Noticias de Hoy
1 festival musica cidade lugo 2023
Localidad: Lugo (Concello)
Fecha: 20/05/2023 a 09/06/2023
Horario: 01:00 a 01:00

Festival de Música Cidade de Lugo- 50 Semana de Música do Corpus. 2023

Cincuenta anos de historia avalan o decano dos festivais galegos de música, tradicionalmente coñecido como Semana de Música do Corpus, que reúne anualmente en Lugo a grandes figuras do panorama musical nacional e internacional e que, hai anos, ampliou a súa dimensión ata abarcar máis de unha semana.

Nesta edición número 50, contará con intérpretes como o contratenor estadounidense Lawrence Zazzo, que xunto co grupo Tercia Realidad dirixido por Jorge Jiménez abordará un programa centrado na música sacra de Vivaldi; a gran soprano italiana Roberta Invernizzi e Ars Atlántica, grupo dirixido polo arpista Manuel Vilas, que levarán a cabo un programa de “recuperación” de arranxos de cámara de arias de ópera italianas ao longo de tres séculos; ou o sublime clavecinista francés Pierre Hantaï, que lembrará ao seu mestre Gustav Leonhardt cun programa que xirará arredor das súas transcricións de obras de J. S. Bach. 

O grupo historicista La Bellemont xunto coa soprano francesa Armelle Morvan ofrecerán os seus propios arranxos de corais luteranos do propio J. S. Bach e dalgúns dos seus predecesores máis influentes. A galega Iria Folgado interpretará o concerto para oboe de Richard Strauss xunto coa Orquestra Sinfónica Vigo 430, dirixida por Vicent Alberola, que tamén abordará a Sinfonía nº 9 de Shostakovich e unha estrea do vigués Juan Eiras. A música para piano de Ligeti e Schubert será a protagonista do concerto de Noelia Rodiles, definida pola crítica como "un dos valores máis sólidos do pianismo español e internacional".

Abrirá o festival o 20 de maio o Ensemble Praeteritum, dirixido por Pablo Suárez Calero, coa Sinfonía número 1 “Titán” de Gustav Mahler no arranxo para 16 músicos asinado en 2008 por Klaus Simon. A Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) pecharao o 9 de xuño co que será un dos últimos concertos de Dima Slobodeniouk como o seu director titular. 

Concertos gratuitos:                   

Todos os concertos celebraranse no Círculo das Artes de Lugo agás o da pianista Noelia Rodiles, que terá lugar no Conservatorio de Música Xoán Montes. Serán con entrada de balde ata completar a cabida. O Festival de Música Cidade de Lugo está organizado pola Concellería de Cultura e Turismo do Concello de Lugo coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación (Area de Cultura) e da Sociedade Filharmónica de Lugo.

 

Festival de Música Cidade de Lugo- 50 Semana de Música do Corpus

 

  • 20 de maio  - Círculo das Artes - 20:30 h

Ensemble Praeteritum

Pablo Suárez Calero, dirección 

Mahler: Sinfonía nº 1 ”Titán” (Redución para ensemble)

  • 23 de maio  - Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes - 20:30

Noelia Rodiles, piano

Ligeti / Schubert

  • 25 de maio - Círculo das Artes -  20:30 h

Pierre Hantaï, clave

Lembrando a Gustav Leonhardt - J. S. Bach

  • 27 de maio - Círculo das Artes - 20:30 h

Orquestra Sinfónica Vigo 430

Iria Folgado, óboe

Vicent Alberola, dirección 

Eiras / R. Strauss / D. Shostakóvich 

  • 30 de maio - Círculo das Artes -  20:30 h

Lawrence Zazzo, contratenor

Tercia Realidad Orquestra Barroca

Jorge Jiménez, dirección 

Quando Corpus Morietur. Agonía e oración na música italiana do S. XVIII

  • 3 de xuño - Círculo das Artes -  20:30 h

La Bellemont

Choralfantasie (J. S. Bach e predecesores)

  • 7 de xuño - Círculo das Artes - 20:30 h

Roberta Invernizzi, soprano 

Ars Atlántica

Manuel Vilas, dirección 

Monte/Verdi (A arte da redución operística. 300 anos de ópera italiana fóra dos teatros, de Monteverdi a Verdi). 

  • 9 de xuño - Círculo das Artes -  20:30 h

Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG)

Dima Slobodeniouk, dirección

Schubert / Mozart. Sinfonías.

festival musica cidade lugo 2023