riego, Aquilino Iglesia Alvariño, Noriega Varela ou Cunqueiro e os que sendo de fóra, varios ourensáns, fixeron de Lugo residencia profesional e vital. Velaí o caso de Primitivo R. Sanjurjo, Ben Cho Shey, Antonio Fraguas ou Carvalho Calero. Hai entre eles músicos, historiadores, políticos, profesores, poetas, narradores... Por outra parte, o Boletín Nós fíxose eco de numerosas novas relacionadas coa actividade cultural desenvolvida na cidade de Lugo entre 1920 e 1936. Percorreremos, desde a evocación das súas aportación ao proxecto Nós, unha parte da pegada da súa memoria na cidade de Lugo. As rúas que levan o seu nome, os lugares onde residiron ou traballaron e a súa contribución á vida cultural e intelectual da cidade.

Percorrido:

Praza da Soidade, rúas A. Fraguas, L. Peña Novo, praza Maior, praza Campo Castelo, Paseo dos escritores, Círculo das Artes, rúa Bispo Aguirre, IES Lucus Augusti e Parque Rosalía de Castro.

Roteiro arredor de As estacións do lobo con María Reimóndez

Sábado 5 de decembro, 11 horas. Saída desde a avenida da Coruña 310.

A novela As estacións do lobo (Xerais 2019) de María Reimóndez, ten como protagonista a Clara, unha adestradora canina, mais tamén a cidade de Lugo. Por iso propomos un percorrido físico polos espazos e temáticas da novela en compaña da súa autora. O roteiro incluirá lecturas, intervencións e sorpresas para achegarse doutro xeito ao texto desta obra que forma parte, xunto con En vías de extinción, A música dos seres vivos, Dende o conflito e As cousas que non queremos oír, do Ciclo dos elementos, unha serie de novelas independentes mais interconectadas. Pode participar calquera persoa de calquera idade e, con especial relevancia, cans. Iremos camiñando sen présa e parando en diferentes lugares, algúns deles con espazo para descansar. Procuraremos que o paseo sexa relaxado tamén para participantes de catro patas. A actividade non se suspenderá se chove, poderá realizarse con paraugas igualmente.

Percorrido: Gasolineira de San Rafael, Instituto Anxel Fole, Praza da Milagrosa,  Praza de Ferrol, Estación de autobuses