Noticias de Hoy
Presentacion de Medea de Luciano Anneo Seneca en Lugo
Localidad: Lugo (Concello)
Fecha: 13/03/2017
Horario: 19:30 a 19:30

Presentación de Medea de Luciano Anneo Séneca, en Lugo

Presentación de Medea de Luciano Anneo Séneca, en Lugo.

MEDEA, Lucio Anneo Séneca. Introdución, tradución e notas de José M. Otero, Ed. Toxosoutos, Outubro 2016. Edición bilingüe Latín-galego.

O vindeiro luns día 13, a partir das 19.30 teremos a presentación de Medea de Luciano Anneo Séneca que foi editado por Editorial Toxosoutos. Esta edición bilingüe latín-galego foi preparada por José M. Otero que estará acompañado durante a presentación por José Mª Anguita Jaén, profesor de Filoloxía Latina da Facultade de Humanidades da USC en Lugo.

MEDEA é unha das traxedias de Séneca máis consistentes se atendemos á forma. O autor cordobés desprega con esmero e atención todos os recursos técnicos na elaboración da estrutura dramática e verbal, na composición escénica, na integración coro-acto e na forza das imaxes e as ideas. A Séneca débenlle Shakespeare, o teatro isabelino e o renacentista a construción literaria da vinganza e tamén o desenvolvemento do papel funcional da violencia.

O aspecto máis propio da MEDEA, onde enraíza a súa orixinalidade, é a súa forma intertextual. A formulación literaria do mito dos Argonautas ten un longo percorrido na literatura grega, que agroma nunha alusión de pasada na Odisea, unha segunda pouco significativa en Hesíodo, para tomar forza na Pítica IV de Píndaro antes de chegar a mans de Eurípides e Apolonio de Rodas.

Toda a gran escritura é, en certo modo, imitación da gran escritura. Os seres humanos podemos facer moi poucas cousas sen un modelo. A evocadora figura de Medea, definitivamente asentada como personaxe literaria, faise moi popular ao ser retomada na Roma republicana polos primeiros dramaturgos das letras latinas, Ennio, Pacuvio e Accio; das súas MEDEAS só quedan fragmentos que non nos permiten máis que conxecturas. Si, resulta evidente e substancial a interacción entre a MEDEA de Séneca e o tratamento que Ovidio lle dá ó mito en Metamorfosis VII, e Heroidas VI e XII, e non é menos evidente a reescritura que Séneca fai de Eurípides e Apolonio de Rodas.

Sexa como sexa, a maneira de imitar a uns e a outros está condicionada pola visión literaria dos mitos en cada momento histórico e do que con eles se quere analizar e significar.

De todas as traxedias de Séneca a MEDEA é a única que abertamente analiza a natureza, a esencia da civilización e pon en cuestión a estabilidade e a permanencia da orde social humana reflectida no ordenada e luminosa Corinto da primeira oda coral. As dúas odas centrais da traxedia refírense á viaxe da nave Argos. A interpretación que fai Séneca do mito non procede de Grecia. Catulo, Virxilio, Horacio, Ovidio, Tibulo trataron a invención da navegación como un símbolo da fin da lenda da Idade de Ouro, da prístina harmonía entre a natureza, o home e os deuses, das tráxicas consecuencias da perda da inocencia humana, da disolución dos lazos familiares, do perigo do acelerado abuso tecnolóxico da natureza, do inicio da cobiza, da guerra, da decadencia moral, do
sufrimento humano, do desenvolvemento das cidades e as civilizacións.

Virxilio e Catulo presentan a viaxe como símbolo da decadencia espiritual que conclúe co colapso moral e social do mundo romano. A Argonáutica e os mitos relativos foron herdados por Séneca xa como elementos integrados na semiótica dunha crítica negativa do desenvolvemento da civilización. Estes mitos convertéranse nunha gramática da Roma imperial. Unha gramática que Séneca desenvolve con talento. Non hai nada en ningunha outra parte máis que en Séneca comparable ao estalido lírico das dúas odas argonáuticas da MEDEA que funden o problema da orde social de Corinto co problema da propia civilización, creadora e aniquiladora a un tempo do que crea.

A obra está dominada polo poder envolvente da palabra de Medea, cargada moitas veces de ironía, o que non deixa de ser unha estratexia de poder, un poder que se acrecenta co dominio das forzas escuras agachadas no cosmos, as forzas da maxia maléfica. O Coro, Creonte e Xasón, temerosos, tratan de acalala pero o seu empeño será tan inútil e autodestrutivo, coma o dos Argonautas por controlar os ventos e o mar. Este medo estaba máis que xustificado: Medea é o único personaxe de Séneca que pode cambiar a realidade, desde un sentimento amargo da exclusión social e persoal ata a
compracencia morbosa polo control absoluto da acción dramática e do destino tráxico de cada unha das personaxes.

Na súa fantasía lingüística Medea retorna ao seu pasado preargonáutico, recupera simbolicamente a virxindade entregada como dote e borra todo o que aconteceu despois chegada de Xasón á Cólquida.

MEDEA é a traxedia da vinganza, da crueldade e da loucura, un combate feroz, sen piedade, entre a ira e a razón.